As continuas denuncias, mobilizacións e protestas que familias, alumnado e comunidades educativas de colexios e institutos públicos levan facendo polas numerosas eivas no funcionamento dos seus centros confluirán nunha gran marcha unitaria a nivel provincial. Será na Coruña, o vindeiro sábado 28 de febreiro, nunha manifestación por parte da Federación de Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) e AFAs (Asociación de Familias de Alumnos) ante a "situación de deterioración e falta de recursos que afecta á escola pública".
As protestas polas eivas nos centros públicos da provincia conflúen o sábado nunha manifestación; agora un informe advirte con detalle dunha deterioración "alarmante"
Os problemas, continuos e continuados desde hai tempo, levaron a que as ANPAs elaborase un informe a partir das achegas directas que as asociacións de nais e pais dos diferentes centros —a maioría colexios de primaria e infantil— fixeron sobre a deterioración "progresiva e alarmante" do ensino público na provincia, nunha problemática que é semellante noutras.
O balance é demoledor, evidenciando unha "situación crítica" en arredor de 70 centros educativos públicos, que escolarizan aproximadamente 22.000 alumnos e alumnas, aínda que desde a Federación advirten de que o problema “afecta moitos máis centros na provincia”. O informe identifica "carencias estruturais en profesorado e persoal de apoio, infraestruturas, accesibilidade, recursos sociosanitarios, así como deficiencias en limpeza e mantemento, que están a afectar a calidade educativa, a inclusión e a seguridade".
Así, en canto ás infraestruturas e á falta de accesibilidade, o estudo advirte que o 70% dos centros presenta goteiras, humidades ou filtracións, o 63% ten instalacións eléctricas "obsoletas ou insuficientes" e que o 55% conta con baños deteriorados, fugas e problemas de fontanería. Ademais, case a metade deles "carece de accesibilidade plena (ascensores, ramplas, portas adaptadas)", o 60% ten patios ou pistas deportivas en mal estado e o 42% "afirma que as incidencias estruturais se prolongan máis dun ano sen solución".
O informe das ANPAs cifra en 70 os centros públicos en "situación crítica": o 70% deles teñen goteiras ou filtracións e o 63% problemas na instalación eléctrica
O caso dalgúns destes 70 centros que participan no estudo serve de paradigma para todas estas eivas ao sufrir todas elas nos últimos meses. Como exemplo, o CEIP de Prácticas da Coruña, entre o barrio de Labañou e Riazor, que leva tempo denunciando graves problemas de humidades e na instalación eléctrica, que tivo baños inutilizados durante meses, que denuncia o mal estado das pistas deportivas ou do ximnasio e que agarda por unha reforma estrutural que ten estudo contratado pero da que aínda non se saben nin prazos, nin custo, nin detalles. Pero hai moitos máis.
O informe sinala tamén a "falta de profesorado e atención á diversidade", con ratios elevadas e "equipos inestables", o que provoca "unha sobrecarga xeneralizada do profesorado e grupos cada vez máis complexos".
O 78% dos 70 centros con problemas ten ratios elevadas sen reforzos suficientes e o 65% advirte de falta de profesorado especialista
Así, entre os datos recollidos destacan os que falan de que o 78% dos centros ten ratios elevadas sen reforzos suficientes e que o 65% denuncia falta de profesorado especialista (PT, AL, orientación, EF, idiomas, música, tecnoloxía…). Ademais, o 72% dos CPI (centros públicos integrados) e centros rurais "sofre itinerancia constante e falta de estabilidade nos equipos" ou que o 40% dos IES "non pode garantir a libre elección de optativas por insuficiencia de profesorado".
Por outra banda, máis da metade (o 55%) dos institutos que achegaron datos indica que non poden garantir a libre elección de optativas por insuficiencia de profesorado. As consecuencias de todo isto, indica a Federación, é "unha perda real de equidade educativa, unha sobrecarga extrema do profesorado e unha atención insuficiente ao alumnado con maiores necesidades”.
Respecto do persoal de apoio, a súa escaseza aparece como unha das necesidades máis reiteradas polas ANPAs. Así, o 74% dos centros ordinarios ten alumnado con NEE (necesidades educativas especiais) sen persoal coidador suficiente e o 52% denuncia exclusión en transporte escolar e madrugadores.
Ter cuartas partes dos centros ordinarios teñen alumnado con necesidades especiais sen persoal coidador abondo
Ademais, o 68% reclama enfermeira escolar e o 61% un ou unha psicóloga educativa e o 57% sinala insuficiencia de persoal de limpeza e mantemento. No caso dos centros rurais, o 46% "non pode garantir a seguridade do alumnado con dependencia nos recreos e entradas e saídas". "Esta situación obriga ao profesorado a asumir funcións asistenciais, reduce a autonomía do alumnado e vulnera o principio de inclusión educativa", di a Federación.
Tardanza e lentitude
Alén disto, o informe destaca tamén como un dos graves problemas a "falta de planificación e a lentitude na resposta" ante as demandas da comunidade educativa. Segundo os datos, o 76% dos centros nesta "situación crítica" afirma que as incidencias tardan "meses ou anos en resolverse". Ademais, o 58% denuncia falta de planificación e mantemento preventivo, unha demanda que sinala os concellos, responsables deste mantemento nos colexios e que, en moitos casos, son sinalados por non levalo a cabo e por desleixo.
Así, o 62% dos centros consultados percibe "desigualdade territorial evidente" entre concellos neste ámbito, mentres que o 44% indica que a orientación educativa chega tarde ou non chega, especialmente en CPI e zonas rurais.
Ante esta situación grave, a Federación conclúe que “non se trata de incidencias illadas, senón dun problema estrutural que require respostas planificadas, coordinadas e sostidas no tempo por parte das administracións competentes, baseadas en criterios de equidade, accesibilidade e necesidades reais”.
"É un problema estrutural que require respostas planificadas, coordinadas e sostidas no tempo por parte das administracións"
Na manifestación do vindeiro sábado na Coruña, nais, pais, alumnado e profesorado uniranse para reclamar "recursos reais e estables en profesorado, especialistas e persoal coidador" e "infraestruturas seguras, accesibles e mantidas con criterios profesionais".
Tamén demandan "servizos complementarios inclusivos, sen exclusión por falta de persoal" e "equidade territorial para garantir o dereito á educación en todos os concellos", ademais de "planificación e diálogo real coa comunidade educativa".
“Garantir unha educación pública de calidade, inclusiva e equitativa na provincia da Coruña pasa por asegurar profesorado e persoal de apoio estables, centros con catálogos flexibles e accesibles, e infraestruturas seguras que respondan ás necesidades reais do alumnado”, rematan.