O pasado 11 de novembro, cascallos dunha parte do espazo universitario da Normal, lindeiro co colexio de Prácticas da Coruña, caían a escasos metros da entrada principal do centro escolar, nunha zona empregada polo alumnado para xogar ou gardarse da chuvia. O incidente esgotou a paciencia das familias que, precisamente, celebraban aquel mesmo día unha asemblea da ANPA para informar da "grave" situación das instalacións.
Importantes problemas de humidades con afectación á saúde, pingueiras e filtracións directas de auga nas aulas, ventás que impiden o illamento térmico, mal estado da instalación eléctrica —que mesmo obrigou ao desaloxo dunha clase—, mobiliario desgastado, solos afundidos no ximnasio, paredes coa pintura caída ou árbores sen podar no patio e con pólas tocando o chan... As fotografías dan clara mostra das eivas e deficiencias; a realidade, moito máis.
A caída de cascotes á entrada do colexio esgotou a paciencia das familias e da ANPA, que denuncia o "desleixo e inacción" das administracións ante as "graves deficiencias" no centro
"Gustaríame ver calquera persoa adulta tendo que pasar toda unha xornada laboral nun espazo coma este, como fan os nosos pequenos e pequenas", reflexionan as familias do CEIP de Prácticas, mobilizadas nos últimos meses fartos do "desleixo" e a "inacción" por parte das administracións. "Queremos unha escola segura e digna", reza a pancarta que desde hai semanas pendura na entrada do colexio, onde a rapazada deixou tamén carteis coas súas reivindicacións tras a manifestación e o corte de tráfico que pais, nais e alumnado levaron a cabo o pasado 20 de decembro: "Quero ir sen medo á escola", "o cole vai caer, algo tedes que facer", "por un cole mellor", "se non invisten en nós, que futuro constrúen?", "saúde en risco, educación en xogo: arranxade xa".
"O CEIP de Prácticas, pola súa historia, a súa localización, as súas peculiares características debera ser un exemplo e un modelo, pero en canto ás instalacións é xusto o contrario", reivindican as familias, conscientes dun problema que consideran "grave". "Hai espazos da planta baixa inutilizados, onde xente con problemas respiratorios non pode nin entrar", denuncian desde o ANPA.
O CEIP de Prácticas sofre graves humidades e filtracións de auga e ten solos afundidos, entre outras eivas; a comunidade escolar reclama solucións urxentes e pide prazos detallados
"Calquera responsable público que vexa isto debería avergonzarse", comentan varios pais e nais do único colexio público de infantil e primaria dos populares barrios de Labañou e San Roque, con seis décadas de historia e a escasos metros do estadio de Riazor, onde estudan máis de 200 pequenos e pequenas. Así debeu ser. Logo de varios meses de reclamacións, foi tras a denuncia pública e algunha reunión coas administracións cando se levaron a cabo obras menores e arranxos urxentes. Unha premura que, destacan varias familias, evidencia a necesidade dunha actuación a fondo.
"Non é suficiente; as deficiencias son moitas e graves e o problema é estrutural; o que se require é unha reforma integral", reivindica Cristina Novoa desde o ANPA, que demanda tamén prazos detallados e un plan de actuación que non se demore no tempo e que imite a importantes actuacións que se están a acometer noutros centros de ensino público da contorna. Se non é así, advirten, continuarán as mobilizacións.
Xunta, Concello e UDC son responsables dun centro propiedade da Universidade, cedido ao municipio, xestionado pola Consellería de Educación e protexido por Patrimonio
Polo momento, e en poucos días, a Xunta pintou parte da fachada, amañou un beiril na entrada que ameazaba tamén con caer, retirou o enreixado en mal estado e solucionou a filtración de auga nunha aula; a Universidade retirou un beirado con problemas no pavillón lindeiro e arranxou a zona que provocara o primeiro desprendemento, mentres que o Concello mudou un diferencial que levaba dous anos estragado e cambiou varias lámpadas. Tamén podou unha árbore. "Só unha e porque danaba un cable de telefonía; as demais quedaron nas mesmas condicións, co perigo que supón en días de temporal", lembra a ANPA, que advirte dos reparos constantes das administracións.
Ademais, e mentres a deterioración empeora, a UDC mantén no mesmo espazo aulas e instalacións deportivas renovadas e en perfecto estado. "Infrautilizadas" e polas que o centro loita para que poidan ser cedidas ao colexio, unha dispoñibilidade que desde a Universidade se comprometeron a mellorar logo de anos de "atrancos e problemas", como confirman desde a ANPA, que advirte que seguirá loitando "por unha escola segura e digna".
Varias, en plural. Velaí un dos "problemas", segundo asociación e as familias. O CEIP de Prácticas, que forma parte da denominada Cidade Escolar e estivo asociada nos seus inicios á antiga Escola Normal de Maxisterio, é un edificio propiedade da Universidade da Coruña, cedido mediante un convenio ao Concello e xestionado pola Xunta dentro da súa rede de centros públicos. Está inserido, ademais, nun espazo universitario protexido por Patrimonio. "É unha situación bastante especial e complexa", explican desde a ANPA, que lembra as dificultades para acometer calquera obra ou para recibir resposta ás demandas e o desleixo. "Pasan a bóla duns aos outros pero sen solucións", engaden.
De feito, o convenio que regula a colaboración entre Xunta, UDC e Concello para a xestión do centro debería ter sido renovado en 2022. "A dependencia de tres administracións non fai máis que empeorar a resposta ás nosas demandas e as dúbidas sobre un convenio que ben foi abandonado ou claramente non cumpre coas súas funcións", denunciou a ANPA. Preguntada algunhas das administracións sobre o acordo, nin tan sequera se puido aclarar se fora prorrogado automaticamente —como así especifica o texto— ou se xa non estaba en vigor.
Coincidindo coa manifestación do pasado 20 de decembro, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, advertiu de que a Xunta xa enviara unha unidade técnica ao colexio e avogou por “avanzar na formulación dun convenio” para que haxa “unhas instalacións dignas” para as persoas que traballan e estudan na escola.
As familias do centro levan semanas mobilizadas en demanda de melloras inmediatas
No asinado en 2018 aclárase o labor que corresponde a cada administración, encargándose a Xunta da xestión e das grandes intervencións e o Concello dun mantemento (obras menores) que a ANPA define como "deficiente". Ademais, denuncia que ningunha cumpriu co seu cometido e pregúntanse cal foi a supervisión e control tendo en conta o estado de degradación e a falta de resposta a antigas demandas.
Urxidos polas protestas e reivindicacións, o pasado mércores, representantes da Xunta, da UDC e do Concello mantiveron unha xuntanza na que se acordou que os servizos de arquitectura da Universidade e da Administración autonómica se encargarán de "elaborar unha memoria valorada sobre as necesidades de reparación do edificio". Pero non deron prazos.
Será daquela cando se determine a achega económica de cada administración. A UDC, que advertiu varias veces das súas dificultades económicas para asumir grandes obras, comprometeuse a destinar unha partida para infraestruturas ao edificio no caso de que lle sexa concedida pola Secretaría Xeral de Universidades. O Concello, preguntado en varias ocasións, insiste en que a responsabilidade é en exclusiva da Xunta e "bota balóns fóra", segundo denuncian fontes da comunidade escolar.