Este pasado luns principiou o curso nas universidades públicas galegas. Como é tradición, as tres institucións académicas celebraron previamente, o venres anterior un acto solemne de apertura, que por quenda correspondeu desta volta á Universidade da Coruña, con presenza de múltiplas autoridades e representacións, aínda que coa ausencia destacada do presidente da Xunta, que á mesma hora participaba nun acto do PP en Madrid.
Así e todo, Alfonso Rueda si acudiu nos últimos días a unha das universidades galegas. Concretamente, a unha aula da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago para gravar un vídeo onde lembrou que el mesmo estudou alí e subliñou que o curso 24-25 é "especial" no ensino superior galego porque, por primeira vez, "a matrícula universitaria será gratuíta" grazas ao financiamento da Xunta.
Esa gratuidade é a aprobada polo Goberno galego no decreto de prezos públicos das universidades, que trouxo consigo unha subvención do 99% para o estudantado de novo ingreso. Para o alumnado de segundo cursos en diante, as primeiras matrículas nas diversas materias tamén están subvencionadas cumprindo certos requisitos como "matricularse na totalidade dos créditos" do curso ou ter aprobados entre o 65% e o 90% dos créditos do curso anterior -en función da área de coñecemento-.
A subvención da Xunta do 99% para a primeira matrícula universitaria ten requisitos académicos, pero é "independente do nivel de renda"
Na liña do prometido polo PP na campaña das eleccións galegas, esta subvención das primeiras matrículas universitarias vén estender, aínda que con limitacións como as devanditas, as bolsas de matrícula que xa existían a través do Ministerio de Educación, condicionadas por requisitos académicos pero tamén polos recursos económicos do alumnado e as súas familias. O Estado, ata agora, só paga a universidade ao alumnado con ingresos máis baixos, mentres que a subvención da Xunta para primeiras matrículas "é independente do nivel de renda e patrimonio", tal e como plasmou o Goberno galego no DOG.
Contraste coas axudas parciais para libros de texto
Esta medida, canalizada como corresponde a través da Consellería de Educación, vai na dirección contraria doutra das políticas do mesmo departamento en materia de axudas ao estudo: a relativa aos libros de texto para o ensino obrigatorio, no que o curso comeza este 11 de setembro. Neste ámbito, os sucesivos Executivos do PP optan por diferentes plans de axudas parciais, desbotando cada curso a implantación ou extensión dun sistema universal de libros públicos ao xeito do iniciado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-2009), cancelado en 2009 polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo e remudado pola daquela denominada "gratuidade solidaria".
Ante as reclamacións de nacionalistas e socialistas para retomar a gratuidade dos manuais escolares, máis aínda tendo en conta a decisión de subvención xeral para as matrículas universitarias, o conselleiro de Educación volveuse negar argumentando que "a administración debe procurar unha distribución equitativa en función de cada caso concreto e non facer un café para todos". O préstamo universal de libros de texto "non xeraba un efecto redistributivo", segundo Román Rodríguez, porque "os fillos e fillas de familias de altos ingresos tiñan a mesma axuda que as familias de poucos recursos". Isto é, como a subvención universitaria "independente do nivel de renda".
O Goberno galego négase a implantar un sistema de libros de texto públicos porque "os fillos e fillas de altos ingresos" terían "a mesma axuda que as de poucos recursos" e procura evitar "un café para todos", esgrime o conselleiro de Educación
Con este pano de fondo, no curso 24-25 seguen rexendo as dúas liñas de axudas. Por unha banda, o denominado "fondo solidario" de libros dende 3º de Primaria e ata 4º da ESO, no que se asignan os libros dispoñibles en cada colexio ou instituto "por orde inversa" de renda. Cando se esgotan, o centro educativo debe mercar "os libros que sexan necesarios" para "garantir" 6 libros por estudante de familias con renda per cápita de ata 6.000 euros ou catro libros para rendas de ata 10.000, sempre tendo en conta que a Xunta non paga aos centros máis de 40 euros por libro en Primaria ou 45 na ESO.
Con este fondo conviven as axudas parciais para alumnado de 1º e 2º de Primaria, un pagamento único de 240 euros para familias con rendas per cápita de ata 6.000 euros ou de 160 ata 10.000. Dende 3º de Primaria e ata 4º a ESO, as axudas económicas para libros limítanse a estudantes con necesidades específicas de apoio educativo "que non poida usar os libros do fondo solidario" e van, en función da renda, de 160 a 270 euros. Para parte do alumnado con discapacidade -nunha disposición xa considerada discriminatoria pola Xustiza tras un recurso de Down Galicia- axuda é de 300 euros con independencia da renda.
Diante das peticións da oposición, a Xunta esgrime que o seu modelo, entre fondo solidario, subvencións parciais e cheque de material escolar "chega ao 70% do alumnado en función da súa renda, axudando máis a quen máis o precisa". O conxunto da orde de axudas ten un orzamento de 15 millóns de euros para o curso 24-25, cofinanciado no caso das axudas para libros por parte do Ministerio de Educación, que este mesmo 9 de setembro daba conta no BOE doutros 2 millóns de euros destinados a Galicia para este fin.
Reivindicacións das ANPA
"Unha familia paga 400 euros nun curso da ESO" mentres a Administración "consagra os libros de texto como ferramenta vehicular na educación", lamenta Confapa Galicia
O contraste entre a extensión da gratuidade para as primeiras matrículas universitarias mentres as familias do ensino público deben seguir pagando, en maior ou menor medida, polos libros de texto non pasa desapercibido para as principais confederacións de asociacións de nais e pais (ANPAs) do noso país. Tanto a Confederación ANPAS Galegas como CONFAPA Galicia aplauden a gratuidade no ensino superior, pero "non ten moito sentido que teñamos que pagar por todo o demais", considera Isabel Calvete, presidenta de ANPAS Galegas.
"Saudamos e bendicimos a decisión de pagar as matrículas universitarias, é unha decisión correcta para o século XXI", sinala en conversa con Praza.gal Rogelio Carballo, presidente de Confapa Galicia. "Que a universidade non sexa unha cuestión económica é o axeitado" pero mentres, exemplifica, "unha familia ten que pagar 400 euros de libros nun curso da ESO" e, alén do gasto, a Administración contribúe a "consagrar os libros de texto como ferramenta vehicular da educación".
Que os libros de texto "non sexan de balde é un problema non menor", agrega Carballo, se ben Confapa Galicia ve "prioritario" deixar de enviar ao estudantado "a mensaxe de que toda a información necesaria e veraz" da que precisan nas aulas "está condensada nun libro de texto". Este manuais, acrecenta son parte dun "modelo de negocio moi caduco" no que, exemplifica, "pagamos dereitos de autor polas táboas de multiplicar ou a gramática" e "alguén se está facendo de ouro" con prezos, afirma, moi superiores ao de libros técnicos doutros ámbitos.
"É un esforzo económico das familias que vai en contra do mandato constitucional: se o ensino público é gratuíto non habería que pagar nada", subliñan dende ANPAS Galegas
Sobre as axudas parciais da Xunta o presidente de Confapa Galicia apunta outra eiva máis. Nos centros que adoptan Edixgal -o sistema de ensino en soportes dixitais- "invalídase o fondo solidario de libros de texto" e "se un departamento ou un profesor decide non empregar Edixgal, condena as familias" a pagar polos libros. "O sistema", lamenta, pon nese caso "na balanza a liberdade de cátedra e a protección social das familias e quen perde é a protección das familias".
Para a presidenta de ANPAS Galegas, en última instancia, a cerna do debate pasa pola natureza mesma do ensino público. "Falamos dun esforzo económico das familias que vai en contra dun mandato constitucional": "se o ensino e público e gratuíto tería que dicir que non cómpre pagar nada", incluíndo material escolar e libros. É por iso, especifica, que esta entidade "non fai números" concretos sobre o custo dos libros, máis alá de que "son máis caros que o ano pasado, porque a vida sobe". "Centrémonos nos dereitos", subliña Isabel Calvete a este xornal, enfoque dende o cal ANPAS Galegas reclama un "ensino igualitario para todos", con independencia da renda, tamén no que atinxe aos libros.