Unha gran enquisa de Educación con 172.000 cuestionarios di que en xeral a convivencia vai mellorando, pero o 20,5% das familias considera que empeorou, e o 25,8% do alumnado de ESO non está satisfeito co seu centro
A Consellería de Educación vén de facer público un resumo dos resultados dunha gran enquisa sobre convivencia escolar na que se realizaron 172.000 cuestionarios e que segundo o Goberno galego reflicte que o clima nas aulas segue a mellorar. O estudo inclúe por primeira vez preguntas sobre o uso das novas tecnoloxías, pero é a análise sobre a convivencia a que permite establecer comparacións con anos anteriores para coñecer a evolución. Uns datos que reflicten unha evolución positiva na maioría dos indicadores pero que tamén amosan os problemas que seguen a existir nas aulas galegas, cun 28% do alumnado de 10 a 16 anos que declara que padeceu condutas negativas ou contrarias á convivencia como burlas, insultos, rumores, exclusión ou agresións.
O estudo foi realizado o pasado ano con enquistas a 18.000 docentes, 36.000 familias, 33.000 alumnos de 5º e 6º de primaria, 65.000 alumnos de ESO, 19.000 de ensino postobrigatorio e 1.500 a persoal de administración e servizos. Educación salienta que o 90% das persoas enquisada declararon que nos seus centros non había problemas de convivencia. Pero a cifra baixa cando se analiza por grupos e condutas concretas. Así, o alumnado do ensino obrigatorio (5º e 6º de Primaria e ESO, isto é, aproximadamente entre os 10 e os 16 anos) declarou nun 71,28% dos casos que non padeceu condutas negativas, fronte ao 68% da anterior enquisa de 2021. Isto é, un 28,72% si as padeceu, tres puntos menos que na consulta anterior.
Entre esas varias posibles condutas negativas sufridas, Educación sinala que o 8,97% sentiron que se rían deles ou delas, o 8,11% recibiron insultos ou o 7,8% queixáronse de rumores. A violencia física tamén segue presente cun 3,93% que sinalou "golpeáronme" e un 2,33% que indicou "rompéronme as cousas".
Máis do 15% do alumnado do ensino obrigatorio admitiu cometer condutas negativas para a convivencia
A enquisa tamén indica que algo máis do 15% do alumnado do ensino obrigatorio analizado, isto é, a partir de 5º de Primaria, admitiu cometer condutas negativas, co insulto en primeiro lugar cun 6,8%. As porcentaxes baixan no ensino postobrigatorio tanto para as persoas que sofren como as que comente condutas negativas.
Canto aos lugares nos que se producen os conflitos, o recreo é o máis sinalado no ensino obrigatorio mentres que os arredores do centro educativo son os espazos máis conflitivos no postobrigatorio. Pola contra, o transporte escolar, o comedor ou os aseos son os lugares con menos conflito.
A enquisa tamén compara as respostas obtidas o pasado ano coas de anos anteriores, o que permite coñecer que hai unha mellor percepción do clima escolar, con maiores porcentaxes de profesorado, familias ou alumnado postobrigatorio que considera que mellora.
Porén, tamén hai máis persoas que consideran que empeora, fronte a unha redución das que a enquisa non encadra nin nunha nin noutra categoría. Así, se na anterior enquisa de 2021 había só un 14% do profesorado que percibía que a convivencia estaba a empeorar, agora esa visión negativa é do 27,48% do profesorado. E o mesmo sucede no resto de grupos, cun 20,5% das familias cunha visión que considera que a situación empeora fronte ao 12,1% que había dous anos antes.
O estudo tamén preguntou pola satisfacción xeral co centro educativo, e neste apartado resulta significativo que o 25,79% do alumando de ESO declara estar insatisfeito. Esa insatisfacción é do 10,27% entre as familias e do 8,16% entre o profesorado.
A enquisa tamén analizou por primeira vez o uso das novas tecnoloxías, cun 53% do alumnado de 5º e 6º de Primaria con móbil propio
Ademais destas análises sobre a convivencia escolar, que xa se viñan facendo en anteriores enquisas, desta volta Educación tamén fixo preguntas por primeira vez sobre hábitos sociais do alumnado relacionados co uso das novas tecnoloxías. Segundo a enquisa, o 53,5% do alumnado de 5º e 6º de Primaria ten teléfono móbil propio, porcentaxe que sobe ao 90,65% na ESO.
No ensino obrigatorio, o 81% do alumnado di que se conecta a internet varias veces á semana ou case todos os días. E dentro dese colectivo, o 81,96% do alumnado de 5º e 6º de Primaria afirma que non recibiu nunca ameazas ou insultos a través da rede, cifra que baixa ao 67,88% na ESO. Canto ao acceso a contidos pornográficos, o 64% do alumnado do ensino obrigatorio di que nunca accedeu a eles.