O 10% do alumnado de Secundaria aposta en internet e o 15% é acosado a través das redes

Unha moza consulta o seu teléfono móbil CC-BY-SA Sweetlouise

Case a metade do alumnado dos dous últimos cursos de Primaria (46,5%), de entre 10 e 12 anos, ten móbil en Galicia. A expansión e xeneralización do uso destes dispositivos chega cada vez en idades máis temperás e afiánzase antes da maioría da idade: practicamente a totalidade do estudantado da ESO (o 88,7%) e de Bacharelato e FP (90,7%) posúe o seu propio teléfono. 

Case a metade do alumnado dos últimos cursos de Primaria, entre 10 e 12 anos, ten teléfono móbil; na ESO e no Bacharelato posúeno o 90%

Son algúns dos datos da Enquisa de diagnose da convivencia escolar de 2025 que este pasado martes debullou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ante o Consello Galego para a Convivencia Escolar. As porcentaxes, aínda que semellantes, son algo menores ás do inquérito de 2023, unha "tímida dinámica á baixa de posesión de dispositivos móbiles" que a Xunta vincula coa prohibición do uso do teléfono nos colexios e institutos desde que comezara 2024

Durante os últimos anos, numerosos estudos insisten en destacar que o uso excesivo do móbil empeora a saúde da rapazada e insisten no consenso científico para atrasar a súa chegada á cativada. Tamén advirte do uso problemático das redes sociais e a afectación á saúde mental ou sinalan que a idade media de entrega dun dispositivo aos máis pequenos rolda os 11 anos (10,9). 

Rapazas consultando os seus teléfonos móbiles © Santi Alvite/USC

Un dos últimos informes, a enquisa da ONG Educo, apunta a unhas cinco horas diarias de pantallas de media pola semana e arredor de seis horas ao día nas fins de semana en crianzas de 6 a 13 anos.

Sexa como for, o uso dos móbiles é xeral na rapazada e adolescencia que, como no resto de franxas de idade, xa o utiliza fundamentalmente para entrar en internet. Así, case o 80% do alumnado de Primaria e da ESO (o 78,5%) afirma que se conecta a internet varias veces á semana ou case todos os días, unha porcentaxe que se eleva ao 88,6% no caso do de Bacharelato e FP. 

E se hai un motivo polo que os máis novos empregan os móbiles e internet é o das redes sociais, unha tendencia xeral na cidadanía pero máis acusada entre a mocidade. Case o 70% do alumnado de ensino obrigatorio as usa habitualmente (o 68,7%), unha porcentaxe que rolda o 80% no caso do ensino postobrigatorio (78,8%). 

Nese ámbito gañan TikTok e Instagram. A primeira destas redes sociais é a máis utilizada entre o alumnado de Primaria e ESO (o 45% di usala) seguida de Instagram (40,6%) e YouTube (40,4%). No caso das ensinanzas postobrigatorias, as máis populares son Instagram (63,7%), TikTok (55,88%) e YouTube (48,63%). Ademais, en canto áas ferramentas de mensaxería, a máis popular entre o alumnado é WhatsApp, seguida de Discord e Snapchat.

O uso das redes sociais é xeneralizado entre o alumnado: Instagram e TikTok arrasan na ESO e no Bacharelato

Ante este uso xeneralizado, outras enquisas, como a financiada polo Ministerio de Sanidade e impulsada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para coñecer as condutas saudables dos mozos e mozas escolarizados, sinalaba que un de cada catro adolescentes galegos asume que discute e se frustra por mor das redes sociais ou que máis dun terzo intentaron pasar menos tempo usándoas, pero sen logralo. 

No que ten que ver cos videoxogos, a maioría da rapazada que participou nesta última enquisa da Consellería de Educación di utilizalos como un medio de entretemento, sobre todo en Primaria, onde afirman usalos con este fin o 80,8%. Pero o 42% fano, ademais, principalmente con amigos

Teléfono móbil intelixente con varias aplicacións de comunicación social CC-BY-SA Indra Projects

Un de cada dez alumnas ou alumnos da ESO afirma ter apostado cartos por internet e o 15% asegura que foi intimidade algunha vez a través das redes

Con todo, internet e o uso das redes sociais e dos dispositivos móbiles intelixentes agocha os seus riscos. Segundo os datos da enquisa difundidos pola Xunta, máis do 10% do alumnado da ESO e perto do 20% do de ensino postobrigatorio afirma que participa en apostas en liña. En concreto, é case o 90% e o 83% respectivamente o que asegura que non o fai. Arredor do 87% do conxunto de rapazada consultada. 

Po outra banda, arredor do 20% do alumnado dos últimos cursos de Primaria e da ESO asegura ter entrado algunha vez en páxinas de contido pornográfico, unha porcentaxe que se eleva a máis dun terzo no caso da rapazada de ensinanzas postobrigatorias. 

Alén disto, a enquisa sinala tamén que arredor do 90% do alumnado (91,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 84,33% dos de ESO e os 78,83% dos de ensinanzas postobrigatorias) afirma que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias a través de internet e das redes sociais. Xa que logo, o 10% si asegura ter sufrido estas condutas, unha porcentaxe que se eleva a máis do 15% e máis do 20% en Secundaria e Bacharelato e FP respectivamente. Estudos anteriores advirten de que un de cada dez adolescentes de Galicia recibe presións para enviar imaxes de contido sexual a través da rede.

Estes datos contrastan cos da enquisa da Xunta que aseguran que practicamente o 100% das familias (98,8%) afirma que os seus fillos nunca ou case nunca se sentiron ameazados, intimidados, insultados ou acosados a través de internet. Así mesmo, o 76% do profesorado manifesta que os conflitos relacionados co uso incorrecto dos dispositivos electrónicos ou da rede son feitos puntuais.

O conselleiro Román Rodríguez presenta os resultados da enquisa no Consello Galego para a Convivencia Escolar CC-BY-SA Xunta

Tamén no que ten que ver coas familias, o 85,3% delas afirma que limita sempre ou case sempre o uso de dos dispositivos electrónicos e a conexión á rede dos seus fillos e fillas (83,3% en 2023) fronte ao 14,7% que afirma que non o fai nunca ou case nunca (16,6% en 2023).

"Prioridade de goberno"

Ante estes resultados, o conselleiro Román Rodríguez destacou que a convivencia é unha “prioridade de goberno” reflectida na Estratexia galega de convivencia 2025, co desenvolvemento de iniciativas pioneiras como a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos, a colocación de puntos laranxa contra o acoso, o Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar ou a formación do profesorado, entre outros.

Tamén se comprometeu a seguir traballando arreo no “compromiso colectivo” con todos os integrantes da comunidade educativa e co resto de institucións para "erradicar condutas contrarias á convivencia". Nesta tarefa, dixo, enmárcase a futura Rede de concellos contra o acoso ou a ferramenta Termómetro Acoso Escolar, que xa está a disposición dos centros educativos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.