Nos últimos meses está a poñerse sobre a mesa, cada vez con maior intensidade, o debate sobre o uso dos móbiles e das redes sociais por parte da rapazada. Grupos de nais e pais comezaron a organizarse para, en colectivo, adiar a entrega destes dispositivos aos seus fillos adolescentes e preadolescentes. Ao tempo, a Xunta ampliou a toda a xornada escolar (tamén no comedor, recreo, actividades extraescolares e na entrada e saída) a prohibición do uso dos móbiles nos institutos por parte do alumnado.
"Hai un impacto xeral por mor do uso excesivo do móbil, pero hai segmentos da poboación que son especialmente vulnerables e que, polo tanto, demandan das administracións públicas un exercicio de responsabilidade"
Os estudos científicos levan anos alertando sobre os efectos prexudiciais dun uso excesivo dos dispositivos electrónicos, impactos que tamén afectan á poboación adulta (dificultade de concentración e de lectura, sedentarismo, problemas para durmir...), pero ante os que a mocidade e a cativada son moito máis vulnerables, como tamén demostraron varias investigacións publicadas.
Algúns dos estudos que acadaron maior recoñecemento foron realizados en Galicia (dende o inicial impulsado en 2010 polo Valedor do Pobo ata os máis recentes baixo o paraugas de UNICEF ou a Fundación Barrié) baixo a dirección de Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC. Hai uns días coñeceuse, ademais, que Rial Boubeta formará parte dun grupo de especialistas convocado polo Ministerio de Xuventude e Infancia para deseñar un plan de intervención que regule o uso responsable dos dispositivos e Internet con especial atención á poboación máis nova e a xeración de contornas dixitais seguras.
"Hai que facer algo, pero hai que facelo dende un enfoque de responsabilidade, dende o diálogo e o consenso e, por último, da man da evidencia científica, escoitando os expertos"
Como está a asistir Antonio Rial ao actual debate público sobre o uso dos móbiles por parte da mocidade? "Paréceme un debate absolutamente necesario e que xa me tardaba en chegar", destaca en conversa con Praza.gal, na que destaca a evidencia científica publicada nos últimos anos sobre o impacto dunha presenza dos móbiles e das pantallas nas nosas vidas "cada vez maior". "Hai un impacto xeral, pero hai segmentos da poboación que son especialmente vulnerables e que, polo tanto, demandan das administracións públicas un exercicio de responsabilidade", di.
"Agora, por fin, a primeira institución, que é a familia, comeza a facerse cargo do problema. Isto está moi ben. Iso si, xa que tardamos 15 anos en darnos conta da dimensión deste problema e iniciar este debate público, conviría que o debate se dese con calma e con prudencia", destaca. "Hai que facer algo, pero hai que facelo con cautela, dende un enfoque de responsabilidade, dende o diálogo e o consenso e, por último, da man da evidencia científica, escoitando os expertos", salienta.
O impacto do uso dos móbiles
A maior parte dos rapaces e rapazas inician o ensino secundario ao redor dos 12 anos. Os grupos de nais e pais que dende hai meses se están a organizar para adiar a entrega de móbiles aos seus fillos e fillas destacan esta idade como unha fronteira case insalvable. Son moitos os alumnos e alumnas que xa comezan o curso (1º de ESO) cun móbil e os que non o fan, adoitan, recibilo nos meses seguinte -por exemplo no Nadal-, en parte pola presión social que se exerce sobre os nenos e nenas sen móbil e que estes trasladan ás súas familias.
"As porcentaxes de rapaces de 10-11 anos que teñen móbil, que usan redes sociais (a pesar de que a lei di que non poden facelo por debaixo dos 14) ou que miran o móbil antes de durmir son tremendas. E o impacto é brutal"
Rial Boubeta lembra que os datos actuais indican que rapaces e rapazas do país teñen o seu primeiro móbil aos 10,9 anos, polo tanto moito antes dos 12 anos. E que, de feito, hai algúns que xa os comezan a recibir con 8 ou 9 anos. "As porcentaxes de rapaces de 10-11 anos que teñen móbil, que usan redes sociais (a pesar de que a lei di que non poden facelo por debaixo dos 14) ou que miran o móbil antes de durmir son tremendas. E o impacto é brutal", di.
Cales son estes impactos? Nos estudos dirixido nos últimos anos en Galicia por Rial Boubeta detállanse efectos múltiples: sobre a saúde física, sobre a saúde mental, sobre a convivencia coas persoas que os rodean (especialmente cos seus compañeiros e coas súas familias), o seu desenvolvemento persoal e maneiras de socialización, ademais dos riscos de ser vítima dalgún dos novos delitos online, dende o ciberacoso ao grooming (cando un adulto se fai pasar por un menor para gañar a súa confianza, que pode derivar en control mental ou chantaxe) pasando polo sexting (envío de mensaxes ou imaxes sexuais) con menores.
"Un uso excesivo do móbil empeora a saúde dos nosos fillos, que teñen peores hábitos de vida, sofren alteracións do sono, teñen unha peor alimentación e unha vida máis sedentaria, sofren máis sobrepeso e obesidade, fan menos deporte e actividade física"
"Un uso excesivo do móbil empeora a saúde dos nosos fillos", destaca o profesor da USC, comenzando pola saúde física e xeral: "estes rapaces teñen peores hábitos de vida, sofren alteracións do sono, teñen unha peor alimentación e unha vida máis sedentaria, sofren máis sobrepeso e obesidade, fan menos deporte e actividade física". Pero os efectos son aínda máis graves na saúde mental. Os rapaces e rapazas que fan un uso excesivo do móbil "teñen peores niveis de benestar emocional, menores niveis de satisfacción coa vida, teñen maiores niveis de depresión e maiores taxas de inclinación suicida".
Nos últimos anos, ademais, comeza a advertirse de novas adiccións ligadas á tecnoloxía ou de vellas adiccións agravadas por ela, coma a ludopatía. Rial Boubeta explica que "a ludopatía afecta a rapaces cada vez máis novos -un de cada tres ludópatas teñen menos de 25 anos- que agora se poden enganchar a un abano infinito de xogos". Está tamén a adicción aos videoxogos, recoñecida pola OMS dende o ano 2022, que afecta ao 7% ou o 8% da rapazada en Galicia e España. Entre os 11 e os 14 anos o 84% dos rapaces xogan a videoxogos todas as semanas. A terceira adicción é a das redes sociais, que a OMS aínda non considera como adicción, senón que prefire falar de “uso compulsivo” ou de “uso problemático”. Un 25% da rapazada, máis en nenas que en nenos, sofre este problema, mentres que nos videoxogos e xogo, o problema é maior nos varóns.
Os efectos son aínda máis graves na saúde mental. Os rapaces e rapazas que fan un uso excesivo do móbil "teñen peores niveis de benestar emocional, menores niveis de satisfacción coa vida, teñen maiores niveis de depresión e maiores taxas de inclinación suicida"
Un dos problemas máis graves é o do ciberacoso, con particularidades que o diferencian do acoso tradicional, pois é permanente e non desaparece ao chegar a casa. "O ciberacoso é máis dificilmente detectable, porque é psicolóxico, non hai unha cella aberta, non hai unha ferida física, pero si hai unha ferida emocional. Hai, ademais, unha normalización destas pautas de relación a través da rede que son tóxicas ou directamente violentas e que nun comezo non se identifican cunha forma de acoso. Este tipo de acoso, finalmente, non é empático, no sentido de que o acosador non ve os afectos do que fai na persoa acosada, algo que si sucedía máis no acoso tradicional", explica Rial Boubeta.
Outros problemas de convivencia xéranse no seo das propias familias, cunha vida interna que empeora coa chegada das pantallas. Rial Boubeta alerta de que "o principal motivo de conflito nas familias nas que hai un adolescente é a xestión das pantallas; é unha discusión permanente".
O profesor advirte, finalmente, do impacto que provocan os móbiles e as redes sociais "á hora de modular o tipo de persoa que é ou vai a ser ese neno ou nena". "Non é só o que fai, senón o que deixa de facer: segundo o estudo que realizamos para UNICEF, os rapaces que fan un uso excesivo das pantallas hai dúas cousas que deixan de facer: ler (15 puntos menos) e deporte e actividade física (10 puntos menos)".
"O principal motivo de conflito nas familias nas que hai un adolescente é a xestión das pantallas; é unha discusión permanente"
Rial Boubeta alerta así mesmo de "problemas de aceptación da identidade corporal, problemas de identidade de xénero que están aparecendo como consecuencia das redes sociais como un elemento socializador e educador sen ningún contrapeso". E, igualmente, do impacto da pornografía: "temos nenos que se están iniciando nas relacións sexuais explícitas a unha idade cada vez máis temperá e como nós non fagamos, de maneira activa, unha boa educación afectivo-sexual, o único referente que van ter é o porno. E aí temos un enorme problema. E iso está na base do aumento das taxas de agresións sexuais na mocidade".
Por último, cita o "modelo aspiracional" derivado do actual consumo tecnolóxico da mocidade: "Un de cada cinco varóns cre firmemente que podería converterse nun gamer profesional e unha rapaza cre que podería vivir de ser influencer en youtube ou tiktok. E iso ten unha influencia moduladora brutal nas nosas sociedades", di.
Que facemos? Prohibimos? Regulamos? Deixamos facer?
"A evidencia científica non establece unha idade recomendada. Só indica que a chegada dun dispositivo móbil a rapaces con idades cada vez máis temperás, sen supervisión e sen unha correcta educación multiplica os riscos e os perigos e dificulta a xestión. Non hai unha idade fixa, pero hai que ser consciente dos perigos"
Rial Boubeta di ter claro, á vista da evidencia científica publicada, que o móbil está chegando dunha maneira moi forte ás vidas dos nenos e nenas nunhas idades nas que non deberían estar presentes". E, aínda que rexeita recomendar unha idade mínima para que a cativada teña un móbil propio, pide "sacar o móbil das vidas dos nenos e nenas de Primaria e tamén da ESO", engadindo que "recomendaría adialo ata os 16 anos".
"A evidencia científica non establece unha idade recomendada. Só indica que a chegada dun dispositivo móbil a rapaces con idades cada vez máis temperás, sen supervisión e sen unha correcta educación multiplica os riscos e os perigos e dificulta a xestión. Non hai unha idade fixa, pero hai que ser consciente dos perigos", di.
Con todo, subliña que "hai un certo consenso da evidencia científica en que se debe retardar a chegada do móbil á vida dun rapaz, de maneira gradual", destacando que "retardar ese momento dous anos, pasar de ter o móbil aos 11 a telo aos 13, por exemplo, implica dividir pola metade a taxa de problemas. Tentemos facelo ata os 13, ata os 14, ata os 15...".
"Pasar de ter o móbil aos 11 a telo aos 13, por exemplo, implica dividir pola metade a taxa de problemas"
En calquera caso, sinala que a base debe estar na educación e na regulación, máis que na prohibición. "Se fósemos unha sociedade capaz de regular mellor estas cousas e de educar mellor nestas cuestións, poderíase adiantar a entrega dun móbil, porque os efectos serían menores", di. "Por exemplo, se un rapaz ten unha boa educación afectivo-sexual, o impacto que nel xera o porno é moi inferior, o mesmo que se houbera mellores controis para impedir o acceso de menores de idade a eses contidos, que é algo que se pode facer pero ao que a industria se resiste", sinala.
A prohibición dos móbiles nos centros de ensino
Rial Boubeta apoia a medida aprobada pola Xunta para estender a prohibición dos móbiles nos centros de ensino, xa que "o problema está, sobre todo, nos espazos de lecer, coma o recreo ou as actividades extraescolares e non tanto no interior das aulas"
O profesor da USC apoia a medida aprobada pola Xunta para estender a prohibición do uso dos móbiles nos centros de ensino, xa que "o problema está, sobre todo, nos espazos de lecer, coma o recreo ou as actividades extraescolares, que é onde se multiplica a posibilidade de que pasen estas cousas, e non tanto no interior das aulas". Con todo, rexeita que teñan que ser os docentes os que actúen "como policías" para asegurar a aplicación da medida.
"Deberían ser as familias as que, nun exercicio de responsabilidade, dixesen aos seus fillos: 'o móbil non se leva ao centro de ensino'. Pero moitas familias ou son descoñecedoras do que está a pasar ou deciden mirar para outro lado. É lamentable que teñamos que recorrer a unha prohibición porque as familias non estamos sendo responsables. Por que nesas idades a capacidade de autorregulación dos rapaces é mínima por non dicir nula, por moito que digamos 'o meu fillo non'", di.
En cambio, Rial Boubeta, pide desligar a limitación do uso do móbil doutros debates, como o que tamén se intensificou nos últimos meses sobre o programa E-Dixgal. "Non sexamos tan torpes que agora cargarnos as bondades e as potencialidades da tecnoloxía e do que podemos obter dun bo uso a nivel didáctico ou docente. É un absurdo eliminar o E-Dixgal, outra cousa é que haxa que reformulalo ou mellorar cousas", di. E reitera: "O uso das pantallas e da tecnoloxía no ensino é imprescindible. Outra cousa son os móbiles, porque nos dan unha ventá ao mundo aberta 24/7 na palma da man dunha persoa que é completamente inmatura".
A clave, nas familias
"É lamentable que teñamos que recorrer a unha prohibición porque as familias non estamos sendo responsables"
En calquera caso, para Rial Boubeta, o máis importante non é o que sucede no tempo lectivo e nos centros de ensino, senón o uso que nenos e nenas fan do móbiles o resto do tempo: "Non se trata só de prohibilo nos centros de ensino. Se despois o rapaz chega a casa e aí ten vía libre, pois non facemos nada", di. E aí entra a responsabilidade de cada familia.
Pide, en primeiro lugar, atrasar no posible a entrega do móbil, mesmo a pesar da "presión social" que pode existir nun determinado momento: "Claro que hai unha presión social, pero non é a mesma a presión aos 11 anos que aos 13 ou aos 15. Entón se cadra hai que ver canto podemos aguantar: aos 11 podo aguantar e seguramente aos 15 xa non". E propón que "por iso mesmo" este problema "ten que ser abordado dende unha perspectiva sociocomunitaria". E engade: "Os pais e nais percíbense impotentes. Hai que empoderar as familias".
E apunta: "Estámonos trabucando á hora de enfocar a prevención e só facemos charlas e máis charlas, sobre todo para os rapaces, e o efecto desas charlas dúralles 48 horas na cabeza. Eles teñen que ser responsables, pero sobre todo teñen que ser responsables as súas familias e a sociedade no seu conxunto".
"Os móbiles son a nova lámpada de Aladino, á que se lle pode pedir calquera cousa: entretemento, amizade, sexo, diñeiro fácil... Que vai facer ese rapaz ás 12 da noite, cos seus desexos, dúbidas, hormonas...? Ti non podes darlle a un rapaz de 12 anos a lámpada de Aladino e despois prohibirlle que a use"
Pide "máis que prohibir, regular" e recomenda establecer "normas e límites, que nos temos que aplicar a nós mesmos como nais e pais, porque damos moi mal exemplo". "Iso preguntámolo nas enquisas: á hora da comida, os teus pais andan co móbil? A resposta case sempre é que si. Damos moi mal exemplo e quitámonos toda a autoridade para dicirlle ao rapaz que deixe o móbil", di.
"O que non podemos é poñer o móbil na man do adolescente 24 horas ao día. Hai, por exemplo, unha porcentaxe brutais de nenos de 10-11 anos que durme co móbil na mesiña de noite e que o usa antes de durmir", di. E destaca: "Os móbiles son a nova lámpada de Aladino, á que se lle pode pedir calquera cousa: entretemento, amizade, sexo, diñeiro fácil... Que vai facer ese rapaz ás 12 da noite, cos seus desexos, dúbidas, hormonas...? Ti non podes darlle a un rapaz de 12 anos a lámpada de Aladino e despois prohibirlle que a use".
"Temos que construír unha armadura preventiva: un rapaz que ten unha boa autoestima sofre menos problemas, un rapaz cunha boa empatía ciberacosa menos, un rapaz que soporta mellor a frustración e xestiona mellor as súas emocións e ten máis pensamento crítico, é menos vulnerable na rede"
"Hai un exceso de confianza e unha inxenuidade cada vez maior. Vemos moitos pais e nais que dende que son bebés utilizan o móbil ou a consola como unha coidadora, como un entretemento para os seus fillos e fillas ou para que non sexan unha molestia. Cando está demostrado que este uso excesivo nos bebés implica cambios nos mecanismos de aprendizaxe, a nivel de concentración, de linguaxe, de psicomotricidade", destaca. "Non hai que flaxelarse, pero si que debemos como pais e nais facer un exercicio de autocrítica", di
Rial Boubeta incide sobre todo na educación: "Temos que construír unha armadura preventiva: un rapaz que ten unha boa autoestima sofre menos problemas, un rapaz cunha boa empatía ciberacosa menos, un rapaz que soporta mellor a frustración e xestiona mellor as súas emocións e ten máis pensamento crítico, é menos vulnerable na rede".
E sinala: "Se queremos entregar antes o móbil, temos que educar mellor, temos que redobrar os esforzos na súa educación. E a partir de aí, estar comprometidos en facer un acompañamento e unha supervisión. 'Quen son eu para controlar o meu fillo?', seguro que pregunta alguén. Pois es o seu pai ou a súa nai”.