Achegámonos ao proceso de dixitalización da vida cotiá a través da conversa coa socióloga Paloma Moré e co psicólogo Antonio Rial
″Nesta sociedade hiperconectada cada vez estamos máis sós″. É un feito que as relacións sociais a través de pantallas chegaron para quedar. Non é unha novidade da pandemia da COVID-19, pero esta crise forzou unha aceleración do proceso de dixitalización da vida cotiá sen que reparásemos demasiado nas consecuencias.
″A pandemia supuxo que tivésemos que pisar o acelerador para manter os vínculos na distancia. Non nos quedou outra que empregar a tecnoloxía. Pero pensemos que son procesos ligados tamén á globalización e ao sistema económico que temos. Como sociedade xa funcionamos conectados de maneira instantánea, a pesares de estar en puntos xeográficos moi distantes″, explica a profesora da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña Paloma Moré Corral, que forma parte do Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) deste centro.
A nivel individual, das relacións máis micro, aínda non se normalizaran as pantallas no eido familiar ou nos círculos íntimos. Mais o teletraballo xa estaba aí, as vídeochamadas tamén, o mesmo que as relacións afectivas e sexo-afectivas a través de aplicacións móbiles. Porén, a tecnoloxía, como poderoso instrumento para as comunicacións, trae consigo problemas como a diminución da empatía nas interaccións.
″Falamos de relacións que non son empáticas porque eu non vexo as consecuencias do que fago ou digo. Entón, estoume perdendo unha parte cualitativa transcendental na comunicación. Cada vez temos unha comunicación máis pobre neste sentido″, sinala Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación Psicoloxía do Consumidor e Usuario.
"Pasada a pandemia volveremos a relacionarnos como antes, a ter unha vida social activa cara a cara", salienta Paloma Moré
Que pode supoñer isto no futuro? ″Somos animais sociais, os seres humanos precisamos contacto e relacionarnos entre nós. Penso que pasada a pandemia volveremos a relacionarnos como antes, no sentido de que volveremos ter unha vida social activa cara a cara. Xa se está vendo un pouco co turismo... Pero está claro que as pantallas van seguir moi presentes nas nosas relacións sociais″, apunta Paloma Moré.
Nesta realidade entran en xogo conceptos como a ″perversión de internet″. Pois o que aparentemente é unha vantaxe para aquelas persoas con máis limitacións á hora de relacionarse en sociedade –as que teñen un grao máis elevado de timidez– convértese nun problema ao pasar a ser a súa canle principal de comunicación. ″Inicialmente está moi ben porque é unha saída para paliar esas dificultades, pero empregala case en exclusiva é un problema porque na rede prodúcese unha comunicación planificada na que un sempre intenta proxectar a mellor versión de si mesmo″, advirte Antonio Rial.
"Establecemos relacións superficiais que concordan cun modelo de sociedade consumista: o que non me gusta o quito", di Antonio Rial
Case como se unha gran campaña de márketing guiase todas as interaccións sociais. Ademais de que estas formas de relación correspóndense cun sector de negocio en auxe: o das aplicacións para coñecer xente online. ″Cada vez temos menos tempo e estamos menos dispostos a pasar o traballo de coñecer ao outro. Ao final, establecemos relacións superficiais que concordan cun modelo de sociedade consumista: o que non me gusta o quito″, expón o psicólogo da USC.
Entón, que problemas ten todo isto no presente? Antonio Rial recalca que o consumismo vai máis alá do material e que, neste punto, ″consumimos emocións, incluso falsas relacións ou falsos apegos″. Unha circunstancia que vai máis alá da rede e que o psicólogo ve tamén nas dinámicas de programas de entretemento televisivos como 'First Dates'.
Non se pode eludir a perversidade que hai detrás disto, dunha sociedade cada vez máis hedonista onde o nivel de pracer –de gratificación– ten un limiar moi baixo. ″Co paso do tempo, estas relacións que son mero artificio deixan un baleiro existencial″, incide Rial, pois ″estamos nunha sociedade realmente desnutrida de afectos″ que tamén está a mudar a concepción da amizade das xeracións máis vellas.
O psicólogo da USC ve internet como ″un enorme hipermercado″ que pode resultar moi perigoso de dixerir
″Aristóteles falaba da ética da mesura, que agora está moi de moda. Xa daquela, os gregos falaban dunha sociedade excesivamente hedonista e hoxe a búsqueda de sensacións e o recoñecemento social están na cúspide″, asegura Antonio Rial, para certificar que ao mercado non lle interesa que se recupere este concepto. ″A oferta de consumo non só a nivel de produtos, senón a nivel relacional e dos afectos, está multiplicada e enriquecida en internet″.
O psicólogo especializado en adiccións insiste en que a rede funciona realmente como ″un enorme hipermercado″ que pode resultar moi perigoso de dixerir psicoloxicamente. ″Por iso hai un aumento do consumo de porno e do sexo en liña″, razoa. Antonio Rial vén de participar nun estudo con 10.000 persoas (5.000 no Estado e 5.000 en países latinoamericanos) que demostra que ″as cifras de ′sexting′ e do contacto con descoñecidos online na poboación adulta non son menores que as dos adolescentes″.
"Nos coidados non se poden introducir pantallas nin robots. É unha desas cousas que non se poden dixitalizar", destaca a socióloga da UDC
Sociedade dos coidados
Fronte a ese individualismo no que se basea a sociedade desta "modernidade líquida" descrita polo filósofo Zygmunt Bauman, na que é difícil aferrarse a algo porque todo está en constante cambio, atopamos o fenómeno contrario: a sociedade dos coidados.
″Esta crise, ao contrario que outras máis de tipo económico, abriunos un pouco os ollos ao que é a sociedade dos coidados, ou ao que debera ser. Decatámonos da importancia de depender uns dos outros e de manter a salvo ás persoas máis vulnerables (xa que todos podemos, nun momento dado, sufrir esa vulnerabilidade)″, considera Paloma Moré.
A socióloga observa que nesta crise sanitaria, que nos está a afectar de maneira global, se "visibilizou como todas as actividades relacionados co coidado cotiá da vida eran esenciais porque son indispensables". ″E nos coidados non se poden introducir pantallas, nin robots, nin nada diso. É unha desas cousas que non se poden dixitalizar″.
″Necesitamos un cambio de modelo como sociedade no que se refire ao noso propio coidado e no relativo ao coidado do Planeta", sinala Moré
"Isto pode supoñer un cambio de mirada, non sei ata que punto nos servirá para darnos conta realmente porque non teño a sensación de que aprendésemos moito da crise de 2008... As crises móstrannos cousas, pero ata que punto mudamos o noso modelo de sociedade? Por exemplo, o que pasou coas residencias coa COVID é un golpe moi forte como sociedade, para que vexamos en que lugar estamos deixando o coidado da vida e ás persoas máis vulnerables. Estámonos ocupando delas da maneira correcta? Debemos avanzar cara a unha sociedade máis individualizada ou cara a unha sociedade dos coidados?", pregúntase.
Interdependencia
Paloma Moré agrega que desde o momento actual debemos poñer o foco na interdependencia: "Se paran os traballadores esenciais, que son os que cobran os salarios mínimos, aos máis privilexiados tamén lles afecta". Quedou claro nos primeiros meses da pandemia, pero isto se cruza con todas as desigualdades que existen de xénero, clase social, status migratorio, etc.
″Necesitamos un cambio de modelo como sociedade no que se refire ao noso propio coidado e no relativo ao coidado do Planeta. Coa pandemia houbo máis individualismo, si, pero tamén grandes mostras de solidariedade. Recuperamos un terreo máis comunitario e a organización da sociedade civil: abramos os ollos e decatémonos de que nos necesitamos uns aos outros. Isto de que somos seres sociais non é só para pasalo ben, a vida humana sostense na interdependencia″, asevera a socióloga.