A proposta de poñer en marcha unha renda básica universal leva anos enriba da mesa. O debate medrou durante a anterios crise económica iniciada no ano 2008 e en xaneiro de 2014 rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular que pedía a aprobación deste mecanismo de redistribución, impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade. Foi fundamental o traballo de divulgación e análise desenvolvido por entidades como a Rede Renda Básica, que publicou propostas de financiamento deste instrumento, enmarcadas nunha ampla reforma fiscal. Houbo tamén unha Iniciativa de Cidadanía Europea a prol da Renda Básica Incondicional, que agora vén de poñerse de novo sobre a mesa.
Os Colectivos Cidadáns pola Renda Básica Universal, organizados en Santiago de Compostela, A Coruña e Betanzos, veñen de publicar un vídeo no que explican o seu apoio a esta proposta
A nova crise económica provocada pola pandemia de Covid-19 semella ter achegado novos argumentos a prol desta iniciativa en todo o planeta. En abril trece colectivos sociais galegos lanzaron a campaña Renda Básica Xa, que busca impulsar a proposta, subliñando as limitacións que presentan outras axudas, como o Ingreso Mínimo Vital, que nos seus meses de aplicacións arrastra moitas eivas, sobre todo na súa tramitación.
Agora os Colectivos Cidadáns pola Renda Básica Universal, organizados en Santiago de Compostela, A Coruña e Betanzos, veñen de publicar un vídeo, que acumula máis de dúas mil reproducións en só tres días, no que activistas a prol da renda básica, economistas, educadoras sociais, docentes e tamén persoas do ámbito cultural (como Patricia de Lorenzo, Quico Cadaval, Oli Xiráldez ou Xacobe Martínez Antelo) explican o seu apoio a esta proposta e os beneficios sociais que podería achegar a súa aprobación. Os colectivos piden tamén o apoio para unha iniciativa de cidadanía europea que pide a "Implantación de rendas básicas incondicionais (RBI) en toda a UE" e que necesita acadar un millón de sinaturas antes do remate deste ano 2021.
"Eu creo que o dilema do século XXI é renda universal ou barbarie, renda universal ou falla absoluta de futuro", dise no vídeo
O vídeo 'RBU, unha idea deste tempo' debulla algunha das características desta iniciativa, incidindo no incremento do benestar xeral da poboación: "Por que vivir para traballar? Coa renda básica traballaríamos para vivir mellor", sinala a docente Olalla Liñares e no carácter case que inevitable da súa posta en marcha para a propia pervivencia do actual sistema de consumo, como explica o economista Gonzalo Rodríguez: "A renda básica vén resolver un problema evidente, que é que o mercado necesita consumidores. E a actual lóxica económica leva ao contrario, con traballadores cada vez máis excedentarios e consumidores escasos fronte á produción. Temos que buscar solucións. A pregunta non é tanto por que apoiar a renda básica, senón por que opoñerse".
O avogado Xoán Antón Pérez-Lema resume o seu apoio dicindo que "eu creo que o dilema do século XXI é renda universal ou barbarie, renda universal ou falla absoluta de futuro". E Patricia de Lorenzo pecha o vídeo animando á cidadanía a saber máis sobre esta proposta: "A xente o que ten que facer é ler sobre o tema, falar e informarse".
A proposta busca reducir as desigualdades sociais a través dunha maior redistribución da riqueza existente na sociedade, cunha única prestación que todo o mundo recibiría independentemente da súa renda previa e que as persoas con máis ingresos terían que devolver a través do IRPF
A proposta da RBU busca reducir as desigualdades sociais a través dunha maior redistribución da riqueza existente na sociedade, cunha única prestación que todo o mundo recibiría independentemente da súa renda previa e que as persoas con máis ingresos terían que devolver posteriormente a través do pagamento do IRPF. A renda básica universal substituiría ás demais axudas e prestacións, simplificando os trámites e procedementos, pois a súa percepción sería incondicional. Entendida como un dereito e non como unha prestación, achegaría un ingreso mínimo para quen non tivese ingresos nestes momentos e completaría os salarios dos traballadores e traballadoras máis precarias, ofrecendo deste xeito unha maior liberdade para a escolla dun emprego. Pola contra, reduciría nunha pequena parte as rendas da minoría social con máis ingresos, a través dun aumento nos impostos directos que pagan.
"A Renda Básica dános liberdade para escoller empregos que de verdade lle dean sentido ás nosas vidas", incidía neste senso David Casassas Márquez, profesor de Teoría Social e Política na Universidade de Barcelona e vicepresidente da Rede Renda Básica, nunha entrevista con Praza.gal. Unha idea semellante á apuntada por Jorge Moruno nestoutra entrevista: "Non estaría mal ter un mínimo de seguridade para poder rexeitar traballos polos que che pagan 600 euros". Pola súa banda, a activista Koldobi Velasco, indicaba que "é necesario que vaia da man doutras ferramentas nunha verdadeira política de benestar, que ten que ver con fortalecer o público, desprivatizar, regular e xerar as condicións para que o Estado poida redistribuír a riqueza".