O 14 de xaneiro de 2013, a Comisión Europea aceptou a Iniciativa de Cidadanía Europea a prol da Renda Básica Incondicional (semellante a unha Iniciativa Lexislativa Popular), iniciándose unha campaña dun ano de duración en todos os países da Unión Europea para promover unha Renda Básica Incondicional. A campaña ten coma obxectivo recoller un millón de sinaturas a favor da Iniciativa, e rematará o 14 de xaneiro de 2014, a penas nun par de meses.
É o momento de facer balance do acontecido e de planificar como encarar a recta final
É o momento de facer balance do acontecido e de planificar como encarar a recta final. En canto o balance, neste momento (11-11-2013) lévanse recollidas 131.245 sinaturas e tan só dous países (Croacia e Eslovenia) acadaron o mínimo de sinaturas necesarias (haberá que chegar como mínimo a sete países). Aparentemente os resultados son negativos e mesmo desalentadores.
Mais se analizamos o sucedido neste case dez meses (realmente menos, pois ata practicamente abril non estaba operativa a recollida de sinaturas en rede nin a campaña de información) os resultados non parecen tan negativos.
Estase a construír un importante movemento en Europa que supón a base que contribuirá a que a Renda Básica Incondicional sexa unha realidade
Se retrocedemos á situación ao inicio da campaña, observamos que hai un ano, en moitos estados europeos, a palabra Renda Básica non aparecía nin sequera como palabra-chave nos buscadores de internet (a modo de exemplo, no estado español, que eu teña coñecemento, xa existían rede renda básica, Baladre e Arenci). Hoxe podemos dicir que practicamente todos os países de Europa posúen algunha organización que impulse a Renda Básica, coa súa web en internet e activistas coordinados que defenden esta idea. Nunca antes se tiñan publicado tantos artigos sobre a Renda Básica, tanto nos medios de comunicación de masas como nos medios de comunicación alternativos, como desde o lanzamento da iniciativa. Houbo manifestacións, debates públicos, campañas promocionais... Ás organizacións mencionadas, sumáronse partidos ou movementos como Espazo ecosocialista, Equo, Anova ou Foro Cívico Somos Maioría... En resume estase a construír un importante movemento en Europa que supón a base que contribuirá a que a Renda Básica Incondicional sexa unha realidade.
Estamos cansos de saber que é de xustiza que “na terra de meu home quen non traballa non come” e o de ter unha renda sen ningunha condición..., non entra facilmente
Teñamos en conta que a idea dunha Renda Básica Incondicional choca con moitas ideas firmemente estabelecidas. Por exemplo, estamos cansos de saber que é de xustiza que “na terra de meu home quen non traballa non come” e o de ter unha renda sen ningunha condición..., non entra facilmente. Seino porque a min, de primeiras, tampouco me entrou... É unha idea que hai que explicar, debater, e iso leva o seu tempo. Non é este artigo o momento de facelo, e xa o temos feito noutras ocasións. Tan só deixar constancia de que non é unha idea doada de entender e que esixe o seu esforzo explicala e entendela.
Para sorpresa xeral o último estado en entrar na carreira, Croacia, resultou o primeiro en alcanzar a súa cota. En tan só 45 días, utilizando o poder de Internet e a atención dos medios de comunicación
E esta campaña axudou. Con éxitos notábeis. Por poñer un exemplo, en setembro 2013, o contador de sinaturas aumentou repentinamente. Croacia fixo a súa entrada. Este novo estado membro da Unión Europea iniciou a recollida de sinaturas dende a súa páxina de Facebook.
Para sorpresa xeral o último estado en entrar na carreira, Croacia, resultou o primeiro en alcanzar a súa cota. En tan só 45 días, utilizando o poder de Internet e a atención dos medios de comunicación, conseguiuno.
Motivados polo éxito de Croacia, outros países utilizaron os mesmos medios técnicos: servirse de internet, e concretamente de Facebook para difundir a mensaxe sobre a Renda Básica incrementando significativamente os apoios á iniciativa.
A maior capacidade organizativa e o éxito do exemplo croata animou a coordinadora da campaña a organizar unha campaña de crowdfunding co obxectivo de conseguir 15.000 euros en 15 días. En menos de tres días alcanzouse o obxectivo, se ben a campaña seguirá aberta mentres dure o tempo preestabelecido (ata o 20-11-2013), e os cartos que se recollan a maiores serán tamén utilizados en campañas a prol da renda básica. Con estes cartos nos próximos días lanzarase unha campaña a prol da iniciativa, segundo se explica na mesma páxina. Animamos dende aquí a facer algunha doazón, que pode realizarse dende 1 euro en adiante na páxina do enlace anterior
Pero, evidentemente, non toda a actividade ao redor da Renda Básica se centrou nesta campaña. De feito os partidarios desta iniciativa no Estado Español tamén teñen patrocinado outras, nomeadamente en Extremadura e en Cataluña. Nestes casos tratase máis ben de Rendas básicas de integración, teñan o nome que teñan. Se ben non son realmente RB Incondicionais, pódense entender como un paso intermedio para elas, como explicaban neste artigo Daniel e Sergi Raventós, nembros de Rede renda básica, e nese sentido foron apoiadas, e mesmo impulsadas por defensores da RB, con resultados claramente positivos: Neste momento en Estremadura está aprobada a iniciativa (aínda que ao goberno cústalle aplicala) e en Cataluña vaise ter que debater no parlamento ao acadarse un número de sinaturas moi superior ao necesario.
Neste momento en Estremadura está aprobada a iniciativa (aínda que ao goberno cústalle aplicala) e en Cataluña vaise ter que debater no parlamento ao acadarse un número de sinaturas moi superior ao necesario
Inspirado nestas accións, e especialmente na dinámica estremeña, o movemento contra o paro e a precariedade Por unha Renda Básica Xa está preparando unha nova iniciativa, esta vez a nivel estatal.
Observamos así como avanza a idea do que creo que vai ser o piar básico do novo estado de benestar, adaptado á realidade económica deste século. Do mesmo xeito que no século XX non podía organizarse unha sociedade como no XIX (nin no XIX como no XVII...), tampouco no século XXI podemos manter o sistema tal cal foi no XX, pois nin o pleno emprego nin o creecemento ilimitado van ser posíbeis.