Este 25 de setembro vai iniciarse unha recollida oficial de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Cidadá Europea, que obrigaría á Comisión Europea a definirse expresamente sobre a Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente.
E que vén sendo isto dunha Iniciativa Cidadá Europea? Pois unha Iniciativa Cidadá Europea (ICE) é semellante á nosa Iniciativa Lexislativa Popular, permitindo levar unha proposición ao Parlamento Europeo para o seu debate e posible aprobación (1)
Para que se teña en conta debe cumprir certas condicións, concretamente, recoller 1 millón de sinaturas que avalen a iniciativa. As sinaturas deben estar avaladas por cadanseu documento de identidade de cidadáns europeos (DNI no Reino de España ) e deben recollerse en, cando menos, 7 estados diferentes da Unión Europea (UE) nos que se debe alcanzar un número mínimo de sinaturas (número que se dá a coñecer no Regulamento da ICE e que depende da súa poboación respectiva) O prazo para a recollida de sinaturas é de 1 ano.
O sitio web para asinar corre a cargo da propia Comisión Europea e, ademais de ser sinxelo de usar é, por suposto, seguro e non permite fraudes. É esta páxina a que se activará o 25 de setembro: https://es.eci-ubi.eu/
Se a campaña ten éxito, tanto a Comisión Europea como o Parlamento Europeo deben conceder audiencia aos organizadores da ICE e decidir se apoian ou non a proposta e que accións máis adoptarán para implementala.
O obxectivo da ICE a prol da Renda Básica, aprobada por decisión da Comisión Europea que podemos ver no enlace da nota (2) é introducir rendas básicas incondicionais en toda a UE que aseguren a existencia material de cada persoa e a oportunidade de participar na sociedade como parte da súa política económica.
Non cabe dúbida de que a aprobación desta Iniciativa suporía, ademais dunha redución significativa dos niveis de desigualdade, un impulso ás políticas tendentes a reducir as disparidades rexionais e fortalecer a cohesión económica, social e territorial na UE o que suporía un cambio de rumbo na súa situación actual, cara a unha Europa máis dos cidadáns e dos pobos en troques da actual Europa das empresas e dos estados.
E, que vén sendo unha Renda Básica? Pois a Renda Básica consiste nun ingreso regular e suficiente (superior ao limiar da pobreza) para toda a poboación, sen ningunha condición, e de recepción individual.
Máis en concreto, o ingreso regular ten que ter as características de Suficiente, Universal, Individual e Incondicional.
I) Suficiente: A cantidade ten que ser abonda para permitir vivir con dignidade, por riba do limiar da pobreza (60% dos ingresos medios no territorio de implantación)
II) Universal: Para todas as persoas residentes acreditadas no territorio.
III) Individual: É dicir, recibiríaa o individuo e non a familia nin ningunha outra comunidade máis ou menos extensa.
IV) E, probabelmente o máis controvertido, Incondicional, a renda básica parte da desaparición de subsidios condicionados, nomeadamente as Rendas de Integración, o Paro de longa duración, as Pensións non contributivas, etc. Hai que aclarar que substitúe a esta prestación cando esta é inferior, manténdose noutro caso.
E unha nota importante, é evidente que unha renda básica sen a rede do estado de benestar (sanidade, educación, dependencia e servizos sociais) nunca sería unha renda suficiente e deste xeito ficou recollido explicitamente nos estatutos da Rede Renda Básica internacional no congreso de Seul do ano 2016 e na do Reino de España dende o congreso de Zaragoza en novembro de 2017 (“Opoñémonos á substitución dos servizos ou dereitos sociais, se esta substitución empeora a situación das persoas relativamente desfavorecidas, vulnerables ou de baixos ingresos”).
Pero, é posíbel a RB? Hai estudos serios que demostran a súa viabilidade. Considero especialmente ilustrativo o realizado por Arcaróns, Raventós e Torrens a partir dunha reforma da Renda das persoas físicas e do aforro en subsidios que sumen inferior contía a RB. Pódese ver máis información sobre o estudo, actualizado recentemente, na páxina da Rede Renda Básica (3)
E, é necesaria? Como dicía xa a principios da pandemia, o 17 de marzo, o Colectivo Cidadá pola RB da Coruña: (4) “É evidente, que a crise socioeconómica iniciada no ano 2008 non tiña rematado para a maioría da poboación, sometida a paro ou traballos precarios, a normativas laborais cada vez máis desfavorábeis, ou convertida en falsa autónoma. Pero agora, atopámonos cunha crise sanitaria, o Coronavirus que vai agravar a crise socioeconómica, especialmente para as persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.”
O tempo transcorrido non fixo senón darnos a razón. A medida adoptada polo goberno, o Ingreso Mínimo Vital, chegou lamentabelmente tarde e está demostrando a súa ineficacia ante a gravidade das situacións creadas pola pandemia. Unha situación que non vai mellorar. Son necesarias medidas máis valentes e rápidas e menos burocráticas. Neste sentido nós avogamos pola implantación dunha Renda Básica de Emerxencia. Un modelo semellante ao que se recollía pola Rede Renda Básica no enlace da nota (5)
Certamente esta Iniciativa Europea non é unha solución a corto prazo, pero vai no camiño de atopar unha solución permanente a esta grave crise pola que estamos a pasar. Non só a crise causada polo Coronavirus, senón á crise do cambio tecnolóxico, a dos problemas medioambientais, a da precarización dos empregos e que nos permita camiñar con dignidade cara á necesaria economía dos coidados.
Por ese motivo anímovos a asinar a prol da “Iniciativa Cidadá Europea Introducir a renda básica incondicional (RBI) en toda a UE”.
Enlaces mencionados e outros de interese
1) Definición de Iniciativa Cidadá Europea: https://europa.eu/citizens-initiative/initiatives/details/2020/000003_pt
2) Aprobación da “Iniciativa Cidadá Europea Introducir a renda básica incondicional (RBI) en toda a UE” https://eur-lex.europa.eu/legal-content/PT/TXT/PDF/?uri=CELEX:32020D0674&from=PT
(3) Financiamento da RB: http://www.redrentabasica.org/rb/que-es-la-rb/financiacion-de-la-rb/
(4) Comunicado do Colectivo Cidadá pola RB da Coruña do 17-03-2020: https://www.facebook.com/235346897150210/photos/a.412548896096675/521294165222147/
(5) Modelo de Renda Básica de Emerxencia: http://www.redrentabasica.org/rb/ante-la-crisis-social-y-economica-se-necesita-con-emergencia-la-renta-basica-manifiesto-unitario/
Outras páxinas de interese
(6) Páxina do Reino de España sobre a ICE pola RB europea: https://rentabasicaincondicional.eu/
(7) Páxina dos Colectivos Cidadáns pola RBU de Galicia: https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/
Facebook dos Colectivos Cidadáns pola RBU: https://www.facebook.com/Colectivos-cidad%C3%A1ns-pola-Renda-B%C3%A1sica-Universal-251452571708259/