"A renda básica é un gran de area no ollo de Goliat: unha estratexia moi pequena que abre unha fenda no sistema"

Koldobi Velasco © eldiario.es

Este xoves comezan na Coruña as xornadas Renda Básica: o novo dereito social necesario, que se desenvolverán atra o sábado no centro cívico do Mallos e no Paraninfo da UDC. As mesas redondas "Renda Básica e feminismos" e "Experiencias municipalistas entorno á Renda Básica: dificultades e retos" abrirán o evento esta tarde, para dar paso o venres a novos contidos, coma unha mesa centrada na "Renda Básica e sostenibilidade ecolóxica", "Traballo, emprego e Renda Básica" ou "Novas miradas cara o benestar social". Nesta última mesa intervirá a profesora e activista canaria Koldobi Velasco.

Koldobi Velasco participa en diferentes colectivos sociais, como a Red Canaria en Defensa del Sistema Público de Servicios Sociales (REDESSCAN), e ademais é profesora de traballo social da Universidade das Palmas de Gran Canaria e é vogal de movementos sociais na Xunta de Goberno do Colexio de Diplomadas en Traballo Social. Falamos con ela.

"As olladas hexemónicas en relación do benestar social non analizan en profundidade as causas do que sucede"

Propós na túa intervención unha nova maneira de deseñar e aplicar as políticas de benestar social. Que críticas lle fas ao actual modelo?

As olladas e os relatos hexemónicos do discurso dominante en relación do benestar social conteñen moitas perversións e nesgos. Son unhas olladas moi superficiais, que naturalizan a realidade de violencia que se vive, que non analizan en profundidade as causas do que sucede, son olladas moi desmemoriadas, que esquecen que as conquistas foron o resultado das loitas obreiras. Son tamén olladas que non teñen perspectiva feminista e que están moi despolitizadas, é dicir, que non entenden a política como unha redistribución do poder e da riqueza.

A resposta que se dá é converter o Estado social e de dereito nun Estado penal e criminalizador, un Estado residual para a garantía de dereitos, un Estado que non se fai responsable da protección dos dereitos e que en cambio leva a cabo un adoutrinamento a través das políticas de benestar social. Fronte a ese relato dominante do benestar social, nós plantexamos que fai falla un cambio de proposta.

"A renda básica é unha ferramenta de tránsito que contribúe a acadar horizontes de emancipación que garantan dereitos e liberdades"

Que papel xoga a renda básica nesa proposta?

A renda básica nós vémola como unha ferramenta de tránsito que contribúe a acadar horizontes de emancipación que por unha parte garantan dereitos e liberdades, que permitan unha mellora das condicións de vida e que á vez promovan un cambio de modelo de desenvolvemento, que non sexa capitalista e patriarcal e que poña a vida e o ben común no centro. 

Sería, polo tanto, un punto de partida para outro tipo de políticas?

A renda básica é un elemento máis na redistribución da riqueza e do poder. É, no fondo, un mecanismo para expropiar aos que nos expropian e que introduce mecanismos de corrección á acumulación de capital. Esta ferramenta de transformación é necesario que vaia da man doutras ferramentas nunha verdadeira política de benestar, que ten que ver con fortalecer o público, desprivatizar, regular e xerar as condicións para que o Estado poida redistribuír a riqueza. A renda básica non é máis que unha fenda no sistema, pero unha fenda que pon en xaque algúns elementos clave do modelo no que vivimos. É como un gran de area no ollo de Goliat; é unha estratexia moi pequena que molesta o desenvolvemento do modelo imperante.

"É necesario que vaia da man doutras ferramentas nunha verdadeira política de benestar, que ten que ver con fortalecer o público, desprivatizar, regular e xerar as condicións para que o Estado poida redistribuír a riqueza"

Entre as críticas que recibe a renda básica, ademais da permanente pregunta de como se vai financiar, está a de que é un punto de chegada e non un punto de partida, que favorece a saída das persoas do mercado laboral...

En realidade a renda básica é un elemento para que todas as persoas poidamos ter condicións de partida e de chegada xustas e que a partir de aí poidamos realmente camiñar cara a unha participación diferente na sociedade. Neste senso, pon en cuestión todo o ámbito do emprego en condicións de explotación. Cunha renda garantida teríamos os elementos para poder negociar. Pregúntase sempre de onde se sacarían os cartos? Podemos facer esa pregunta nun contexto no que cada día se invisten no Estado español 87 millóns de euros en gasto militar e pensar como sería investir todo ese diñeiro en renda básica ou en soberanía alimentaria. Ou que pasaría se acabásemos coa fraude fiscal ou coa economía sumerxida.

"O utópico é pensar que podemos seguir desta maneira, nun sistema que é ecocida e homicida"

Tamén se lle critica sempre o seu carácter utópico, ao non ter sido aplicada de xeito xeral en ningún país da nosa contorna. Non son utópicos todos os novos dereitos ata que se poñen en marcha?

A min iso encántame como o conta Carlos Taibo, que di que o utópico é pensar que podemos seguir desta maneira, nun sistema que é ecocida, que está acabando co planeta, e que é homicida, pois está matando a xente polas condicións de desigualdade que existen. En cambio, hai alternativas, que pasan por poñer a vida e o ben común no centro. Temos que buscar un elemento estratéxico, como é a renda básica, que xunto con outros axude a rematar con esta situación inmoral e inxusta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.