ODS-Coia, Grupo de Axitación Social (GAS) e Baladre celebran esta semana a 2ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais, con actos que comezarán este martes en Lugo e que continuarán ata o venres en Compostela e Vigo e co obxectivo de "reivindicar o dereito a vivir dignamente", ademais de salientar que "malia os discursos que falan de recuperación, a realidade é teimuda e segue a amosarnos cada día como o empobrecemento e a precarización da vida van a máis".
Unha das actividades centrais será a presentación da edición galega do libro Renda Básica das iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida, unha obra colectiva, con textos de Alicia Alonso, Rosa Zafra e Mari Fidalgo, e outras achegas a cargos de Beatriz Lorenzo, Sara Rodríguez e Virginia Prieto, Cris Blanco, Mónica Gonçalves ou do Colectivo Kanguras Criando en Brazos. Así mesmo, a edición galega conta cos poemas de María Rosendo.
O libro foi empregado como obra de referencia para as accións realizadas por Baladre durante a campaña da ILP Estatal pola Renda Básica. Aínda que foi publicado inicialmente en castelán, a súa orixe está en Galicia, nos obradoiros que en 2012 se impartiron no marco da campaña Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos. "Motivadas pola necesidade de buscar as bases nas que queremos soster unhas vidas dignas e plenas, desde o ano 2012 dedicámonos a reflexionar e discutir sobre as contribucións que esta proposta de reparto da riqueza podía ofrecer á loita feminista e viceversa", sublíñase na obra.
Mari Fidalgo (Baladre) destaca igualmente que "este libro é froito dun traballo de encontro, de conversa, de partilla" e lembra que "xa na proposta da renda básica das iguais hai un ADN feminista. No momento en que esa proposta nace no Estado, nos anos oitenta na asemblea de paradas de Gasteiz, aí xa estaban compañeiras feministas, que salientaban que dende a perspectiva feminista o pleno emprego nunca existira, que era unha ficción patriarcal, pois para que existise pleno emprego sempre tiña que haber unha parte da poboación que tiña que estar na retagarda, sostendo a vida e a reprodución mediante traballos nin recoñecidos nin remunerados, e historicamente foron as mulleres, claro". "Esta situación deixaba unha gran cantidade de mulleres fora dese círculo, do recoñecemento, da posibilidade de ascender a uns dereitos ligados ao emprego", engade reiterando ese obxectivo, xa destacado no título da obra, de pasar "da centralidade do traballo á centralidade da vida".
"Para que existise pleno emprego sempre tiña que haber unha parte da poboación que tiña que estar na retagarda, sostendo a vida e a reprodución mediante traballos nin recoñecidos nin remunerados, e historicamente foron as mulleres, claro"
"Neses obradoiros onde naceu este proxecto"-explica- "faciámonos unha serie de preguntas: Se todas participamos da creación de riqueza na sociedade, por que o emprego como vía de recoñecemento de dereitos nos deixa fóra? Como solventamos a cuestión da división social do traballo?".
Fidalgo destaca igualmente a necesaria interrelación que se dá entre o feminismo e as perspectivas do decrecemento: "O capitalismo e, ligado a el necesariamente o heteropatriarcado, é inviable para unha vida plena e para a sostibilidade do planeta e por iso cómpre repensar outros xeitos de organización social que sexan máis viables en termos de sustentabilidade". E tamén con outras loitas: "Así como as mulleres sufriron esa posición subordinada, tamén outros pobos do mundo estiveron nunha posición subordinada, con explotación da súa forza de traballo e, mediante espolio, sustentaron o benestar e o crecemento constante e o consumo dos países do norte".
Mari Fidalgo conclúe que "por un lado queremos denunciar a exclusión e o empobrecemento que derivan dun modelo capitalista heteropatriarcal. Pero tamén queremos facer un plantexamento en positivo: como podería ser unha vida que pague a pena vivir. É un punto que vista que ofrece a economía feminista". "Nesta Semana Galega pola Renda Básica das Iguais queremos ofrecer ferramentas para unha vida digna", continúa. "Partimos tamén da denuncia da situación actual. Aínda que nos queiran facer crer que a crise é unha cousa do pasado, que hai recuperación, segue habendo exclusión, segue habendo empobrecemento para unha parte importante da poboación", subliña.
Programa da 2ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais
"Tamén queremos facer un plantexamento en positivo: como podería ser unha vida que pague a pena vivir. É un punto que vista que ofrece a economía feminista"
As tres entidades organizadoras subliñan que "o agravamento da situación de exclusión na que xa vivían millares de persoas mesmo antes da irrupción da 'crise', a dificultade de cubrir necesidades básicas e a vulnerabilidade vital que atinxe a parcelas cada vez mais amplas da poboación son facilmente palpábeis para calquera que non estea de costas ao día a día á realidade".
Nesta semana queren igualmente "denunciar a incapacidade da RISGA para resolver as necesidades básicas e garantir a vida con dignidade"
Coas actividades que levan a cabo buscan xerar debate e responder a unha serie de preguntas: "Como garantir a subsistencia promovendo ao mesmo tempo a autonomía e o empoderamento das persoas sobre as súas propias vidas?" e "Que elementos compoñen unha vida digna e plena, unha vida que pague á pena vivir?". Nesta semana queren igualmente "denunciar a incapacidade da RISGA para resolver as necesidades básicas e garantir a vida con dignidade" e critican a solución proposta pola Xunta en forma de contratos de sete meses de duración e soldos de 600 euros que impiden, sinalan, o cobro da RISGA nos restantes meses do ano.
Martes 17. Lugo. 20 horas - Presentación do libro Renda Básica das iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida con Mari Fidalgo. Bico de grao (Ronda das Fontiñas, 226)
Mércores 18. Compostela. 20 horas - Presentación do libro Renda Básica das iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida con Mari Fidalgo, Mónica Gonçalves e Leticia Castro. Libraría Lila de Lilith (R/ Travesa, 7)
Xoves 19. Vigo. 20 horas. Proxección do documental Ouróboros. La espiral de la pobreza, con Julio Reyero un dos membros do equipo. C.S. A Revolta (R/ Real, 12)
Venres 20. Compostela. 20.15 -Presentación da Guía de Axudas Sociais con compas da ODS-Coia e Leticia Castro (Educadora Social). Libraría Lila de Lilith (R/ Travesa, 7)