Entre o 21 e o 23 de marzo A Coruña acollerá as xornadas Renda Básica: o novo dereito social necesario, organizadas polo Concello e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). Unha das mesas de debate, o venres 22, analizará a relación entre Traballo, emprego e Renda Básica, coa participación do economista Fernando Martínez Valdueza e de David Casassas Márquez, profesor de Teoría Social e Política na Universidade de Barcelona e vicepresidente da Rede Renda Básica, con quen falamos.
"A renda básica amplia as nosas liberdades á hora de escoller que traballos remunerados e non remunerados queremos facer, gañando capacidade de negociación"
Avanzamos cara a unha sociedade na que necesariamente vai mudar a relación que establecemos co traballo? Que resposta dá a renda básica a unha realidade de emprego remunerado escaso? A renda básica racha o actual abismo entre emprego remunerado e traballo non remunerado?
Temos a evidencia de que as cousas non van ben. Partimos dun consenso no que os ingresos proceden do emprego, pero este emprego é escaso, como vemos en España, onde hai un paro estrutural importantísimo. Ademais, son moitos os casos de persoas cun emprego a tempo completo que perciben ingresos por debaixo do nivel de pobreza. Así mesmo, vanse dar procesos de automatización de resultado moi incerto que van ter como resultado a destrución neta de emprego. A renda básica permitiría salvar ese baleiro, permitíndonos acceder a uns ingresos mínimos sen ter que pasar por este mercado de traballo. Pero a renda básica non só serve para apagar este lume que crea graves situacións de desigualdade, senón que nos permite gañar algo moi importante: liberdade. O emprego remunerado tende a ser explotador nunha gran parte dos casos e a renda básica o que fai é ampliar as nosas liberdades á hora de escoller que traballos remunerados e non remunerados queremos facer, gañando capacidade de negociación.
"É importante que os traballos non remunerados obteñan este recoñecemento material, aínda que sexa indirecto"
Hai que ter en conta, ademais, que na actualidade a maior parte do traballo non remunerado é realizado polas mulleres. Contribúe a renda básica a nivelar un pouco a fenda de xénero?
Si, por suposto. Hai traballo que xa se fai e que non se remunera, comezando por ese traballo de coidados, pero tamén moitas formas de traballo voluntario, pero sobre todo eses coidados que son os que permiten que vivamos. Polo tanto é importante que eses traballos non remunerados obteñan este recoñecemento material, aínda que sexa indirecto. E despois está o traballo que actualmente non se está a facer
En relación co traballo unhas das críticas que habitualmente se lle fan á renda básica é a de 'dar algo a cambio de nada' e de atentar contra os 'valores emancipadores' que o traballo pode ter en certos contextos. Que respondedes dende os defensores da prestación?
Eu escoito moitas veces isto de 'como pode ser que deamos algo a cambio de nada' ou de que 'o traballo dignifica'. Hai que deixar moi claro que a renda básica non se opón ao traballo nun sentido amplo, senón que se opón precisamente ao traballo que non dignifica. Trátase de conquistar unha cultura do traballo e unha cultura do esforzo en ocupacións que verdade lle dean sentido ás nosas vidas, sen explotación, e iso é o que nos permite a renda básica.
"A hipótese que habitualmente manexan os críticos coa renda básica é que a xente abandonaría o mercado de traballo, e o que se comprobou en Finlandia foi que non foi así"
Nas últimas semanas coñecéronse as conclusións do experimento levado a cabo en Finlandia durante dous anos con 2000 persoas desempregadas, a quen se lles ofreceu un pagamento non condicionado. Como valorades os resultados?
De entrada, valorámola moi positivamente. Hai datos que amosan que aumentaron o benestar e a saúde das persoas perceptoras desta renda básica, que puideron ademais achegarse a novas ocupacións con tranquilidade, libres da desesperación e das obrigas que antes arrastraban. Algunhas das análises destacan que a medida non fixo que estas persoas se puxesen a traballar masivamente, pero paréceme máis significativo salientar que tampouco abandonaron o mercado de traballo. A hipótese que habitualmente manexan os críticos coa renda básica é que a xente deixaría de traballar, e o que se comprobou foi que non foi así.
Que opinas, en xeral, destes experimentos? Son útiles?
Eu son moi escéptico cara a estes experimentos, porque a estas experiencias limitadas no tempo fáltalles algúns elementos centrais da renda básica, que é unha prestación do berce á tumba. Esta característica é o que permite resetear a túa vida, e organizala dende a base con outro tipo de tranquilidade.
"A Rede Renda Básica demostrou cos seus traballos que cunha redistribución a través do IRPF, unicamente, xa se podía financiar en España"
Outra das cuestións que sempre xorden en relación coa renda básica é a da súa viabilidade económica: de onde saen os cartos para financiala. A Rede Renda Básica ten realizado estudos que aseguran o seu financiamento no Estado Español cunha simple política de redistribución de rendas. Como vos enfrontades a esta pregunta?
É unha cuestión de lóxica contable. A Rede Renda Básica demostrou cos seus traballos que cunha redistribución a través do IRPF, unicamente, xa se podía financiar en España unha renda básica. A proposta é máis ambiciosa e inclúe un conxunto de figuras impositivas, moi especialmente os impostos sobre o capital financeiro rendista, a famosa Taxa Tobin, impostos de sucesións, sobre o patrimonio, de sociedades... Varoufakis propoñía un imposto sobre os robots, que non era máis que un xeito de introducir un imposto sobre os medios de produción, un imposto de sociedades. Só co IRPF xa saen as contas. Imaxina se ademais non tivésemos que rescatar á banca con miles de millóns ou se loitásemos de verdade contra a fraude fiscal. Os números dan: falta polo tanto enfrontarse de forma política ao conflito social que supón a renda básica. A renda básica asusta non polas súas cifras, senón porque a súa aplicación lle restaría poder a quen máis ten. É unha ferramenta de democratización social.
"A renda básica asusta non polas súas cifras, senón porque a súa aplicación lle restaría poder a quen máis ten. É unha ferramenta de democratización social"
A proposta da renda básica é criticada por "utópica", por non ter sido aplicada nunca anteriormente. Supoño que calquera novo dereito foi utópico ata que se aprobou por primeira vez...
Temos que ser conscientes de que nos enfrontamos a unha situación moi grave de desigualdade, unida a unha catástrofe medioambiental, que dificultan enormemente a convivencia humana. E esta situación o actual capitalismo desatado só a poderá xestionar con altísimas doses de represión, de cultura do medo e de cultura do odio. Hai que pensar formas de repartir a riqueza, de xeito que todos teñamos a posibilidade de desenvolver proxectos de vida. O utópico é pensar que isto se vai conseguir pola vía actual.