A Renda Básica. Unha nova onda de dereitos para crear sociedades máis xustas

As xornadas celebraranse na Coruña do 21 ao 23 de marzo © Concello da Coruña

Entre o 21 e o 23 de marzo A Coruña acollerá as xornadas Renda Básica: o novo dereito social necesario, organizadas polo Concello e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). O evento, que constará de obradoiros e mesas de debate, terá lugar no Centro Cívico do Mallos e no Paraninfo da UDC, e buscará analizar se a renda básica é a fórmula máis eficaz para garantir a autonomía e dignidade humana e, ao cabo, crear sociedades máis xustas.

As distintas mesas temáticas afondarán nesta prestación incondicional dende distintas perspectivas como a dos feminismos, a sostibilidade ecolóxica, o benestar social, o dereito universal e o emprego

As distintas mesas temáticas afondarán nesta prestación incondicional dende distintas perspectivas como a dos feminismos, a sostibilidade ecolóxica, o benestar social, o dereito universal e o emprego. Tamén se analizarán as experiencias municipalistas postas en marcha estes anos, como é o caso, da Renda Social Municipal na Coruña.

As xornadas abriranse o xoves 21 no Centro Cívico dos Mallos, coa intervención do alcalde Xulio Ferreiro, a concelleira de Xustiza Social Silvia Cameán, Laura Vilaboy, presidenta do Colexio de Educadoras Sociais de Galicia e Rodrigo Gil, membro do colectivo pola Renda Básica na Coruña.

Entre as participantes nas xornadas atópase o presidente da Red Renda Básica, Daniel Raventós, a doutora en antropoloxía Nuria Alabao ou a xornalista especializada en xénero Sarah Babiker. O eurodeputado Florent Marcellesi e o coordinador do Observatorio de Ecoloxía Política Alberto Fraguas analizarán a renda dende o punto de vista da sostibilidade ecolóxica, nunha mesa moderada pola doutora de Psicopedagoxía e profesora da UDC Araceli Serantes. 

Daniel Raventós,  Sarah Babiker, Florent Marcellesi,  Koldobi Velasco e Carmen Lizárraga son algunhas das participantes

A profesora de traballo social da Universidade de Las Palmas Koldobi Velasco, a doutora en Economía e ex deputada Carmen Lizárraga, o investigador da Universidade do Minho Thiago Santos e a doutora en Socioloxía pola UDC Belén Fernández serán outras das participantes nestas xornadas. Xunto á psicóloga social e activista Mari Fidalgo, o profesor de Teoría Social e Política da Universidade de Barcelona David Casassas, os economistas Fernando Martínez Valdueza e Julen Bollain, o doutor en Socioloxía e traballador social Sergi Raventós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.