Ribera, propietaria de Povisa, ordena rexeitar pacientes nun hospital madrileño para gañar máis

Fachada do hospital Ribera Povisa en Vigo © Ribera Povisa

El País revela unha gravación do director executivo (CEO) da empresa que mercou Povisa, Polusa e Juan Cardona na que pide a mandos do grupo e do hospital de Torrejón rexeitar atencións pouco rendibles: "Facemos actividade que nos prexudica"

El País revela este mércores unha gravación do director executivo (CEO) do grupo sanitario Ribera, propietario desde 2019 do hospital vigués Povisa, na que pide a mandos da empresa e do hospital de Torrejón, que xestiona para a sanidade pública madrileña, que rexeiten atencións pouco rendibles. "Facemos actividade que nos prexudica", di Pablo Gallart, ante o que a empresa contestou a El País que as súas palabras fóra de "contexto" poden ser malinterpretadas. 

O grupo Ribera mercou en 2019 Povisa, que atende actualmente uns 110.000 pacientes do Sergas, ao grupo galego Nosa Terra, da familia Silveira. Outras grandes compras en Galicia foron a que fixo en 2020 co lucense Polusa e en 2021 co ferrolán Juan Cardona. Á súa vez Ribera, con orixe en Valencia, onde comezou xestionando diversos hospitais privatizados pola Generalitat, pasou por mans da estadounidense Centene Corporation e desde 2022 está controlada pola francesa Vivalto Santé

Hospital lucense Ribera Polusa © Ribera Polusa

Segundo as gravacións de El País, o CEO de Ribera pediu o 25 de setembro a mandos do grupo e do hospital de Torrejón, público pero coa xestión adxudicada á empresa durante 30 anos, que melloren os beneficios da empresa antes de intereses, impostos ou amortizacións (EBITDA) en "catro ou cinco millóns". "Entendo que somos quen de determinar a actividade que podemos prover. Ou dito doutra forma, establecendo a lista de espera cirúrxica, ao final vainos determinar a actividade e, determinando a actividade [...], determinaredes cales [son] os gastos e que nivel de EBITDA teremos", recolle El País

O diario sinala que tras falar con outras fontes internas da empresa e ter acceso a documentos comprobou que tamén se deu a orde de non atender pacientes non adscritos a ese hospital que requirisen atencións sanitarias de baixa rendibilidade. 

A empresa, pola súa banda, respondeu a El País que o seu único obxectivo é "ofrecer unha atención da máxima calidade" e que a conversa interna pode ser malinterpretada.

Interior do hospital privado Povisa durante a pandemia da COVID, nunha imaxe divulgada pola empresa propietaria © Ribera Salud

Ribera Povisa atende en Vigo 110.000 pacientes do Sergas cun acordo renovado hai un ano que aumentou de 80 a 100 millóns ao ano o que recibe de fondos públicos

Tras a compra de Povisa en 2019 por parte de Ribera, o Sergas renovou hai un ano o concerto que mantén desde hai décadas co hospital vigués elevando de 80 a preto de 100 millóns de euros ao ano o que prevé pagarlle por atender a unha cifra cada vez menor de pacientes públicos. Co novo acordo a empresa pasou de recibir un importe fixo por paciente a cobrar "polos servizos que efectivamente reciba cada persoa", salientou a Xunta.

Ribera Salud tamén mercou en Galicia en 2020 o hospital lucense Polusa e en 2021 o Juan Cardona de Ferrol e conta con outras clínicas de menor tamaño na Coruña e Viveiro. Igualmente, o grupo tamén tentou mercar en 2017 o hospital do Centro Gallego de Bos Aires tras a súa grave crise económica e en 2022 o da Casa de Galicia de Montevideo, dúas operacións que causaron grande polémica na diáspora galega e enfrontamentos internos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.