Malia reiteradas advertencias do Consello de Contas a Xunta modificou os seus Orzamentos para dedicar á asistencia sanitaria con medios alleos 30 millóns máis do previsto, a maioría tirados de partidas que ían mellorar centros públicos
"As modificacións orzamentarias deben reducirse ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional". Así vén criticando desde hai anos o Consello de Contas o reiterado recurso da Xunta a mover cartos dos seus Orzamentos a partidas non previstas inicialmente. A esas modificacións orzamentarias volveu recorrer o Sergas para dedicar no último medio ano á sanidade concertada cando menos 30 millóns de euros máis do previsto inicialmente, unha cifra maior e de xeito máis estendido no tempo que en anos anteriores.
A maioría deses fondos, cando menos 20 millóns de euros, saíron de partidas inicialmente destinadas a obras de mellora dos hospitais públicos. O resto foi tirado principalmente de partidas para subministros ou melloras de equipamentos.

As modificacións orzamentarias adoitan aumentar, segundo constata Contas, a finais de cada ano, especialmente "nos dous últimos meses", por imprevistos ou quedar xa sen fondos as partidas fixadas inicialmente. Porén, no último medio ano o Sergas vén recorrendo a modificacións orzamentarias para destinar máis cartos á sanidade concertada en maior contía e durante máis meses que en anos anteriores. Así se pode comprobar na información periódica que debe remitir ao respecto a Xunta ao Parlamento de Galicia, na que non sempre identifica o destino dos cartos, polo que estes poderían ser aínda máis.
Segundo esa documentación, e sen ter en conta o transporte sanitario, xa en outubro a Xunta trasladou a "gastos de asistencia sanitaria con medios alleos", principalmente "concertos con entidades privadas" ou "hemodiálises", un total de 8,5 millóns de euros que nos Orzamentos ían destinados inicialmente a obras previstas nos plans directores de mellora dos hospitais públicos galegos e "outras actuacións en centros hospitalarios".
En decembro foron 4,7 millóns os inicialmente non previstos que acabaron en concertos coa sanidade privada, neste caso identificando o Sergas que 2,45 millóns acabaron en asistencias prestadas con medios alleos na área sanitaria de Vigo e outro millón na de Lugo. Deles, cando menos 1,3 millóns procedían de partidas previstas inicialmente para obras en centros públicos.

Pero tras esas modificacións de final de ano, a comezos deste 2025 volveu repetirse o mesmo proceder, algo pouco habitual en anos anteriores. En marzo o Sergas realizou dúas modificacións orzamentarias de 10,2 e 7,8 millóns de euros que desviaron á asistencia sanitaria con medios alleos na área de Vigo fondos procedentes tamén na súa maioría de partidas destinadas inicialmente a mellorar centro públicos a través dos seus planes directores ou outras actuacións.
As modificacións dos últimos meses, principalmente para destinar máis fondos á concertada na área de Vigo, producíronse en plena negociación con Povisa para renovar o seu concerto, que vén de pasar de 80 a preto de 100 millóns ao ano
Unhas modificacións que se produciron en plena negociación do Sergas co hospital privado vigués Povisa para renovar o seu concerto, o principal da sanidade galega e que caducou o pasado setembro. Tras varias prórrogas durante os últimos meses, o novo concerto vén de pasar de 80 a preto de 100 millóns de euros ao ano.
Segundo o último informe de fiscalización do Sergas feito público polo Consello de Contas, correspondente a 2023 e feito público o 1 de abril, o volume total dos concertos e asistencias sanitarias con medios alleos daquel ano foi de 242 millóns de euros, un 7% máis que no exercicio anterior. Dese importe total 30 millóns foron ao transporte sanitario e 28 millóns a servizos de hemodiálise, mentres que o groso do gasto hospitalario foron 87 millóns pagados a Povisa.
Canto ás modificacións orzamentarias, o ente fiscalizador reitera a súa petición á Xunta reducilas "ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional".