Catro millóns de euros previstos para centros de saúde acaban pagando facturas da concesionaria do hospital de Vigo

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Catro millóns de euros previstos inicialmente para centros de saúde en Galicia acabaron pagando facturas da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Así se desprende dunha modificación nos seus Orzamentos Xerais para o ano 2023 á que a Xunta deu o visto e prace o pasado mes de novembro. 

A mudanza supón que 3,88 millóns dunha partida de 5,67 prevista para a construción de centros de saúde en Galicia pasasen a dotar "o crédito necesario para satisfacer o importe das facturas emitidas pola Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, correspondentes a recuperación da construción", segundo reza o expediente, incluído na documentación sobre as modificacións orzamentarias enviada ao Parlamento. 

Centro de saúde da Valenzá, en Barbadás CC-BY-SA Sergas Ourense

Unha modificación orzamentaria permite que 3,88 millóns dunha partida de 5,67 prevista para centros de saúde doten "o crédito necesario para satisfacer o importe das facturas"  do novo hospital de Vigo

En definitiva, que case o 70% desa partida do Sergas destinada nun principio a obras de novos ambulatorios acabou nesa "transferencia de crédito" para a concesionaria do novo hospital vigués. A Consellería de Sanidade, a preguntas deste diario, explica que a decisión chegou logo de teren elaborado "un estado económico" e darse "xustificación da existencia de remanente en contía suficiente dos créditos financiadores en proxección anual". 

"É dicir, quedou ese importe pendente, e aproveitamos un remanente para satisfacelo", di a Consellería, que insiste en que "non houbo problema para satisfacelo". 

Desde CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade pública en Galicia, o seu secretario nacional, Manuel González Moreira, advirte da "gravidade" de que se estea "a descapitalizar a sanidade pública" para adiantar pagos á concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, pero alerta con máis vehemencia da "falta de transparencia sobre modificacións orzamentarias coma esta ou sobre información respecto da execución final das partidas". 

"Mesmo a través de preguntas no Parlamento é case imposible obter información sobre que partidas se sacan dun lado para outro e como se executan, o que aumenta as nosas sospeitas de que hai máis transferencias que serven para financiar concertos coa privada e actividades fóra do público", engade, que insiste en pedir "transparencia sobre a execución e os cartos reais que se sacan" e en preguntar a que se refire o Sergas cando fala de "satisfacer facturas correspondentes a recuperación da construción". 

Desde o BNG, xa hai meses, a súa portavoz parlamentaria en Sanidade, Montse Prado, advertira que os canons económicos que percibe a sociedade concesionaria, en concepto do pago pola construción do novo hospital de Vigo e pola xestión dos servizos non sanitarios, "non deixou de aumentar nos últimos anos, pasando de 56,33 millóns no inicio" aos máis de 65 dos últimos anos. E reclamaba "unha auditoría" da xestión realizada pola concesionaria privada, ademais de facer un chamado a rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro para convertelo nun centro 100% público.

Compromisos de pagamentos pendentes por contratos de colaboración público privada segundo o previsto nos orzamentos para 2024 e estimación da Xunta para anos posteriores CC-BY-SA Xunta

BNG e PSdeG advertiron da suba no canon á concesionaria e lamentaban "pagar alegremente a empresas privadas por decisións erradas" da Xunta

No pasado mes de decembro, o portavoz en Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, critica a xestión dos recursos humanos, o déficit de médicos e a precariedade na atención sanitaria en Galicia "mentres a Xunta ten que pagar o canon do Álvaro Cunqueiro co diñeiro que lles quitan aos profesionais sanitarios". 

Dicíao en referencia a unha información do Faro de Vigo que advertía da suba dese canon pola inflación e censuraba os responsables do Sergas por "recortar onde non deben" para "despois pagarlle alegremente a empresas privadas por decisións erradas", en alusión a iniciativa da Xunta de Feijóo de contratar a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro cun modelo de participación público-privada polo que haberá que pagar "máis do que custaría construíndoo con cargo aos fondos públicos". 

A Xunta ten pendente de pagarlle á concesionaria do hospital 767 millóns de euros ata 2035

O caso é que pola construción hai unha década do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (cuxa obra física supuxo algo máis de 300 millóns de euros) e a xestión e mantemento das súas instalacións a Xunta terá que pagar en 2024 á súa concesionaria 65,4 millóns de euros, e un total de 767 millóns ata 2035, sumados ao que xa foi pagando nos últimos anos, o que elevaría a conta total desde 2015 a máis de mil millóns de euros. 

Unha concesionaria, creada hai dez anos fundamentalmente por varias construtoras e caixas de aforros españolas, que agora está maioritariamente controlada por fondos de investimento radicados en centroeuropa. Un grupo que veu aumentados os seus ingresos por erros de cálculo da Xunta, tal e como sentenciou en 2021 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que outorgou á empresa Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo o dereito a cobrar outros 273.000 euros máis ao ano porque o Sergas non tivera en conta gastos financeiros nos que incorreu para obter os cartos necesarios para a obra. 

Feijóo, nunha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en febreiro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Fora o primeiro goberno de Núñez Feijóo á fronte da Xunta o que xustificara a construción do Álvaro Cunqueiro a través dunha concesionaria argumentando que en plena crise económica as empresas privadas tiñan mellores posibilidades de obter financiamento que a administración. O agora líder do PP estatal chegara a culpar a Zapatero de que o novo hospital vigués o construíse unha concesionaria privada

Non foi o único caso. Os pagamentos plurianuais que a Xunta ten que facer ata 2035 á concesionaria do hospital non son os únicos aos que a Xunta se obrigou durante os últimos anos coas súas decisións de acometer diversas infraestruturas, principalmente autovías, a través da colaboración público-privada. Ata 2040 quedan por pagar por eses contratos algo máis de 1.900 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.