O Sergas é condenado a asumir o sobrecusto que lle supuxo á empresa obter no mercado os cartos para un complexo duns 300 millóns de euros polo que o Goberno galego pagará mil millóns en 20 anos
Hai unha década, o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu construír o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través dunha concesionaria argumentando que en plena crise económica as empresas privadas tiñan mellores posibilidades de obter financiamento que a administración. Pola execución material do complexo, valorado nuns 300 millóns de euros, e a xestión dos seus espazos non sanitarios a empresa, hoxe en mans de fondos de investimento, recibirá desde a súa apertura en 2015 e durante vinte anos, ata 2035, máis de mil millóns de euros, aplicando uns cálculos que supoñen só neste 2021 o pagamento duns 75 millóns de euros.
Pero agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de sentenciar que o Goberno galego volveu errar nos seus cálculos. A empresa ten dereito a cobrar outros 273.000 euros máis ao ano porque o Sergas non tivo en conta gastos financeiros nos que incorreu para obter os cartos necesarios para a obra.
Os pregos de condicións da concesión para construír o hospital establecían un tipo de xuro de referencia do 7,5% para o financiamento que puidesen obter no mercado as empresas interesadas no contrato así como diversos mecanismos para, unha vez posto en servizo o complexo, garantir que a concesionaria mantivese o equilibrio de custos e beneficios.
Agora, o TSXG avala outra sentenza previa dun xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago que estableceu en 237.214 euros anuais (a Xunta cifrábao en 49.000 e a empresa en 605.000) o incremento da denominada contía máxima anual que pode recibir concesionaria en compensación por determinados custos financeiros.
O concurso da Xunta para construír o hospital “non determinaba expresamente se nesas taxas de xuros se deberían incluír ou non as comisións de apertura, de dispoñibilidade ou de axencia e demais gastos financeiros”, e a xustiza considera que si deben estar incluídas
Segundo a sentenza, avanzada este luns por La Voz de Galicia e consultada por Praza.gal, a cláusula do contrato que regula as compensacións á concesionaria segundo as variacións que puideran experimentar as taxas de xuro “non determinaba expresamente se nesas taxas de xuros se deberían incluír ou non as comisións de apertura, de dispoñibilidade ou de axencia e demais gastos financeiros”. O TSXG comparte a visión do xulgado previo e dos peritos que interviron no proceso que consideran que a Xunta si debía contemplar eses gastos pois “incrementan o valor do investimento inicial para poñer en funcionamento” o hospital.
A xustiza xa recoñeceu no pasado o dereito da concesionaria do hospital a recibir pagamentos máis altos por parte da administración por erros de cálculo desta última. A Xunta foi condenada a pagar preto de seis millóns de euros máis á concesionaria despois de que a xustiza tombase a súa interpretación de que o IVE aplicable ao complexo era do 10% e non do 21%. Como unha inspección tributaria estableceu que a concesionaria tiña que pagar o IVE máis elevado, a empresa reclamou que iso se repercutise tamén no que recibía da Xunta, e gañou.
A concesionaria do hospital, impulsada no seu momento por construtoras, está controlada por fondos de investimento
A concesionaria do hospital estivo participada maioritariamente desde o seu nacemento por Acciona, coa que se asociaron outras construtoras e entidades financeiras, pero o pasado decembro a socia maioritaria comunicou que tamén ela vendería a súa participación a un fondo de investimento. Por outra banda, o pasado xaneiro Feijóo culpou ao ex-presidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero de ter que construír o hospital de Vigo a través dunha concesionaria privada e non con investimento directo da propia Xunta.