Fondos de investimento de centroeuropa aos que a Xunta pagará 963 millóns ata 2035 controlarán a concesión do hospital de Vigo

Vista do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

A venda por parte de Acciona da súa participación do 43% a un fondo francés súmase á de hai ano e medio a outro luxemburgués do 16% que tiñan entidades financeiras españolas

Pola construción hai unha década do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (cuxa obra física supuxo algo máis de 300 millóns de euros) e a xestión e mantemento das súas instalacións a Xunta terá que pagar en 2021 á súa concesionaria 75 millóns de euros, e un total de 963 millóns ata 2035, sumados ao que xa foi pagando nos últimos anos. Agora esa concesionaria, creada hai dez anos fundamentalmente por varias construtoras e caixas de aforros españolas, estará maioritariamente controlada por fondos de investimento radicados en centroeuropa.

Acciona, desde o comezo e ata agora socia maioritaria da concesionaria do hospital, co 43,33% do seu capital, comunicou este luns á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que asinou un acordo co fondo de investimento Meridiam, con sede principal en París, “para a venda da totalidade da súa participación” en varias concesións, entre elas o hospital vigués e a que xestiona un treito da Autovía da Prata, unha operación que cuantifica nun global de 484 millóns de euros.

Hai ano e medio outro dos socios orixinais da concesionaria do hospital, a sociedade Concessia, creada por varios bancos e caixas de aforros para canalizar o seu investimento en infraestruturas e concesións públicas, tamén vendeu a súa participación , do 16,67%, a outro fondo, o luxemburgués RiverRock.

Outro 16% da concesionaria do hospital tamén está controlado por outra firma con orixe en Francia, Veolia (Altair cando se creou a concesionaria hai unha década), neste caso unha empresa especializa na xestión de servizos. Por último, o restante 23% da concesionaria é o único que se mantén en mans dunha empresa con sede en Galicia, Puentes y Calzadas.

A Xunta ten pendente de pagarlle á concesionaria do hospital 963 millóns de euros ata 2035, e un total de 2.333 millóns por todos os contratos de colaboración público-privada activos ata 2040

Coa concesionaria agora controlada por fondos e empresas estranxeiras terán que seguir lidando ata 2035, cando remata a concesión, tanto a Xunta como o Concello de Vigo. A primeira porque as empresas concesionarias adoitan relear calquera petición de mellora o cumprimento dos seus servizos que lle fan as administracións concedentes, e o segundo porque vén librando desde hai anos unha batalla nos tribunais para que a empresa lle pague o imposto de bens inmobles do que están exentas as instalacións sanitarias pero non as actividades económicas privadas, como as que desenvolve a concesionaria no recinto do hospital, co aparcamento e as súas elevadas tarifas como elemento máis significativo para a cidadanía. 

Por outra banda, os pagamentos plurianuais que a Xunta ten que facer ata 2035 á concesionaria do hospital non son os únicos aos que o Goberno galego se obrigou durante os últimos anos coas súas decisións de acometer diversas infraestruturas, principalmente autovías, a través da colaboración público-privada. Ata 2040 quedan por pagar por eses contratos un total de 2.333 millóns de euros.

Compromisos de pagamentos pendentes por contratos de colaboración público privada segundo o previsto nos orzamentos para 2021 e estimación da Xunta para anos posteriores CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.