Os contratos de colaboración público-privada deseñados por Feijóo como conselleiro ou xa como presidente tanto para estradas como no eido sanitario obrigarán a pagar 2.333 millóns de euros ata 2040
Menos de 50 millóns de euros será o que destine a Xunta en 2021 á construción de novos treitos de estradas de calquera clase fronte aos arredor de 70 millóns que gastará en pagar a hipoteca das autovías con peaxe en sombra impulsadas nas dúas últimas décadas por Feijóo como conselleiro de Política Territorial ou como presidente do Goberno galego pero das que agora renega. Novas estradas que á súa vez son, na maior parte dos casos, pequenos treitos pendentes desde hai anos de grandes infraestruturas prometidas no Plan Galicia da Xunta tras o Prestige.
Segundo os orzamentos da Xunta para 2021, as contas públicas galegas están hipotecadas en 2.333 millóns de euros a pagar ata 2040 polo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a renovación da alta tecnoloxía sanitaria e cinco autovías: a do Salnés e a Santiago-Brión foron adxudicadas por Feijóo como conselleiro en plena campaña electoral de 2005, a do Barbanza tamén a deixou el licitada daquela e adxudicouna pouco despois o bipartito e as da Costa da Morte e Celanova contratáronse sendo xa presidente.
Só por esas cinco autovías a cota a pagar en 2021 suma uns 65 millóns de euros, cifra á que hai que sumar o que a Xunta gasta tamén na liberación ou rebaixa de peaxes de varios treitos de autoestradas, fundamentalmente a AG-53 entre Dozón e Ourense. As contas da Axencia Galega de Infraestruturas elevan aínda máis esa cifra ao cuantificar en 52 millóns o importe a pagar por canons de demanda e 24,8 por canons de dispoñibilidade, as dúas modalidades de pagamento das autovías con peaxe na sombra en función dos compromisos de mantemento das concesionarias.
A Xunta gastará en 2021 arredor de 70 millóns en pagamentos aprazados de autovías xa construídas, 50 millóns en mantemento doutras estradas e menos desa contía en novas vías ou melloras significativas das xa existentes
Fronte a esas cifras, o detalle de investimentos en estradas da Axencia Galega de Infraestruturas contempla 29 millóns para a conservación ordinaria das estradas xa en servizo e garantir a súa vialidade invernal, e outros 21 millóns para conservación extraordinaria e reforzos de firme. Pero ao analizar os investimentos en novas estradas, as contas só recollen seis nas que a contía supera o millón de euros e polo tanto poida haber expectativas reais de que se realicen obras e non só estudos previos.
A maior partida, de 10,9 millóns, vai para continuar o inacabado corredor do Baixo Miño, prometido polo Feijóo conselleiro tras o Prestige e no que a Xunta renunciou a executalo na súa totalidade. Tamén daquela época data a promesa da Autovía da Costa da Morte, que a Xunta deixou inacabada e agora quere retomar só parcialmente. Igualmente menos ambición terán as prometidas autovías entre Teo e A Estrada e a da costa norte entre Ferrol e Ribadeo, que quedou en arranxos puntuais.
Estas son algunhas das últimas decisións da Xunta a respecto das principais obras de estradas que consigna nas súas contas:
- A Xunta renuncia a parte do polémico corredor do Baixo Miño prometido por Feijóo tras o Prestige e ampliará carrís da estrada actual (8-7-2019)
- Cinco anos despois de anular o 35% da Autovía da Costa da Morte, a Xunta anuncia en precampaña que retomará parte da obra (22-2-2020)
- A Xunta anuncia novos arranxos de estradas en Ferrolterra once anos despois de prometer unha autovía coa Mariña (5-3-2020)
- A Xunta recorta a autovía Santiago-A Estrada e volve expoñela ao público tras caducar o seu anterior estudo ambiental (18-11-2020)