O programa do PP promete obras do Plan Galicia que non foi quen de facer en 13 anos

Obras paralizadas en 2014 da vía de altas prestacións do Baixo Miño prometida tras o Prestige e que o PP volve incluír no seu programa electoral CC-BY-SA Praza Pública

O listado de promesas populares condiciona actuacións urbanas a que acheguen cartos os concellos, as deputacións e o Estado, ao que reclama tamén conectar Lugo co AVE malia prometer Feijóo en 2009 facelo el e pasar a factura

En marzo de 2003, dous meses despois de chegar ao cargo, o daquela conselleiro de Política Territorial de Manuel Fraga, Alberto Núñez Feijóo, encargou diversos traballos técnicos para desenvolver obras do Plan Galicia da Xunta que complementaba actuacións do seu equivalente estatal publicitado por Aznar tras a catástrofe do Prestige. Entre elas estaban novas vías de alta capacidade entre Tui e A Guarda no Baixo Miño, entre Carballo e Berdoias na Costa da Morte, e entre Ferrol e a Mariña lucense na costa norte.

Tras dous anos como conselleiro e once como presidente da Xunta, o programa electoral do PP para a próxima lexislatura volve incluír esas actuacións inacabadas e nalgún caso sen comezar. Un listado de promesas populares para as eleccións do 12 de xullo que condiciona actuacións urbanas a que acheguen cartos os concellos, as deputacións e o Estado, ao que reclama tamén conectar Lugo co AVE malia prometer Feijóo en 2009 facelo el e pasar a factura ao ministerio.

Programa de Feijóo en 2009 no que xa prometía infraestruturas que aínda seguen pendentes e agora volve prometer Dominio Público Praza Pública

O programa do PP matiza que “o desenvolvemento de novas infraestruturas viarias estará condicionado pola recuperación do nivel de ingresos públicos previos á crise da Covid-19”

O novo programa electoral do PP matiza que “o desenvolvemento de novas infraestruturas viarias estará condicionado pola recuperación do nivel de ingresos públicos previos á crise da Covid-19, así como polas necesidades de investimento xeradas pola propia pandemia”, pero engade que o PPdeG mantén as súas “prioridades”: “Completar os eixos de alta capacidade en desenvolvemento como as VAC Tui-A Guarda e Costa Norte” ou “a prolongación da autovía da Costa da Morte”.

Esas actuacións non só foron prometidas no Plan Galicia da Xunta senón que algunha, como a da Costa Norte, xa fora planificada antes polo antecesor de Feijóo na consellería, Xosé Cuiña. Posteriormente, o Feijóo candidato á Xunta incluíunas nos seus sucesivos programas electorais, e nel seguen, como promesas de futuro, case dúas décadas despois.

A Xunta anulou hai cinco anos 15 dos 42 quilómetros que ía ter a Autovía da Costa da Morte e só ten en servizo 10 dos 25 quilómetros da vía do Baixo Miño e 16 dos 80 da Costa Norte

No caso da Costa da Morte, a finais de febreiro, a mes e medio das despois frustradas eleccións de abril, a Xunta anunciou a súa intención de retomar parte da obra da autovía, na que cinco anos antes tomara a decisión de anular os últimos 15 quilómetros dos 42 que ía ter inicialmente. O propio Goberno galego lembrou hai catro meses no Diario Oficial de Galicia que a infraestrutura ten a súa orixe no Plan Galicia, pero malia que nel se prometía ata Berdoias, hoxe remata en Baio, 15 quilómetros antes, e agora a Xunta quere retomar só 6 dos que decidiu anular hai cinco anos e xa non como autovía senón cun só carril por sentido. Calcula que custarán 28 millóns de euros, que haberá que sumar aos máis de 600 millóns que o Goberno galego ten que pagar ata 2038 polos 25 quilómetros xa en servizo á concesionaria da autovía con peaxe na sombra.

No Baixo Miño, dos 25 quilómetros que ía ter a súa vía de alta capacidade entre Tui e a Guarda só están rematados 10, outros 4 que quedaron a medio construír veñen de ser retomados, noutros 2 quilómetros a Xunta renunciou a facer a nova infraestrutura e ampliará a estrada actual como “autovía urbana” con rotondas e no resto o Goberno galego vén de decidir aínda o pasado febreiro o seu polémico trazado.

Na Costa Norte, para a que o Feijóo de 2009 prometía directamente unha “Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao (posta en servizo 2012)”, o que hai hoxe é un corredor, cun só carril por sentido e non dous como as autovías, en apenas 16 quilómetros dos 80 que separan as dúas poboacións: a circunvalación de Ortigueira, en 2013, e o San Cibrao-Viveiro, en 2017, licitado oito anos antes polo bipartito e inaugurado con tres anos e medio de atraso. Diversas melloras anunciadas nos últimos tempos para as estradas convencionais da zona evidencian que a autovía non será un proxecto que os populares impulsen a curto prazo.

Autoridades paseando polo Porto Seco de Monforte na súa inauguración o 28 de febreiro de 2014 e aínda hoxe sen unha soa empresa instalada Dominio Público Xunta de Galicia

Ademais desas grandes infraestruturas interurbanas, no caso das actuacións de carácter urbano o programa electoral do PP sinala que “proporase a sinatura de acordos institucionais de financiamento conxunto e igualitario entre goberno municipal ou Deputación, Xunta e Administración Xeral do Estado”.

O programa do PP di apostar por unha "estratexia das infraestruturas da loxística" que dea protagonismo aos portos secos de Salvaterra e Monforte, aínda sen unha empresa instalada

Ao Goberno central pon moitos máis deberes o programa electoral popular, ao sinalar que a Xunta esixiralle “a realización en Galicia das infraestruturas ferroviarias pendentes, nomeadamente a finalización do AVE nos prazos comprometidos, así como as súas conexións con Lugo, Ferrol ou Vigo”. Porén, nada di o programa da promesa lanzada por Feijóo en 2009 de que a Xunta faría o AVE entre Ourense e Lugo e despois pasaría a factura ao ministerio se este non o acometía. Máis dunha década despois, o ministerio está iniciar unha mellora progresiva da liña actual despois de que o anterior Goberno central do PP desbotase facer unha liña de AVE.

Ao Goberno central o PP tamén esixirá melloras na antiga liña de Feve, “os investimentos relacionados coa inclusión no trazado do Corredor Atlántico Europeo, as actuacións de intermodalidade nas estacións ferroviarias, a planificación da adaptación do ancho de vía, o reforzo dos servizos de viaxeiros, ou a integración dos servizos ferroviarios co sistema autonómico de transporte metropolitano”, así como “a transferencia á Xunta de Galicia da titularidade da AP-9 e da AP-53, convenientemente financiadas para asumir os custos das actuacións, obras e rebaixas de peaxes comprometidas nas mesmas”.

O programa popular tamén fala dunha “estratexia das infraestruturas da loxística” na que di que “terán un papel protagonista o Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías e as conexións cos portos da fachada atlántica e das plataformas loxísticas como a Plisan de Salvaterra ou o Porto Seco de Monforte”. Sobre a primeira plataforma loxística a Xunta vén de admitir outro atraso malia lanzar o proxecto hai 20 anos e di que aínda “estuda” a apertura total da autovía que a comunica, rematada en 2013. Tanto na Plisan como no Porto Seco de Monforte, rematado hai seis anos e chamado a ser a porta de Galicia con Europa, non hai aínda nin unha soa empresa instalada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.