O "AVE a Lugo" nunca existiu. Unha lectura dos sucesivos Orzamentos Xerais do Estado ratifica que a liña de alta velocidade de Ourense á capital lucense nunca pasou dos estudos previos e de promesas máis ou menos vagas. A máis pirotécnica ata a data segue sendo a de Alberto Núñez Feijóo que, como candidato á presidencia do Goberno galego prometera o 10 de xaneiro de 2009 construír esa liña férrea "con cartos da Xunta". Dez anos despois, volve tornar a cuestión en bandeira electoral, agora coa vista posta nas eleccións xerais do 10N.
Fronte á teimosía de abondosos gobernos e líderes, no ano 2017 o Goberno de España, daquela aínda co PP, comezou a admitir pola vía dos feitos que Lugo non vai ter AVE. O que haberá será un acceso á liña de alta velocidade que pasa por Ourense mediante a modernización das atrasadas vías que unen ambas urbes. O plan a en execución inclúe a electrificación, a mellora da plataforma actual e a supresión de pasos a nivel. Estúdase, adicionalmente, a posible construción de variantes dos treitos do trazado máis obsoleto.
O "AVE a Lugo" nunca existiu. O que si existe e xa está en marcha é o plan de melloras da vía convencional, que inclúe accións como a electrificación e a supresión de pasos a nivel
Como avanzara o propio Ministerio de Fomento en tempos de Rajoy e asumiu o Goberno do PSOE, estas melloras das vías actuais permitirán reducir no horizonte de 2021 -tamén se anunciaran obras adicionais, pero sen prazo- a unha hora o tempo de viaxe en tren de Lugo a Ourense. O proxecto fora asumido polas diversas institucións da provincia a xeito de mal menor e Fomento mesmo organizara unha visita á zona na que evidenciara o deficiente servizo ferroviario tendo que botar man de autobuses á única variante xa executada con características de alta velocidade -apenas 7 quilómetros na Pobra de San Xiao-
Ata aquí, a realidade e os plans en marcha. A eles véñense de engadir recentemente os primeiros pasos para construír un novo túnel en Oural que substitúa ao actual, unha infraestrutura inaugurada a finais do século XIX pola que apenas collen os trens actuais e que xa suscitou numerosas queixas de maquinistas pola súa perigosidade. Segundo o actual ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, o ano 2021 segue sendo a referencia para esa mellora na "conexión Ourense-Monforte-Lugo" e así o reiterou o sábado nun mitin preelectoral do PSdeG en Lugo.
Ábalos afirmou en Lugo que as melloras da vía férrea xa en marcha estarán concluídas en 2021 e Feijóo concluíu na cidade ao día seguinte que "Lugo non terá AVE no 2021"
Vinte e catro horas despois o presidente da Xunta aproveitaba un acto do PP en Lugo para cargar contra Ábalos a conta dese prazo. "Tal e como vai, Lugo non terá o AVE no 2021", proclamou Feijóo, que asegurou que no PP "tiñamos prevista esa data" -o prazo era para a mellora da vía convencional, non para a construción dunha liña de alta velocidade- pero que xa non será posible porque o Goberno de Pedro Sánchez está "sesteando". Na mesma liña, a preguntas da prensa este luns en Lugo o titular da Xunta reiteraba que a data ofrecida por Ábalos para as melloras da liña é "incorrecta" porque "non vai haber AVE en Lugo en 2021".
"Ante a evidencia dos feitos xa só lle queda a mentira"
As verbas de Feijóo molestaron especialmente no seo dos socialistas, tanto por poñer en dúbida a data ofrecida por Ábalos como polo feito de dar a entender que o ministro e secretario de organización do PSOE estaba a prometer a construción dunha liña de alta velocidade ferroviaria e non as obras de mellora xa en marcha. A xuízo da secretaria xeral do PSdeG na provincia, a deputada Patricia Otero, o que o presidente e líder do PPdeG vén demostrar é que "xa só lle queda a mentira, o engano e a manipulación ante a evidencia dos feitos".
Patricia Otero, secretaria do PSdeG en Lugo: "A Feijóo tíñalle que caer a cara de vergoña por vir falar do AVE a Lugo despois de comprometerse en 2009 a facelo con fondos autonómicos"
"A Feijóo -di Otero- tíñalle que caer a cara de vergoña política por vir falar do AVE a Lugo", a comezar polo feito de que "na campaña das eleccións de 2009 se comprometeu a realizar o AVE entre Lugo e Ourense con fondos autonómicos" e tal cousa nunca sucedeu. "O Goberno do PP tivo responsabilidades tanto no Executivo central como na Xunta e non investiron un can, esa é a súa verdade", reprocha a socialista.
Para o PSdeG lucense o prazo ofrecido por Ábalos para as obras en marcha non só é válido, senón que evidencia que "o Goberno de Pedro Sánchez está impulsando obras moi relevantes nas infraestruturas da provincia". Mentres, lamenta, Feijóo "só vén a Lugo a pedir o voto coas mans baleiras" e por iso "tenta confundir os lucenses sobre os seus propios fracasos e enganos", conclúe a parlamentaria.