Manzaneda, oitava alcaldía que gaña o PP con mocións de censura apoiadas en tránsfugas ou independentes

O xa ex-alcalde Amable Fernández, no medio, durante a moción de censura en Manzaneda CC-BY-SA PSdeG Ourense

O PP accedeu este pasado luns á alcaldía de Manzaneda logo de que saíse adiante a moción de censura impulsada polo PP xunto a dous edís tránsfugas. Dous concelleiros agora non adscritos que concorreran nas últimas eleccións municipais baixo as listas do PSdeG foron os que propiciaron que o portavoz popular, Pedro Yáñez, accedese ao posto de rexedor que ata onte ocupaba o socialista Amable Fernández. 

O PP accede á alcaldía de Manzaneda tras saír adiante a moción de censura cos votos de dous edís tránsfugas do PSdeG

O PP de Manzaneda xustificou a moción pola "grave situación de deterioración institucional política e social que vive o Concello". A iniciativa estaba prevista para o pasado 29 de outubro, pero foi suspendida polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense tras aceptar a medida cautelar presentada polo anterior alcalde, que alegara posibles causas de nulidade. 

O PSdeG da provincia de Ourense, que quixo apoiar o alcalde saínte coa presenza de varios dos seus cargos en Manzaneda, advertiu de que "nas vindeiras eleccións municipais, o pobo outorgaralle unha maioría absolutísima aos socialistas, como xa aconteceu en 2023, cando o PSOE duplicou en número de votos ao PP". Ademais, censuraron os populares ourensáns por "seguir coas súas práctias e manobras caciquís coma nos tempos máis escuros do baltarismo".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pola súa banda, acusou o PP de "comprar vontades" cunha "práctica crecente no PP de Rueda". "Vai en contra da decisión que tomou a veciñanza", dixo, en referencia aos resultados electorais. A lista socialista obtivo o 56% dos votos. 

Son xa oito as alcaldías que o PP gañou a través de mocións de censura neste mandato municipal: Manzaneda, Ribeira, Carral, Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei e Touro

Sexa como for, o PP logrou o seu obxectivo, na que é a oitava alcaldía que os populares gañan a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023. Á que agora se confirmou en Manzaneda hai que engadirlle as que nos últimos meses tiveron lugar en Carral, Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei, Touro e Ribeira. En todos os casos os populares fixéronse coa alcaldía a través de acordos con partidos independentes que ata entón apoiaban ou formaban parte do goberno local ou co apoio de edís tránsfugas, como neste último caso na localidade ourensá. 

En Viveiro, o PP acadou o apoio do grupo de Por Viveiro, que ata daquela apoiara a alcaldesa socialista; en Touro foi grazas ao voto dun ex-membro do grupo gobernante do Movemento Veciñal; e en Carral e Fisterra os populares valéronse de pactos con ex-compoñentes do grupo de Alternativa dos Veciños. En Outes a operación foi posible grazas a un tránsfuga do PSOE, ao igual que en Forcarei ou agora en Manzaneda, co apoio de dous tránsfugas que formaran parte da lista dos socialistas. 

Besteiro denuncia a "compra de vontades" por parte do PP e o PSdeG de Ourense advirte de "prácticas e manobras caciquís coma nos tempos máis escuros do baltarismo"

En moitos casos foi clave a sentenza do Constitucional que despenalizou en xullo os pactos con edís non adscritos e que eliminou da lei electoral a norma que impedía sacar adiante unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga ou dun edil do mesmo grupo do alcalde ou alcaldesa contra a que se presenta. Foi a través desta mudanza como o PP obtivo nas últimas semanas do verán as alcaldías de Touro, Forcarei e Fisterra ou como o PSdeG recuperou a de Noia. Agora, valeulle para Manzaneda. 

Con todo, as mocións non foron o detonante de todos os cambios de cor política neste mandato. Aos dos últimos meses súmanse os producidos noutros concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) pero no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa.

Amable Fernández, ollando o móbil, arroupado por membros do PSdeG de Ourense CC-BY-SA PSdeG Ourense

Tendo en conta as mocións de censura, foron oito as que deron novas alcaldías ao PP desde que comezara este mandato , obtendo o PSdeG a do Irixo e a de Noia polo mesmo método. 

O PP gañou dez alcaldías desde as municipais de 2023

En total, son arredor de 130.000 os galegos e galegas que están gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023.

O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou dez alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Ribeira, Carral, Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, a de Noia, e a de Viana do Bolo, onde PSdeG e BNG alcanzaron un acordo para gobernar de forma alternativa nun concello onde as dúas formacións de esquerda xa sumaban maioría no pleno.

Ademais, como se coñeceu hai tan só unhas semanas, en Sarria o alcalde ex-socialista pactou retirarse co PP, alimentando así a súa pugna dos populares pola Deputación, unha derivada clave tanto no caso de Lugo como na provincia da Coruña para entender todos estes movementos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.