Cinco edís do Partido Popular en Fisterra mais un tránsfuga de Alternativa dos Veciños (AV) presentaron este luns unha moción de censura contra a alcaldesa, tamén de AV, Áurea Domínguez, que goberna con só dous de once concelleiros e co apoio de BNG e PSdeG, logo de que hai un ano retirase as competencias de goberno ao concelleiro díscolo que agora facilita o cambio na alcaldía.
A crise en Fisterra provocara mesmo que Alternativa dos Veciños lle abrise un expediente á rexedora e meditase a súa expulsión, algo que finalmente non sucedeu. A rexedora expulsara a Martínez Traba, aínda que este continuaba no grupo. Pero unha recente sentenza do Tribunal Constitucional mudouno todo, ao igual que o cambiou noutras localidades e que ten trazas de que o cambiará nalgunha máis.
A clave está na publicación no BOE a mediados do pasado mes de xullo da sentenza que despenaliza os pactos con edís non adscritos ao eliminar da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) a norma que permitía impedir sacar adiante unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga ou dun edil do mesmo grupo do alcalde ou alcaldesa contra a que se presenta.
A sentenza do Constitucional é clave en Fisterra como o foi en Forcarei e o será en Touro ou Noia
Iso foi o que facilitou que o PP volvese á alcaldía en Forcarei, que o vaia facer en Touro e que o popular Luís Manuel Insua se convirta en novo rexedor fisterrán, pero tamén que o mesmo partido perda proximamente o bastón de mando en Noia.
En todo caso, a de Fisterra será a quinta alcaldía que o PP gañe a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023, ao engadirlle a da localidade da Costa de Morte á de Outes, Viveiro e Forcarei (da pasada semana) e a de Touro, que está prevista que se debata o vindeiro 12 de agosto.
A de Fisterra será a quinta alcaldía que o PP gañe grazas a mocións de censura; a través de dimisións obtivo tres
Porque ata a devandita sentenza do Constitucional, un concelleiro que tivese pertencido ao mesmo grupo político dun alcalde non podía virar en voto decisivo para botar adiante unha moción de censura na súa contra, xa que por cada edil tránsfuga que apoiase unha moción precisábase un apoio máis para conseguir así a maioría reforzada que permitise o cambio. Ese punto da LOREG vén de ser declarado inconstitucional, o que abriu a porta para mocións de censura en Galicia. O primeiro caso apoiado nesta mudanza legal foi a de Forcarei, a pasada semana, e os seguintes daranse en Touro e Noia.
O cambio en Fisterra confirmarase coa votación no pleno do 19 de agosto. Ata a mudanza na lei electoral, para que o PP accedese á alcaldía precisaría, ademais do voto do concelleiro tránsfuga de AV, o dalgún edil do PSOE (2) ou BNG (1), algo que estaba descartado. A sentenza do Constitucional deulle vía libre aos populares para alcanzar o bastón de mando.
García Seoane, líder de AV, anuncia a expulsión do edil díscolo do partido
En consecuencia, o líder de AV e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, xa anunciou que a súa formación expulsará o edil díscolo.
O PP xa gañou oito alcaldías
Así, o cambio de cor política en Fisterra, Noia, Touro e Forcarei súmase aos producidos noutros sete concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa, que por falta de confianza do pleno municipal, cedeu o bastón de mando a outra formación política.
En total, son arredor de 90.000 os galegos e galegas que estarán gobernados nos vindeiros días nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023.
"As regras son as mesmas para todos; non criticar nunca que se utilice o que nós estamos utilizando", xustifica Alfonso Rueda
O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou oito alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, e perderá a de Noia, unha vila clave non só pola súa importancia e número de habitantes, senón tamén polo que supón nun futuro para a batalla pola Deputación. Agora, ademais, os populares prevén gañar Fisterra.

Rueda xustifica as mocións
Ademais, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, xustificou o acceso ás alcaldías por parte do seu partido a través do apoio e concelleiros tránsfugas. "Houbo unha sentenza que cambiou as regras de xogo xurídicas e isto produciu movementos", dixo tras o Consello, para aclarar que "os mesmos que dicían que isto non se pode facer impulsaron unha moción de censura en Noia".
"Se hai un marco, haino para todos", engadiu, para asegurar que lle gustaría "conservar" en mans do PP todos os concellos que actualmente ten, pero que se perde algunha debe "entender" e "aceptar que se as regras son outras, son as mesmas regras para todos". "Non vou criticar nunca que se utilice o que nós estamos utilizando", di.