As mocións de censura que mudaron gobernos municipais tiveron historicamente efectos moi distintos. Houbo lugares nos que a cidadanía castigou co seu voto os impulsores destes movementos e tamén outros nos que as urnas consolidaron esa mudanza de nomes e cargos. Depende do lugar e, moitas veces, da presenza ou non destas operacións de concelleiros tránsfugas.
En cinco destes concellos os alcaldes censurados foron recompensados pola cidadanía e melloraron os seus resultados ou aseguraron a súa investidura: Sada, Santa Comba, A Baña, Ribadavia e Viana do Bolo
Os comicios do pasado 28 de maio non foron unha excepción. No mandato anterior un total de nove mocións de censura cambiaron os alcaldes e alcaldesas que foran investidas inicialmente noutros tantos concellos: Fene, Mugardos, Sada, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, A Baña, Ribadavia, Castrelo de Miño e Viana do Bolo. O PP foi o gran beneficiado por estes procesos, pois en seis casos fíxose co bastón de mando, aínda que cómpre sinalar que estas mocións tiveron características moi distintas en cada caso, con operacións realizadas por tránsfugas que claramente mudaron a vontade popular (Sada, Castrelo de Miño, Viana do Bolo...) e outros casos nos que os partidos chegaron a acordos que non foran posibles nun primeiro momento.
En cinco destes concellos os alcaldes censurados foron recompensados pola cidadanía e melloraron os seus resultados ou aseguraron a súa investidura: Sada, Santa Comba, A Baña, Ribadavia e Viana do Bolo. En cambio, en Castrelo de Miño e Fene as urnas consolidaron os cambios, aínda que no caso fenés a moción de censura tratouse máis ben dun acordo serodio das forzas progresistas. En Mugardos, a alcaldesa censurada (Pilar Díaz, de EU) tampouco accederá de novo ao goberno, pero deberá decidir se neste caso o fai o BNG. No caso de Malpica o socialista Walter Pardo repetiu o seu resultado de 2019, pero o probable apoio de AIM ao PP afastarao do bastón de mando.
Ademais, houbo outras localidades nas que tamén cambiou o rexedor ou rexedora elixida nun primeiro momento, aínda que nestes casos a remuda non se levou a cabo a través dunha moción de censura, senón que o alcalde ou alcaldesa renunciou, dando pé a unha nova investidura. Son os casos, moi diferentes entre si, de Catoira, O Porriño, Laza e San Amaro e o aínda máis complexo de Samos.
En Catoira o BNG, que tivera que deixar a alcaldía na metade do mandato anterior, poderá regresar ao Goberno municipal. En cambio, no Porriño, San Amaro e Laza, a cidadanía validou a continuidade do PP no poder. En Samos, o troco de cor política do anterior alcalde, que pasou de liderar o PSdeG a apoiar o PP, foi respondido pola cidadanía cun terremoto que lle pode dar o Goberno municipal ao BNG.
Os censurados recompensados pola cidadanía: Sada, Santa Comba, A Baña, Ribadavia e Viana do Bolo
As urnas deixaron unha maioría de esquerdas en Sada, pero a investidura de Portela -que conta tamén cos votos do BNG- está no aire despois de que a única edil do PSdeG anunciase que non apoiará o candidato de Sadamaioría, senón que se votará a si mesma
A de Sada foi a derradeira moción de censura do mandato anterior (tivo lugar en novembro do pasado ano) e unha das máis polémicas, debido á participación de concelleiros tránsfugas de tres formacións. O alcalde censurado, Benito Portela (Sadamaioría) recibiu este 28M case trescentos votos máis que hai catro anos e a súa candidatura gañou un edil.
As urnas deixaron unha maioría de esquerdas en Sada, pero a investidura de Portela -que conta tamén cos votos do BNG- está no aire despois de que a única edil do PSdeG anunciase que non apoiará o candidato de Sadamaioría, senón que se votará a si mesma. Se UPSA (a candidatura dos tránsfugas que impulsaron a moción) e PP apoian a opción da concelleira socialista, esta será a nova alcaldesa, malia recibir unicamente o 7,5% dos votos. En calquera outro escenario, Portela volverá ser rexedor.
Tamén na Baña, o perdedor da moción de censura que desaloxou do poder ao PSdeG-PSOE foi aupado pola cidadanía nas eleccións do 28M. Os socialistas aumentaron cinco puntos e un edil e previsiblemente regresarán co apoio do BNG á alcaldía, da que foran expulsados a través dun pacto entre os concelleiros de PP e CxG. A moción de censura que levou ao poder ao PP en Santa Comba tampouco terá unha boa continuidade, e nesta localidade tamén gobernará o PSdeG, que gañou un edil e obtivo a maioría absoluta.
Tamén na Baña, o perdedor da moción de censura que desaloxou do poder ao PSdeG-PSOE foi aupado pola cidadanía nas eleccións do 28M
En Viana do Bolo Andrés Montesinos (PP) fíxose coa Alcaldía a través dunha moción presentada contra o rexedor Secundino Fernández (BNG) na que participaron dous edís tránsfugas que foran elixidas nas listas do PSdeG e que foron expulsados da formación. O BNG perdeu un edil, que gañou o PP, pero a suma de Bloque e PSdeG supera aos populares; se as dúas formacións chegan a un acordo, os nacionalistas regresarán á Alcaldía.
En Ribadavia a moción de censura contra o alcalde do PP non incluíu tránsfugas, senón que foi un acordo entre as formacións de esquerda, que antes non foran quen de chegar a un entendemento. En calquera caso, a cidadanía outorgoulle aos populares unha ampla maioría absoluta, con dous edís máis que hai catro anos.
Podemos incluír aquí o caso de Catoira, aínda que en realidade non chegou a producirse moción de censura ningunha. No anterior mandato, o rexedor elixido inicialmente -Xoán Castaño (BNG)- que fora investido co apoio do PP, pero que gobernaba en clara minoría (3 de 11 edís), dimitiu dando paso ao socialista Alberto García (PSdeG), no poder dende 1991. Porén, nesta ocasión a cidadanía outorgoulle ao BNG unha maioría absoluta que permitírá un goberno nacionalista.
As operacións consolidadas nas urnas
En cambio, houbo moitos outros casos nos que a cidadanía refrendou as remudas na Alcaldía que se produciran a través de mocións de censura. Un dos casos máis significativos é o de Castrelo de Miño, onde o PP accedera ao poder nunha moción de censura que incluíu o voto de dous tránsfugas contra o rexedor Esteban Suárez (BNG). O 28M o PP pasou do 34% ao 57% dos votos e obtivo a maioría absoluta.
En Malpica, todo depende do único edil de AIM, que previsiblemente facilitará un goberno do PP. En Castrelo de Miño, onde o PP accedera ao poder nunha moción de censura que incluíu o voto de dous tránsfugas, os populares pasaron do 34% ao 57% dos votos e obtivo a maioría absoluta.
Semella que o PP tamén manterá a alcaldía de Malpica de Bergantiños, á que accedeu a través dunha moción de censura apoiada por un edil de Ciudadanos, que inicialmente apoiara a investidura de Walter Pardo Añón (PSdeG) e que finalmente abandonou o partido laranxa pasando a figurar como non adscrito. As urnas deixaron un resultado moi axustado, co PP a un edil da maioría absoluta, pero co PSdeG a só 64 votos que gañar un concelleiro que lle daría a Alcaldía á esquerda. Todo depende do único edil de AIM, que previsiblemente facilitará un goberno do PP.
Tamén houbera moción de censura en Mugardos, onde o PP desaloxou do poder a Pilar Díaz (EU) co apoio de edís do PSdeG. As urnas renovaron o 28M a maioría de esquerdas que adoita producirse neste concello, co BNG como forza máis votada do campo progresista. Os nacionalistas poderían recuperar a alcaldía no caso de contaren co apoio de PSdeG e EU. Se non hai entendemento, a alcaldía podería seguir en mans do PP.
Máis doado semella o acordo en Fene, onde o BNG chegara ao poder grazas a unha moción de censura que certificou a ampla maioría de esquerdas que deixaran as urnas en 2019. O 28M de novo a esquerda foi maioritaria, co BNG ademais como primeira forza. Os nacionalistas necesitan o apoio de PSdeG ou EU. Ou, cando menos, que estes non apoien o candidato popular.
Podemos incluír aquí os casos de Laza e San Amaro, onde non chegara a haber mocións de censura, pero nas que o PP recuperou as alcaldías no mandato anterior grazas ás renuncias dos alcaldes elixidos inicialmente. O 28M o PP obtivo dúas claras maiorías absolutas, que lle devolven o poder nestes dous concellos
Podemos incluír aquí os casos de Laza e San Amaro, onde non chegara a haber mocións de censura, pero nas que o PP recuperou as alcaldías no mandato anterior grazas ás renuncias dos alcaldes elixidos inicialmente, ambos os dous do PSdeG, debido á falta de apoio de Xuntos. O 28M o PP obtivo dúas claras maiorías absolutas, que lle devolven o poder nestes dous concellos.
Tampouco houbera moción de censura no Porriño, onde no anterior mandato o PP se fixo coa Alcaldía tras a renuncia da alcaldesa e grazas á abstención de UDDL nun novo pleno de investidura. Nesta ocasión as urnas outorgaron o popular Manuel Alonso Caroca unha amplísima maioría absoluta, co 67% dos votos e 16 dos 21 edís en xogo.
Finalmente, a situación máis estraña deuse en Samos, onde Julio Gallego Moure, elixido nas listas do PSdeG e rexedor dende 2007, foi expulsado do partido o pasado mes de marzo despois de coñecerse que o seu fillo encabezaría a lista do PP e que el mesmo ocuparía o derradeiro posto na candidatura popular. O 28M a cidadanía outorgou ao PP unha vitoria sen maioría absoluta e situou o BNG por diante do PSdeG. Os nacionalistas terán a Alcaldía se contan co previsible apoio socialista.