Os barrios ricos e envellecidos votaron PP e VOX, os pobres e novos a PSdeG, BNG e a Jácome

Mapas con diferentes variables do voto no 28M nas cidades galegas, sobre unha vista parcial de Ourense CC-BY-SA Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez | Montaxe: Praza.gal

O PP obtivo as súas maiores porcentaxes de voto nas seccións electorais cunha maior idade media. En PSdeG e BNG a relación é a contraria, con mellores resultados nas seccións censuais máis novas

Nos días posteriores ás eleccións as formacións políticas analizan os resultados mesa por mesa e barrio por barrio. Cada mesa electoral, adscrita a unha sección censual, ten un perfil determinado de poboación: máis nova, cun maior poder adquisitivo, nunha zona con máis paro, con máis pensionistas... Estes datos permiten coñecer o perfil dos apoios de cada partido e a evolución do seu resultado estre este grupo de poboación. 

Os datos das mesas amosan, por exemplo, que o PP obtén os seus mellores resultados nas rúas con máis poboación maior e tamén renda máis elevada. E que a esquerda, polo xeral, ten un comportamento contrario: con maior porcentaxe de voto nas zonas máis novas e tamén máis pobres. O 28M non variou demasiado este esquema.

Democracia Ourensana obtén os seus mellores rexistros nas seccións cunha menor idade media

Así, á vista do gráfico anterior, o PP obtivo as súas maiores porcentaxes de voto nas seccións electorais cunha maior idade media. É a única formación na que se dá de forma tan clara esta relación por idade. Nas formacións de esquerda a relación é a contraria, con mellores resultados nas seccións censuais máis novas. Así sucede de forma nítida no PSdeG (cuns datos que se parten en dous -Vigo e as restantes seis cidades- pero mantendo a mesma tendendia) e tamén no BNG.

Sorprendentemente, non pasa o mesmo á hora de analizar os resultados das principais mareas municipais (Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea de Vigo) e non parece haber relación directa entre a idade media dunha sección e a porcentaxe de voto obtida. 

PP e VOX teñen mellores resultados nas zonas urbanas con maior renda media. Mentres, PSdeG, BNG e mareas teñen máis votos nas rúas con menos renda

Tampouco hai grandes cambios nos datos de VOX, aínda que si se percibe unha leve relación positiva: máis voto en zonas máis envellecidas.

Onde si se dá unha relación moi clara é nos resultados de Democracia Ourensana, que obtén os seus mellores rexistros nas seccións cunha menor idade media (nomeadamente barrios residenciais da cidade) e ten os peores datos nas rúas máis envellecidas (o centro de Ourense)

 

Voto en función da renda media

O segundo gráfico analiza a porcentaxe de voto obtida polas distintas formacións políticas en cada sección censual en función da renda media dese lugar (datos de 2020 publicados polo INE). Aquí, de novo, aparece unha relación clara entre os apoios ao PP e o poder adquisitivo dunha zona: máis porcentaxe de voto nas rúas con máis renda. E, ademais, atopamos a mesma relación (aínda que non tan acentuada) no caso de VOX.

Democracia Ourensana obtén os seus mellores resultados nos barrios populares e nas zonas con menor renda da cidade

No campo da esquerda, a relación é a contraria: máis renda media, menor porcentaxe de voto. Atopamos isto sobre todo nos datos do PSdeG, algo menos nos de BNG e un chisco menos nos das mareas, pero con tendencias moi nítidas nos tres casos. 

Dáse a mesma relación, de forma moi clara, nos datos de Democracia Ourensana, que obtén os seus mellores resultados nos barrios populares e nas zonas con menor renda da cidade. 

Vigo

En Vigo, o PSdeG perdeu apoios en case todo o concello, pero especialmente nas parroquias interiores, como Zamáns ou Bembrive, e tamén en Teis

Abel Caballero volveu arrasar en Vigo, pero perdeu uns vinte mil votos. Esta caída fixo que o PSdeG non obtivese o pleno que acadara en 2019, cando gañou en todas as seccións electorais da cidade olívica. Nesta ocasión o PP, que medrou cinco mil votos, obtivo a vitoria en dúas. 

O PSdeG perdeu apoios en case todo o concello, pero especialmente nas parroquias interiores, como Zamáns ou Bembrive, e tamén en Teis.

A Coruña

Na Coruña PP e PSdeG repartíronse a vitoria nas distintas seccións electorais case por igual (107 para o PP, 76 para o PSdeG), cun triunfo para o BNG no barrio do Castrillón

A Coruña foi un dos concellos nos que a posición de primeira forza estivo máis axustada. A consecuencia é que PP e PSdeG se repartiron a vitoria nas distintas seccións electorais case por igual (107 para o PP, 76 para o PSdeG), cun triunfo para o BNG no barrio do Castrillón.

O BNG foi o gran triunfador das eleccións na Coruña, case duplicando o seu resultado anterior. Os nacionalistas subiron en case toda a cidade, pero especialmente en barrios populares, como Monte Alto, O Castrillón, Labañou ou o Ventorrillo.

Ourense

Ourense dividiuse en tres o 28M: o centro, onde gañou o PP, os barrios residenciais ao seu redor, onde DO obtivo un resultado espectacular, e as zonas rurais, que se repartiron populares e socialistas

A cidade de Ourense dividiuse en tres o 28M: o centro, onde gañou o PP, os barrios residenciais ao seu redor, onde DO obtivo un resultado espectacular, e as zonas rurais, que se repartiron populares e socialistas. Democracia Ourensana triunfou en 58 seccións, o PP en 19 e o PSdeG en 2.

Jácome asentou o seu triunfo, cun incremento do 50% nos seus votos, nas subas que experimentou en toda a cidade, pero especialmente nos barrios periféricos.

Lugo

O PSdeG manten a alcaldía de Lugo grazas a unha mellora dun punto e de mil votos que non foi homoxénea en todo o concello, con barrios nos que medrou (sobre todo no centro) e outras zonas nas que perdeu apoios, especialmente no rural

Lugo foi a única das sete cidades nas que unha forza política obtivo o triunfo en todas as seccións censuais: o PP. Mesmo así, e a pesar de aumentar seis mil votos, os populares fracasaron no seu intento de chegar ao goberno municipal.

O PSdeG manterá a alcaldía grazas a unha mellora dun punto e duns mil votos que, con todo, non foi homoxénea en todo o concello, con barrios nos que os socialistas medraron en relación ao 2019 (sobre todo no centro) e outras zonas nas que perderon apoios, especialmente no rural.

Santiago

En Compostela, no centro histórico o BNG foi a forza máis votada, mentres que nas zonas rurais o dominio do PP foi claro

En Compostela o BNG gobernará grazas ao sorpasso efectuado ao PSdeG de Sánchez Bugallo. Aínda así, o PP foi a forza máis votada e impúxose en 63 seccións censuais, fronte ás 11 do BNG e ás 2 dos socialistas. Ao igual que en Ourense, a cidade dividiuse de forma clara: no centro histórico o BNG foi a forza máis votada, mentres que nas zonas rurais o dominio do PP foi claro.

Os nacionalistas melloraron amplamente o seu resultado de 2019 en todo o concello, pero especialmente nestes barrios centrais da cidade

Pontevedra

O PP, con 3.500 votos máis que no 2019, mellorou o seu resultado especialmente no centro da cidade de Pontevedra

Quen conseguiu o sorpasso en Pontevedra foi o PP, forza máis votada nestas eleccións do 28M, nas que superou o BNG por tres mil votos. Os populares gañaron en 45 seccións, fronte a 17 do BNG.

O PP, con 3.500 votos máis que no 2019, mellorou o seu resultado de hai catro anos en todo o concello, pero especialmente no centro da cidade. 

Ferrol

En Ferrol o PP acadou a maioría absoluta de forma moi axustada, con melloras en moitos barrios, pero tamén zonas nas que perdeu votos

Finalmente, en Ferrol o PP acadou a maioría absoluta de forma moi axustada, pois Ferrol en Común ficou a 250 votos do terceiro edil, que terían perdido os populares. Aínda así, a candidatura de Rey Varela obtivo un triunfo moi claro, obtendo a vitoria en todas as seccións censuais agás nunha, que foi para o PSdeG.

O PP perdeu 500 votos en relación ao 2019, pero gañou catro puntos porcentuais. Aínda que mellorou moito nalgúns barrios, como San Xoán, Catabois, Caranza ou Esteiro, tamén perdeu apoios noutros, como Canido, Ferrol Vello ou a Madalena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.