Tras o peche das residencias de maiores de Amoeiro e Xinzo de Limia polas "malas condicións", o BNG denuncia a situación límite do centro de Monforte xestionado por DomusVi, con traballadoras "desbordadas" e un brote de sarna entre os usuarios
"Que máis ten que pasar, cantos anciáns desnutridos máis ten que haber para que o presidente da Xunta deixe de mirar para outro lado e se tomen medidas que garantan unha vellez digna ás persoas maiores?", inquiriu este venres a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras coñecer "un novo caso de abandono" na residencia de maiores de Monforte xestionada pola empresa DomusVi.
Pontón salientou que non se trata de "casos illados": "Hai un mes viamos como pechaban a residencia de Amoeiro porque había cidadáns desnutridos e en malas condicións, unha semana despois pechouse a residencia de Xinzo de Limia e agora volvemos ter denuncias de que na residencia de Monforte de DomusVi se están dando condicións que non son dignas para manter as persoas ben coidadas e atendidas, con casos tamén de malos olores, desnutrición e incluso aparecendo usuarios da residencia con sarna".
Pontón avanzou este venres que o BNG rexistrará no Parlamento a comparecencia urxente do presidente Rueda
Para o Bloque resulta "evidente" que neste momento "non se están garantindo as condicións necesarias de atención en todo o sistema de residencias" do país. Por este motivo, solicita a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento para que "explique que medidas vai tomar para garantir os coidados que necesitan as persoas maiores en todo o sistema de residencias que hai no noso país".
O sector dos coidados, que agrupa entre outras categorías o persoal de residencias e dos servizos de axuda no fogar (SAF), acumula sete xornadas de folga dende setembro contra a precariedade e por convenios "dignos". Un sector feminizado que sofre as consecuencias da privatización da xestión dos recursos públicos por parte da Consellería de Política Social.
"Pídolle misericordia cos nosos maiores, que están vivindo con cheiros insoportables a ouriños e feces e comendo patacas cocidas con natillas", dixo o deputado Iago Suárez aos responsables de Política Social no Parlamento
A residencia de Monforte que xestiona DomusVi dá servizo a 180 persoas. Tanto os familiares como o cadro de persoal vén avisando do deterioro na atención. Así o puxo de relevancia este xoves o na comisión de Sanidade do Parlamento o deputado do BNG Iago Suárez, quen sinalou que as profesionais se ven "desbordadas" e "incapaces" de realizar o seu traballo "en condicións dignas".
Suárez interpelou as responsables de Política Social presentes na comisión parlamentaria e explicou que na Domus VI de Monforte traballan 18 profesionais de mañá e 14 de tarde, sendo pola noite tres coidadoras máis unha profesional de enfermería. "Claramente non chegan", apuntou tras relatar a situación que atopou persoal de Urxencias que tivo que acudir de madrugada á residencia, onde atendeu un paciente con sarna en malas condicións nun espazo carente da hixiene mínima, segundo o seu relato.
"Pídolle misericordia cos nosos maiores, que están vivindo con cheiros insoportables a ouriños e feces e comendo patacas cocidas con natillas. É gravísimo. Estamos falando da vida dos nosos maiores. O Goberno ten que actuar", aseverou o deputado nacionalista.
Ademais de incidir na responsabilidade da Xunta para "garantir" as condicións nas que viven as persoas usuarias das residencias de maiores, Ana Pontón manifestou que é necesaria a actuación do Goberno galego "para mellorar as condicións do cadro de persoal destes centros, maioritariamente mulleres que traballan en condicións moi precarizadas, con salarios moi baixos e con moitísima temporalidade".
Ana Pontón fixo fincapé na "inxente cantidade de recursos públicos que empresas como DomusVi están recibindo das arcas públicas" e criticou que o Executivo de Rueda "rexeite actuar como mediador"
Pontón fixo fincapé na "inxente cantidade de recursos públicos que empresas como DomusVi están recibindo das arcas públicas" e criticou que o Executivo de Rueda "rexeite actuar como mediador" e "nin tan sequera se digne a reunirse coas mulleres que están coidando unha parte tan importante da poboación no noso país".
Así mesmo, volveu reclamar que se fagan públicas as actas das inspeccións nas residencias de maiores solicitadas polo BNG, en concreto as que corresponden ao centro de Monforte e á vivenda de Amoeiro clausurada. Esta última, visitada polos servizos de Inspección de Política Social "quince días antes de ser pechada", pero "tivo que ser unha inspección de Traballo e a Garda Civil quen desencadease o desaloxo das persoas usuarias".
"Por que o señor Rueda oculta ese acta de inspección que non remite ao Parlamento?", cuestionou Pontón este venres dende Soutomaior, onde puido percorrer a vila xunto ao alcalde Manuel Lourenzo.