As traballadoras de coidados, en folga: "obrigadas a vivir entre a enfermidade e a pobreza"

O persoal de residencias, centros de día e axuda no fogar reclama a negociación dos seus convenios colectivos, xa caducados © CIG

Na cuarta xornada de paro este mes, o persoal de residencias, centros de día e axuda no fogar reclama a empresarios e administracións a negociación dos seus convenios colectivos, xa caducados

As traballadoras do sector de coidados (residencias, centros de día e axuda no fogar) están chamadas unha nova xornada de folga este xoves, un novo paro dos convocados pola CIG neste mes de setembro para denunciar a "precariedade laboral" que sofren. O paro veu precedido este mércores por unha manifestación en Compostela que partiu da sede Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que pasou pola sede do Consello Galego de Relacións Laborais e que rematou ante a sede da Xunta en San Caetano. Este xoves manifestaranse en Vigo.

As marchas deste mércores e xoves e as catro xornadas de folga convocadas demandan condicións salariais e laborais "dignas" e un modelo de coidados “que antepoña o benestar das persoas ao lucro e egoísmo empresarial”. Tamén se pon o foco na necesidade de negociar novos convenios colectivos no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), caducado desde 2012, e de Residencias Privadas de Maiores, que abrangue tamén os Centros de Día, caducado desde o 2024.

Manifestación en Vigo de traballadoras do sector de coidados, este xoves © CIG

O sindicato reclama a "intervención activa" da Xunta, como responsable de establecer as ratios e de realizar o labor inspector, así como "das políticas de privatización que están na base da precariedade laboral e asistencial"

CIG-Servizos fixo unha valoración positiva destas catro xornadas de folga, malia os "abusivos" servizos mínimos decretados, sobre todo no SAF. “Os cadros de persoal están ao límite, polo que cunha actividade mínima do 100%, practicamente ningunha persoa traballadora do sector pode exercer o dereito fundamental á folga”. Porén, sinala Adolfo Naya, da CIG-Servizos, as traballadoras das residencias e centros de día manifestan o seu apoio á folga saíndo protestar ás portas dos centros de traballo durante o tempo de descanso “para reclamar convenios dignos e salarios decentes”. 

En Vigo, Rosa Vila, xericultora no centro de día de Cogami, sinalou como principal problemática os baixos ratios de persoal, até o punto de que nos días de folga o número de persoas traballadoras supera o existente en días normais. Esta escaseza de persoal provoca unha sobrecarga de traballo “brutal” que impide que as empresas poidan atopar persoal disposto a traballar nestas condicións laborais de precariedade.

“Moitas de nós cobramos por debaixo do salario mínimo, pero complementamos con pluses como antigüidade ou festivos e domingos”, engadiu. Ademais, alerta, o persoal ten que asumir tamén tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional: “as coidadoras temos que dar medicacións ao carecer de enfermeiras, e mesmo temos que atender pacientes con patoloxías psiquiátricas para as que non estamos formadas”

"É totalmente indecente ter este partido gobernando a Xunta e este presidente que non se preocupa, absolutamente nada, dun servizo público esencial como é o das residencias e dos SAF”

Aínda que se trata de persoas traballadoras esenciais para a sociedade e que merecen unhas condicións acordes á importancia das tarefas que realizan, o sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, está "cronicamente infravalorado", denuncia a CIG.

Con estas xornadas de folga e accións de protestas alén de desbloquear as negociacións dos convenios colectivos, reclaman tamén a intervención da Consellaría de Política Social, así como dos Concellos, como os maiores responsables destes sectores esenciais. O sindicato reclama a "intervención activa" da Xunta, como responsable de establecer as ratios e de realizar o labor inspector, así como "das políticas de privatización que están na base da precariedade laboral e asistencial".

"Todos estes anos de traballo con convenios precarios e sen negociar, as traballadoras seguimos sostendo o benestar de miles de persoas e familias", lembran

Este mércores en Compostela o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Arján, considerou “indecente” que o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botara “balóns fóra” na sesión de control do Parlamento. "É totalmente indecente ter este partido gobernando a Xunta de Galiza e é totalmente indecente ter este presidente que non se preocupa, absolutamente nada, dun servizo público esencial como é o das residencias e dos SAF”, sinalou Arján. 

A manifestación denunciou, ademais, a “falta de sensibilidade, humanidade e responsabilidade” das administracións, para negociar un protocolo ante situacións de violencia no sector de Axuda no Fogar e tamén que “despois da desgraza acontecida no concello de O Porriño se deixase pasar o tempo para que se esqueza, sen tomar as medidas para que situacións como esta non se volvan a repetir”.

Lembraron o emprazamento da FEGAMP para negociar ese protocolo, pero lamentaron a ausencia directa da Consellaría de Política Social. “Desde a CIG nin esquecemos, nin abandonamos o noso obxectivo, que non é outro que a protección e defensa das traballadoras”.

A CIG demanda que no sector privado se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público, pero mentres isto non aconteza “as traballadoras deben ter unhas condicións laborais xustas e un salario digno

Na marcha, as manifestantes entregaron na CEG unha Carta Aberta ao empresariado do sector, na que exixen a negociación dos convenios e a dignificación das súas condicións laborais e salariais. "Todos estes anos de traballo con convenios precarios e sen negociar, as traballadoras seguimos sostendo o benestar de miles de persoas e familias", destaca a carta, que engade que "ese compromiso levado a cabo sen recursos deteriora o noso corpo, a nosa mente, e precariza a nosa prestación do servizo, véndonos obrigadas a vivir entre a enfermidade e a pobreza".

Entre outras cuestións, demándase que no sector privado se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público, pero mentres isto non aconteza “as traballadoras deben ter unhas condicións laborais xustas e un salario digno”. Ademais, reclámase “que se abandone este modelo rancio, usureiro e de amiguismos para sacarlle o diñeiro ás persoas maiores e dependentes, co único fin de enriquecerse a costa das persoas usuarias e das traballadoras”.

A CIG demanda que no sector privado se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público © CIG
O sindicato reclama a "intervención activa" da Xunta © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.