O manifesto, publicado no Día Mundial contra o abuso na vellez, alerta sobre "ese maltrato ocultado e desgraciadamente normalizado", con políticas antisociais e desconsideracións gravísimas cara a persoas moi vulnerábeis e indefensas
“Rexeitamos toda condescendencia que concibe os coidados como beneficencia. As persoas maiores non son: “os nosos maiores que traballaron moito os pobres”. Son simplemente persoas que aspiran con dereito a ter unha vellez activa e digna”, segundo reza o manifesto contra os maltrato das persoas maiores, publicado este sábado, Día Mundial de Toma de Conciencia contra o Abuso e os Malos tratos na Vellez.
O obxecto deste manifesto é, explica o documento, denunciar "ese maltrato ocultado e desgraciadamente normalizado", con políticas antisociais que constitúen en si mesmas un arquetipo organizado de abusos e desconsideracións gravísimas cara a persoas moi vulnerábeis e indefensas. “Un maltrato estrutural que corrompe e envenena o sistema de coidados e asistencia a persoas maiores e persoas con discapacidade na Galiza, e que afecta en extremo ao deplorábel modelo de xestión das residencias”.
O manifesto está asinado pola Plataforma Pensionistas Compostela; Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos); Vellez Digna (Asociación galega de Familiares e Usuarios de Residencias); REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia); Trega (Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias); Asfareba (Asociación de Familiares da Residencia de Barreiro e das Residencias de DomusVi); e Crapd (Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Públicas).
O maltrato, explica o documento, ten a súa orixe principal nas políticas sociais: "con normativas deseñadas para o negocio do sector, coa ausencia de controles reais e incluso, con connivencia criminal da Administración responsable".
Cando se infantiliza no trato e non se respecta a intimidade do maiores tamén hai maltrato, indican no manifesto
Cando faltan dispositivos sanitarios para a atención xeriátrica especializada, cando médicos e médicas achacan á idade calquera doenza, cando as residencias establecen normas ríxidas que producen despersonalización, cando se desprazan as persoas a residencias moi lonxe do seu espazo vital producindo desarraigo; cando a xestión e administración dos coidados é neglixente, cando se infantiliza no trato e non se respecta a intimidade, cando se fai un uso indebido da contención física, cando se abusa da suxeición física e da suxeición química, cando se usan innecesariamente os apósitos de incontinencia... indica o manifesto, tamén hai maltrato, un maltrato do que é responsable a Administración Pública, o goberno da Xunta de Galiza neste caso, aseguran.
En consecuencia as entidadades asinantes do documento reclaman ao Goberno da Xunta un plan integral de construción dos edificios públicos necesarios para cubrir as necesidades residenciais de todo o territorio de Galiza, residencias públicas e centros de día, que evite o desarraigo das persoas maiores obrigadas a trasladarse a moitos quilómetros da súa contorna habitual e familiar por falta de prazas; acorde cos novos principios e estándares sobre a intimidade, humanización e calidade dos servizos, tanto asistenciais como médicos.
Tamén reclaman a asunción do acordo sobre criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) de 2022, do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia”. Trátase dun acordo que mellora substancialmente a orde de 1996 que sigue aplicando a Xunta, establecendo cuartos individuais e incremento substancial da rátium de persoal traballador por número de residentes. Un acordo moi de mínimos que debe interpretarse como un paso cara un sistema universal que garanta unha vellez digna.
No manifesto tamén reclaman unha investigación, explicación e asunción de responsabilidades “polo espectáculo dantesco nas residencias durante a pandemia"
No manifesto tamén reclaman unha investigación, explicación e asunción de responsabilidades “polo espectáculo dantesco nas residencias durante a pandemia. Un abandono incomprensible e inhumano que non provocou nin reflexión nin preventiva rectificación”. De nada serviron as reclamacións de colectivos sociais nin a grande cantidade de denuncias que a xustiza foi ensumindo no esquecemento. Seguen sen investigarse, denuncian, e por tanto sen aclararse, as circunstancias que rodearon a morte de 964 persoas maiores nas residencias galegas. O dereito das vítimas e das súas familias foi violado. As vítimas e as súas familias necesitan o repouso digno que só pode vir pola investigación nos Xulgados, polas explicacións nos Parlamentos e pola asunción de responsabilidades.
O documento solicita tamén a xestión pública esixente e responsable das residencias, tamén as doadas pola Fundación Amancio Ortega, malia que nun exercicio perverso de confusión se presente á empresa concesionaria como “Entidade sen animo de lucro”. O desinterese, a neglixencia e o abandono actual contribúe eficazmente ao desprestixio do Servizo Público.
As entidades asinantes, piden así mesmo, que se realicen inspeccións eficientes e sen previo aviso. Actualmente o Plan de inspección de servizos sociais de Galicia para o ano 2023, contempla a comunicación das inspeccións aos servizos Comunitarios ou que se Que se reformule o servizo do SAF, (Servizo de Axuda no Fogar), destinado a dependentes e maiores en xeral. Reformulalo baixo o principio de universalidade e escoitando aos usuarios e aos concellos.