Traballadoras alertan de que a Xunta reconverte as residencias de maiores en "psiquiátricos sen psiquiatras"

Persoal e sindicatos coinciden en que os centros sociosanitarios non teñen recursos para atender os ingresos de emerxencia social. CC-BY-SA Xunta

Persoal e usuarios dos centros de dependentes denuncian “agresións e roubos” por parte de mozos con problema mentais obrigados a convivir con anciáns en centros sen atención médica axeitada

Poden convivir anciáns de 80 anos con patoloxías propias da súa idade con pacientes psiquiátricos de 40? Para a Xunta a resposta é si, mais a realidade é teimuda e os problemas serios de convivencia agroman cada vez máis nos centros de maiores onde as condicións para residentes e persoas traballadoras son realmente complexas.

Hai poucos días foi revelado o caso dunha suposta agresión sexual a unha traballadora do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD II) de Vigo por parte dun usuario de 43 anos con trastorno psiquiátrico. Segundo relatan desde o comité de empresa, o feito ocorreu de noite. A única auxiliar de enfermería da quenda foi arrecantada contra unha parede polo home que chegou a “facerlle tocamentos” ata que a muller logrou escapar do cuarto. 

Protesta de persoal de Política Social polas súas condicións laborais, a pasada semana, ante o Parlamento. © Cedida

A traballadora deixou constancia do suceso no libro de rexistros virtual do centro e por iso transcendeu o feito, mais as profesionais destas residencias aseguran que desde a pandemia a situación se tornou insostible. Foi entón cando a Xunta comezou a derivar a residencias de maiores de toda Galicia persoas con trastornos mentais. “Levamos dous anos denunciando agresións e roubos pero isto xa é o colmo”, lamenta Bernardina Porral, secretaria do comité.

“As agresións físicas tanto ao persoal como aos anciáns e o consumo de estupefacientes é algo continuo”, relata Mila López, enfermeira nun destes centros maiores que agora xa non o son. 

A falta de recursos públicos para atención da saúde mental asolaga as residencias de maiores, onde segue sen haber médico psiquiatra malia o ingreso de pacientes que o necesitan. Tan só poden optar a unha consulta telefónica á semana. “O médico do centro se ve que pasa algo pode solicitar interconsulta e logo ten que esperar a que o Sergas autorice unha cita. Agora somos como centros psiquiátricos sen psiquiatras”, alerta Mila López.

Arredor do 45% dos residentes nos centros de Vigo xa son persoas con trastornos psiquiátricos menores de 65 anos, moitos deles adictos e xa supoñen a maioría das novas entradas cada mes

Cada día saen á luz novos caso de persoas maiores usuarias que sofren episodios de violencia, como o dunha muller de 83 anos do mesmo centro que foi “tirada ao chan e asoballada” por outra residente de 40 anos con trastorno mental. 

Actualmente, segundo as fontes consultadas, arredor do 45% dos residentes nos centros de Vigo xa son persoas con trastornos psiquiátricos menores de 65 anos, moitos deles ex adictos e xa supoñen a maioría das novas entradas cada mes de modo ordinario ou por emerxencia social. “Non se trata de estigmatizar ninguén. Todos teñen dereito a ser atendidos, pero terán que adaptar o centro, formar o persoal e deseñar actividades específicas para eles”, indica Mila López.

Co hospital psiquiátrico do Rebullón pechado desde 2016, apenas existen 70 camas para atender enfermos psiquiátricos de larga duración na área de Vigo no Nicolás Peña. E a derivación de pacientes mozos aos centros de dependentes é continua. 

A conselleira de Política Social, durante unha visita a unha residencia de maiores. CC-BY-SA Xunta

As traballadoras consultadas coinciden en que os propios enfermos mentais mozos están sendo moi prexudicados pola situación porque os centros de maiores non están preparados para acollelos.

Por unha banda, o propio persoal non ten a formación específica para atendelos, xa que están acostumadas ás dinámicas dos anciáns. 

A nivel infraestruturas explican que, por exemplo, os cuartos das residencias son abertos. “É algo pensado para os maiores, pero iso supón que os outros pacientes se levanten e molesten outros usuarios”, explica a enfermeira Mila López.

No que atinxe ao lecer, parece obvio que uns e outros non deberían compartir terapias ocupacionais e saídas do centro. Pero están a facelo, simplemente porque non hai nada deseñado para estes novos usuarios, que son invitados a calcetar ou pintar. 

Incluso a dieta tamén é fonte de conflito porque non parece que sexa apropiado que unha persoa de 80  ou 90 anos inxira o memos tipo de alimentos que outra de 40 ou 50, ou polo menos non de forma habitual, pero uns e outros comparten menú. 

Preguntada polo problema, a Consellería de Política Social explica que está a elaborar un protocolo de agresións tal e como foi acordado coas organizacións sindicais con representación no comité de empresa de Política Social. E tamén se están preparando cursos de formación para o persoal dos centros de Política Social para axudalos e asesoralos na xestión destes casos.

Traballadoras de Política Social, durante a manifestación do pasado xoves ante o Parlamento. © Cedida

Protesta ante o Parlamento

O persoal da Consellería de Política Social leva meses manifestándose para reclamar unha melloría nas súas condicións laborais. A pesar de que se asinou un acordo cos sindicatos máis representativos do cadro de persoal e a Dirección Xeral de Función Pública para regular as condicións laborais dos colectivos da Consellería de Política Social “lonxe de mellorar a nosa precaria situación laboral, deixa a esta parte do sector público de lado, e pon de manifesto o agravio comparativo con outras consellerías”, explican desde o colectivo.   

En concreto, as traballadoras e traballadores reclaman contemplar os días saíntes de noite como quenda laboral  e non como día libre. É dicir, se un traballador da Consellería de Sanidade (por exemplo) sae de traballar ás 8 da mañá despois de dez horas de xornada laboral, ese día saínte da noite, contémplase como día laboral. Mais, segundo explican, para un traballador da Consellería de Política  Social o día saínte da noite contémplase como a súa libranza  semanal.

Nas quendas en moitas  ocasións hai catro auxiliares para 80 residentes ou unha enfermeira soa para 160 residentes

Denuncian tamén que a compensación económica  por traballar en domingos e festivos  (incluídos os festivos especiais, como os de Nadal) é a metade da que recibe un traballador da mesma categoría, coa mesma titulación, que presta os seus servizos no Sergas. Por exemplo, explican, unha enfermeira do Sergas, que traballa un festivo, terá unha remuneración económica duns 85 euros. Porén, unha  enfermeira que traballe nun centro dependente de Política Social ten unha remuneración de 45 euros.

O colectivo de Política Social reclama tamén un aumento do cadro de persoal. Actualmente é tan reducido, aseguran, que as traballadores raras veces poden desfrutar dos períodos de vacacións que solicitan e a cobertura de ausencias resulta inasumible para os centros pola  carencia  de  persoal. “As  condicións  laborais  son tan pésimas que nas propias quendas en  moitas  ocasións  hai  catro  auxiliares para 80 residentes (incluso menos en determinados momentos) ou unha  enfermeira soa para 160 residentes. Son persoas dependentes que  precisan atención continua”, alertan.

Finalmente, apuntan tamén que o acordo asinado dificulta a conciliación, xa que obriga a solicitar a metade das vacacións nos meses comprendidos entre xuño e setembro. “Para  moitas traballadoras a imposibilidade de conciliar durante o período escolar era atallada, en parte, pola solicitude das vacacións en dito período” pero  agora xa non teñen esa opción. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.