Inspectores acusan a Política Social de "filtrar" a centros de maiores a data das visitas e a Xunta di que menten

Alfonso Rueda, García Comesaña e Fabiola García, nunha visita ao centro de día de Mos CC-BY-SA Xunta

Inspectores e inspectoras de centros fornecedores de servizos sociais veñen de acusar a conselleira de Política Social, Fabiola García, de "obstaculizar a eficacia" do seu labor nas residencias de maiores e advirten de "filtracións" mesmo desde o propio departamento da Xunta das datas e horas das inspeccións nalgúns centros para que estes poidan "tapar só durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que están incorrendo". Ante a dureza das denuncias, a Consellería apurouse a "negar con total contundencia" unhas acusacións que considera "moi graves" e que di que "carecen de veracidade e fanse sen ningún tipo de proba". 

A Asociación de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais advirte da filtración de datas e horas das visitas aos centros "para que tapen só durante esa visita as irregularidades"

A polémica xorde logo do comunicado emitido esta pasada fin de semana pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), que sinala directamente a conselleira Fabiola García por "permitir que as visitas da Inspección se coñezan de antemán nas residencias de maiores a inspeccionar". Per vén de máis atrás. 

Hai seis meses, segundo denuncia Agiss, tanto diversas novas en prensa como as denuncias que persoal de centros de servizos sociais fixeron chegar á asociación advertían da "evidencia de filtracións" sobre a data e hora das inspeccións en centros que eran avisados con antelación das visitas dos inspectores e das inspectoras. "De forma privada houbo persoal que nos trasladou que en determinados centros coñecían previamente cando ían ser as inspeccións, o que facilitaba que se corrixisen de maneira rápida e temporal certas irregularidades ao estaren xa avisados", explica a Praza.gal Marcelino Vidal, presidente de Agiss. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a un centro de maiores CC-BY-SA Xunta

O persoal de inspección acusa a conselleira Fabiola García de "obstaculizar a eficacia" do seu labor nas residencias de maiores

A asociación, ante estas denuncias, di, puxo a cuestión en coñecemento da subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e da secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, Francisca Gómez, "solicitando unha solución ao respecto". Logo dunha xuntanza, acordouse que a cada inspector ou inspectora lle fose asignada unha listaxe de centros a inspeccionar, sendo unicamente este profesional o que decidía o día e hora da súa visita, que só sería comunicada no intre de acceder ás instalacións á xefa de servizo responsable de cada área "coa finalidade de garantir a máxima confidencialidade da actuación inspectora". 

Supoñía pór fin ao sistema anterior, que consistía na programación das visitas con arredor dunha semana de antelación por parte da xefa de servizo e a autorización destas pola subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais. "A esta programación tiñan acceso outros argos da Consellería, como a secretaria xeral, o vice-secretario ou o gabinete da conselleira", advirte o comunicado. Nel asegúrase tamén que "resulta curioso que dalgunha filtración fose acusada a propia conselleira". 

A denuncia fixo instaurar un novo modelo onde só o inspector coñece a hora e data da visita; en xullo volveuse ao anterior, onde persoal da Consellería sabe con antelación os detalles

"A Fabiola García, como a moitos outros cargos de libre designación ou de persoal de confianza dela, chégalles con moita antelación o programa de visitas das inspeccións, polo que se pode filtrar a data e hora e ter avisados os centros para tapar só durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que se está incorrendo", di a nota. 

O pasado mes de xullo, segundo denuncia Agiss, aos inspectores foilles comunicado, "sen aclarar os motivos da decisión e sen xustificación ningunha", que o sistema de asignación de centros "quedaba sen efecto" e que se volvía ao método de programación das visitas establecido anteriormente. 

"Evidentemente, non se dá ningún tipo de aviso á dirección dos centros e isto corrobórao o feito de que se seguen interpoñendo expedientes sancionadores cando se encontran cuestións que non está acorde á normativa. Se houbese avisos non se producirían sancións", aclara a Consellería de Política Social en resposta a este diario. "Sempre que se notifica algo de gravidade nun centro, a Xunta non dubida e actúa con toda a contundencia, como xa se fixo en ocasións anteriores", insiste.

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

"Non se dá ningún tipo de aviso á dirección dos centros e isto corrobórao o feito de que se seguen interpoñendo expedientes sancionadores", aclara Política Social

"A Administración ten a potestade de autoorganización, faltaría máis, pero queda clara que con este sistema ao que se acaba de volver non se garante que non se saiban as datas e horas das inspeccións e iso vai en contra das persoas usuarias dos centros e dos seus dereitos", explica Marcelino Vidal. 

Fontes de persoal da inspección aseguran que moitas das sancións que se ergueron nos últimos meses foron "daquela maneira" e que "moitas levaban meses gardadas en caixóns". "Pasadas as últimas eleccións autonómicas e logo de tantas polémicas na etapa da pandemia, empezaron a tramitarse expedientes", denuncian, as mesmas que sinalan que son determinados centros os que se ven "beneficiados" polas "filtracións" das inspeccións.

Inspectores critican "a falta de interese da Consellería na prestación dos servizos sociais"

A Asociación reclama recuperar o sistema no que só cada inspector sabía e decidía a data e hora das visitas. Volver ao modelo que xa fora criticado e denunciado supón, segundo din, "que todas as visitas de inspección, agás as de asesoramento e as previas á concesión da autorización de inicio de actividade, se realicen sen previo aviso á entidade xestora do centro obxecto da inspección.

"Non garantir por parte da Administración que as visitas de inspección se realicen 'sen previa notificación' (como recolle o artigo 49 do Decreto 254/2011 de inspección de servizos sociais en Galicia), supón unha falta de garantía xurídica interesada da que é responsable última a conselleira de Política Social", advirte Agiss, que cre que "se presume a finalidade da Consellería de desvirtuar a inspección e favorecer as entidades que se lucran dos resultados da inoperancia dos responsables da Consellería de Política Social". 

Persoal e residentes nun centro de maiores da Xunta CC-BY-SA Xunta

A Asociación denuncia, ademais, unha suposta "falta de interese da Consellería na prestación dos servizos sociais, ten entre outras consecuencias que as súas obrigas descansen nas entidades privadas que tratan de sacar a maior rendibilidade apoiadas pola propia Administración, tanto
pola súa inacción como polos esforzos dirixidos a satisfacer os intereses das entidades e dos propios responsables da Administración". 

A Consellería di "non saber a motivación" das acusacións do persoal de inspección, pero entende "que non beneficia en ningún caso ao bo labor que fan"

Os inspectores van máis aló e aseguran que este presunto interese en beneficiar determinadas entidades e responsables da Administracións "púidose observar por inspectores nas anteriores eleccións". "Constatouse que persoas con posible capacidade modificada entregaban o seu voto ao funcionario de Correos en presenza do persoal responsable dos centros", advirten. 

A Consellería, ante estas graves acusacións, di "non saber a motivación" do comunicado, pero entende "que non beneficia en ningún caso ao bo labor que fan os inspectores de servizos sociais para garantir o funcionamento dos centros". "Confiamos no seu traballo para velar pola atención dos galegos, sempre o fixemos e así o continuamos a facer, por iso cada ano se amplían as inspeccións, coas que se garante a calidade asistencial das instalacións e a seguridade dos seus usuarios", remata. 

O corpo de inspectores de servizos sociais en Galicia non alcanza as quince persoas, segundo di Agiss, un conxunto de traballadores que se ocupan de comprobar e velar polo correcto funcionamento de centros de maiores pero tamén de menores, de discapacitados, centros de educación infantil ou casas niño, entre outros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.