O BNG esixe unha investigación sobre a suposta filtración a centros de maiores das datas nas que van ser visitados pola Inspección. A deputada do Bloque Olalla Rodil rexistrou xa unha iniciativa parlamentaria para reclamar ao Goberno do PP a apertura “inmediata e coa máxima dilixencia” desa investigación sobre o caso que denunciou a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss).
“A denuncia é gravísima porque suporía unha vulneración da lei e un intento por obstruír, por obstaculizar desde o propio Goberno da Xunta o labor dos servizos de Inspección, que son os que deben velar polo cumprimento da lexislación”, advertiu Rodil tras a publicación en Praza.gal da denuncia de Agiss e da reacción da Consellería de Política Social, que nega "con total contundencia" as acusacións que, di, "carecen de veracidade e fanse sen ningún tipo de proba".
“A denuncia é gravísima porque suporía unha vulneración da lei e un intento por obstruír, por obstaculizar desde oa propia Xunta o labor da Inspección", di Rodil
No entanto, na súa iniciativa, Rodil lembra que "foi a propia Agiss quen fixo saber publicamente que membros da Consellería de Política Social filtraban ás empresas propietarias e xestoras das residencias o día e a hora prevista para as visitas dos inspectores".
A asociación explicou que alertou do que estaba a suceder á subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e á secretaría xeral técnica da Consellería de Política Social, que acordaron mudar o procedemento para garantir que só o persoal do servizo de inspección coñecera cando se ía proceder á visita aos centros. Porén, o novo sistema quedou pronto sen efecto “sen aclarar os motivos da decisión e sen xustificación ningunha”, expuxo a Agiss.
Para a voceira de Dereitos Sociais do BNG, o manifestado polos inspectores e inspectoras resulta “escandaloso”, polo que urxe á Xunta a iniciar de inmediato unha investigación interna “para esclarecer o que está acontecendo e depurar todas as responsabilidades que existan de ser confirmar o denunciado”, explicou Rodil.
A deputada lembra que os servizos de inspección "son os encargados de velar polo cumprimento da lexislación vixente en materia de centros sociais" e, con iso, garantir o “respecto escrupuloso” dos dereitos fundamentais das persoas usuarias dos mesmos, “moitas delas colectivos especialmente vulnerables como persoas dependentes, menores ou persoas con discapacidade”. “Calquera información filtrada previamente ás empresas e entidades propietarias e/ou xestoras deses servizos supón unha violación da lei”, advirte.
“Durante a pandemia da COVID vimos cal é a situación das residencias de maiores en Galiza, as consecuencias nefastas do excesivo grao de privatización deste servizo"
“Durante a pandemia da COVID vimos cal é a situación das residencias de maiores en Galiza, as consecuencias nefastas do excesivo grao de privatización deste servizo; o incumprimento reiterado das rateos de persoal por parte das empresas e as consecuencias que iso ten na calidade de vida e o benestar das persoas maiores”, engade Olalla Rodil, que advirte que “desde aquela nada mudou porque o PP non quixo cambiar nada”. “Agora vemos, con estupor, como son os propios inspectores da Consellaría quen sinala o Goberno como responsable de obstruír, de obstaculizar o seu traballo e protexer os intereses empresariais”, subliñou.
Xa que logo, no seu comunicado o Bloque considera "imprescindible" a implantación dun procedemento de inspección "que garanta a confidencialidade da información e protexa o traballo dos inspectores impedindo filtracións e avisos". Na iniciativa presentada no Parlamento, reclama así mesmo a dotación ao servizo de inspección de persoal e de recursos, “absolutamente insuficientes” . “A día de hoxe para inspeccionar todos os servizos sociais, non só residencias, hai pouco máis dunha ducia de persoas, e así e imposible”, salientou a vicevoceira primeira do BNG na Cámara.