Rueda rexeita sancionar a moción de censura de Lugo por incumprir os estatutos do PP

Aperta entre Alfonso Rueda e Elena Candia, líder do PP en Lugo, en presenza de Paula Prado durante unha xunta provincial do partido o pasado setembro CC-BY-SA PPdeG

O presidente defende a decisión da nova alcaldesa de retirar unha bandeira de Palestina porque di que goberna "para a inmensa maioría"

"Eu non vou impulsar ese expediente, o que faga o meu partido tería que preguntarllo aos órganos correspondentes". Así respondeu este luns o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, á pregunta sobre se o seu partido vai abrir un expediente sancionador porque a moción de censura de Lugo se valese dunha tránsfuga, operación prohibida polos estatutos da formación. O popular tamén xustificou que unha das primeiras decisións da nova alcaldesa, Elena Candia, fose retirar unha bandeira de solidariedade con Palestina porque segundo di tenta gobernar "para a inmensa maioría".

Os actuais estatutos do PP, aprobados en xullo do pasado ano, consideran unha infracción moi grave "valerse de tránsfugas para cambiar maiorías de goberno". Tres semanas antes, a mediados de xuño, o Tribunal Constitucional anulara o precepto legal que invalidaba o voto dos tránsfugas nas mocións de censura, pero aínda así os populares mantiveron nas súas normas internas a prohibición de valerse deses apoios. 

A bandeira palestina no Vello Cárcere de Lugo, nunha imaxe de arquivo, e o mesmo lugar tras a súa retirada, nunha fotografía tomada no serán do pasado xoves, o mesmo día da moción de censura CC-BY-NC-SA Imaxe de arquivo: BNG Lugo | Imaxe actual: Praza.gal

Preguntado este luns pola posibilidade dun expediente sancionador sobre a moción de censura de Lugo valéndose dunha tránsfuga do PSdeG, Rueda asegurou que el non o vai impulsar e tentou xustificar que esa prohibición xa estaba nos estatutos do seu partido antes da sentenza do Constitucional e do seu último congreso de xullo no que se decidiu manter a mesma redacción. "Respondían a unha situación diferente desde o punto de vista legal", argumentou Rueda, sen explicar por que se decidiu manter esa redacción unha vez que xa se pronunciara o Constitucional e mudara esa situación legal. Tampouco explicou por que agora el decide non aplicar os estatutos vixentes.

Rueda tamén foi preguntado por unha das primeiras decisións de Candia tras chegar á alcaldía, a de retirar unha bandeira en apoio de Palestina que o Concello colocara no centro cultural do Vello Cárcere. O apoio a Palestina fora referendado pola maioría da Corporación pero agora Rueda defende que Candia "desde o primeiro momento vai tentar gobernar, se pode, para todos os lucenses, e senón para a inmensa maioría". O presidente di estar "convencido de que as súas decisións as toma pensando niso". 

O Concello de Lugo substituíu a súa imaxe institucional oficial polo escudo do municipio CC-BY-SA Praza Pública

O novo goberno local tamén remudou a imaxe corporativa oficial da institución polo escudo do municipio

Xunto coa desaparición da bandeira palestina do Vello Cárcere, outro dos movementos do PP nos seus primeiros días na alcaldía de Lugo tras a moción de censura coa edil tránsfuga foi tamén netamente simbólico. Consistiu na retirada dos perfís do Concello nas redes sociais da imaxe corporativa oficial da institución e a súa remuda polo escudo do municipio.

A identidade visual do consistorio está vixente dende 2008, cando o goberno daquela encabezado por Xosé López Orozco a implantou tras a súa aprobación polo pleno entre críticas dos populares por asemellarse o seu ton vermello ao do PSdeG. Substituíra así os diversos logotipos que durante a década anterior foran identificando departamentos do Concello e reservara, asemade, o uso do escudo para solemnidades e papelaría formal allea a formularios e usos cotiáns.

Nestes anos esa identidade visual, cunha representación da Muralla como principal eixo, foi experimentando diversas variacións, tanto para adaptala a usos non previstos como outros con matiz político, caso do seu emprego en tons azuis por parte de áreas xestionada polo BNG. A súa remuda polo escudo -vixente na súa forma actual dende 2012, cando a Xunta lle deu o seu visto e prace- sen a elaboración dun manual de imaxe corporativa novo que diferencie o emblema heráldico dunha identidade visual completa, alén do obvio xesto político para afastar a imaxe da institución do goberno de socialistas e nacionalistas, regresar aos usos e costumes que o Concello abandonou hai dúas décadas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.