Os estatutos do PP tipifican como moi grave "valerse de tránsfugas para cambiar maiorías de goberno"

Feijóo, con Elena Candia nun mitin do PP de Lugo na campaña das municipais de 2023 CC-BY-SA PP de Lugo

O congreso que reelixiu a Feijóo como líder estatal do seu partido en 2025 situou operacións como a que a formación impulsa en Lugo no máximo nivel de reproche na súa normativa interna, con sancións que implican varios anos de suspensión de militancia ou a expulsión

No ano 1998 as principais forzas políticas do Estado subscribiron o Acordo sobre un código de conduta política en relación co transfuguismo nas corporacións locais, o coñecido como Pacto Antitransfuguismo. Con el procuraban, pola vía do consenso, en aspectos onde as leis electorais non chegaban unha práctica actualmente de plena actualidade en Galicia pola moción de censura do PP contra o goberno de PSdeG e BNG no Concello de Lugo que, da man dunha concelleira ex-socialista que chegou ao posto como substituta dun compañeiro falecido, se vota o vindeiro día 7.

O texto foi actualizado ou ampliado en tres ocasións. A última, en novembro de 2020, no que supuxo a reactivación do seguimento do pacto tras máis dunha década de inactividade. Daquela a definición de tránsfuga quedou fixada como a de "representantes locais, autonómicos e estatais que, traizoando o suxeito político que os e as presentou ás correspondentes eleccións, abandonasen o mesmo, fosen expulsados ou se afasten do criterio fixado polos seus órganos competentes".

Alfonso Rueda, Elena Candia e Paula Prado, nunha Xunta Directiva do PP de Lugo; e María Reigosa, nun vídeo do PSdeG para as municipais de 2023 CC-BY-SA PP | PSdeG

Esa definición foi apoiada polas forzas políticas asinantes do pacto. Tamén polo PP, que así e todo en 2021 anunciou o seu abandono do pacto -xa o fixera unha década antes- mentres se beneficiaba do apoio de tránsfugas para evitar unha moción de censura no Parlamento de Murcia. Cando o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo chegou en 2022 ao liderado estatal do partido non houbo regreso ao pacto, pero en 2025, no congreso que o reelixiu no posto, a formación aprobou uns estatutos que tipifican como infracción moi grave "valerse de tránsfugas para cambiar maiorías de goberno". Isto é, o que está a piques de acontecer en Lugo.

"Quen pertencendo a un Grupo Institucional do Partido utilicen (...) tránsfugas doutros partidos para constituír ou cambiar maiorías de goberno", din os estatutos sobre a infracción "moi grave". Candia será alcaldesa se a ex-socialista Reigosa vota a prol da censura que xa asinou cos membros do grupo do PP

É, concretamente, o artigo 14 das normas internas do PP o que detalla o reproche a esta conduta. "Tamén cometen infracción moi grave quen pertencendo a un Grupo Institucional do Partido utilicen ou se vallan de tránsfugas doutros partidos para constituír ou cambiar maiorías de goberno nas institucións públicas", indica.

O mesmo artigo detalla as sancións para a militancia que cometa estas infraccións "moi graves". Consisten na "suspensión de afiliación por un período de tempo entre catro e seis anos" ou "inhabilitación para desempeñar cargos no seo do Partido ou en representación deste por igual período de tempo", posibilidades ambas "non excluíntes entre si". Tamén contempla a posibilidade da "expulsión do partido".

Mención ao uso do transfuguismo como infracción moi grave nos estatutos do PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

A combinación da definición do Pacto Antitransfuguismo cos estatutos do PP traza un retrato robot notablemente coincidente coa situación de Lugo. A concelleira María Reigosa, que chegou ao Grupo Municipal do PSdeG ao correr a lista pola morte do edil Pablo Permuy, abandonou o goberno municipal que preside Miguel Fernández apenas dous meses despois de chegar ao mesmo. Pouco despois deuse de baixa como militante do PSdeG e a continuación deixou o Grupo Socialista para quedar na corporación como non adscrita, condición dende a que asinou a moción de censura que previsiblemente converterá a Elena Candia en alcaldesa este 7 de maio.

A súa participación nesa votación é válida en virtude dunha sentenza do Tribunal Constitucional que o pasado 2025 anulou o precepto legal que invalidaba o voto dos tránsfugas nas mocións de censura. O que si batería coa legalidade, coa Lei de Bases de Réxime Local, e tamén cunha recente sentenza sería inserila como membro do eventual goberno que forme o PP.

Reproches de Pontón e Besteiro a Rueda

Besteiro pregunta a Rueda se "vai abrir expediente por estas graves infraccións en Lugo" e acúsao de "mercadear gobernos con diñeiro público"

A contradición entre da operación en marcha en Lugo cos estatutos do PP chegou este martes ao Parlamento a través das intervencións dos líderes das forzas da actual oposición na sesión de control ao presidente. A portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG coincidiron en considerar incumprida a norma interna do PP coa moción lucense, avalada ás claras pola dirección do PP. Así o reprocharon a Alfonso Rueda nun debate no que José Ramón Gómez Besteiro acusou o popular de "mercadear gobernos con diñeiro público" e na que Ana Pontón cualificou os feitos abertamente como "corrupción".

Rueda, Pontón e Besteiro -amosando un exemplar dos estatutos do PP-, este 5 de maio de 2026 na sesión de control do Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdeG

Besteiro leu textualmente na sesión de control o devandito artigo dos estatutos do PP para, a continuación, preguntar a Rueda se "vai abrir expediente por estas graves infraccións en Lugo". A resposta que obtivo do tamén presidente do PPdeG foi que prefire "os estatutos do meu partido que os dun partido como o seu, que tivo dous secretarios xerais [en realidade foron secretarios de organización] no cárcere e roubaban mentres presumían de estatutos".

Pontón acusa o popular de "empregar recursos públicos para mercar xente", o que cualifica como "corrupción política" e ironiza con que o presidente volveu da China "un pouco de Marx, pero de Groucho: teño uns estatutos e se me van ben, aplícoos; se non, teño outros"

Pero non logrou Rueda que esa resposta pechase o debate ao respecto. A continuación foi Pontón quen insistiu en referirse aos estatutos do PP. A nacionalista deu a benvida ao presidente tras a súa viaxe á China e dixo que o vía "un pouco de Marx, pero de Groucho Marx: teño uns estatutos e se me van ben os aplico, e se non teño outros". Pontón, como Besteiro, acusou a Rueda de "empregar recursos públicos para mercar a xente" no marco da moción de censura de Lugo, o que cualificou como "corrupción política".

A cuestión dos estatutos tamén está a subir a temperatura noutro dos campos da batalla política en torno á moción de censura do PP coa tránsfuga en Lugo: o das redes sociais. Así, por exemplo, quen fora alcalde socialista da cidade de 1999 a 2015, Xosé López Orozco, pregúntase na súa conta no Facebook "que disculpas van inventar os dirixentes do PP para exculpar a señora Candia" ou, en caso contrario, "cando lle van aplicar a sanción" á dirixente mindoniense e "a todos aqueles que colaboraron na formalización da moción de censura".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.