Feijóo ábrese a pactos con Vox para chegar ao poder

Alberto Núñez Feijóo, no peche do XXI Congreso do PP, este domingo 6 de xullo de 2025 © PP

Alberto Núñez Feijóo pechou este domingo o XXI Congreso do Partido Popular, no que foi reelixido como presidente da formación co 99,24% dos votos dos compromisarios que participaron. Foi unha cita amable para o ex-presidente da Xunta, que recibe unha nova oportunidade -pode que a última- para seguir liderando o PP coa vista posta nas vindeiras eleccións xerais, fixadas para o ano 2027.

As enquisas outorgan neste momento unha clara vantaxe para o PP, pero cun resultado insuficiente para chegar en solitario ao Goberno. A fortaleza de Vox obriga os populares a contar co apoio da extrema dereita, que Núñez Feijóo non rexeitou. "Imos establecer un cordón sanitario a Vox como nos pide a esquerda?", preguntouse Feijóo. "Non. É a terceira forza política, os seus votantes merecen un respecto e eu non estou disposto a arrecantalos".

Intervención de Alberto Núñez Feijóo no XXI Congreso do PP, este sábado 5 de xullo de 2025 © PP

Tampouco desbotou acordos co PSOE, pero non con "este PSOE", aclarou. "Con este PSOE é imposible pactar, co sanchismo non se pode acordar, seino por experiencia", dixo. E, de igual xeito, abriu a porta a pactos cos partidos nacionalistas, pero dentro "da lei e da Constitución". Só fixou un "cordón sanitario" con Bildu, única formación coa que, de inicio, rexeita chegar a acordos.

"Non vai ser un paseo polo campo, se algo sacamos en claro hai dous anos, é que fronte ao adversario non cabe o descoido nin o exceso de confianza", afirmou o líder do PP, lembrando as eleccións de 2023, na que as sondaxes lle auguraban un triunfo doado que finalmente non chegou grazas á mobilización da esquerda.

Feijóo ponse como obxectivo formar un Goberno en solitario, pois "o único goberno en coalición que houbo até a data non funcionou e eu non quero darlle ao meu país os mesmos espectáculos que vemos cada martes no Consello de Ministros". As enquisas, de momento, mesmo sendo moi favorables ao PP, amosan que esa opción está aínda lonxe.

Núñez Feijóo e Tellado, no XXI Congreso do PP, este sábado 5 de xullo de 2025 © PP

Feijóo non falou moito de programas nin de medidas concretas, pero prometeu baixadas de impostos e control da inmigración, ademais de criticar as políticas feminista que "criminalizan" a "todo o xénero masculino" e converten "os homes nun inimigo en potencia". 

Noutros ámbitos, en cambio, abriu a porta a manter moitas das medidas e políticas aprobadas polos gobernos progresistas nos últimos anos, criticadas continuamente polo PP, dende as subas do salario mínimo ao matrimonio igualitario e mesmo prometeu unha "cordialidade lingüística", sinalando a súa "consideración pola diversidade de España".

Intervención de Alberto Núñez Feijóo no XXI Congreso do PP, este sábado 5 de xullo de 2025 © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.