Lugo en pesetas

Vista da Muralla de Lugo na contorna da Mosqueira e un billete de 10.000 pesetas CC-BY-NC-SA Praza.gal

A última vez que a un goberno do PP lle correspondeu aprobar uns orzamentos no Concello de Lugo o proxecto estaba dotado con algo máis de 8.300 millóns de pesetas, dos que o goberno municipal que dirixía Joaquín García Díez dispuña para o ano electoral de 1999. Faltaba aínda un trienio para a chegada do euro, que mecanicamente traduciría aquelas contas en algo menos de 50 millóns na nova moeda comunitaria. 

A última vez que a un goberno do PP lle correspondeu aprobar uns orzamentos no Concello de Lugo o proxecto contaba con algo máis de 8.300 millóns de pesetas

Para que aqueles orzamentos en pesetas valesen o mesmo no Lugo e na Galicia de 2026 o consistorio tería que contar con 91 millóns de euros, atendendo á inflación acumulada. Pasaron case tres décadas e todo un mundo político en xeral e, particularmente, na cidade marcadas estes días pola moción de censura coa que o PP se dispón a derrubar o goberno municipal de PSdeG e BNG para constituír no seu lugar outro presidido pola súa líder, Elena Candia, coa colaboración imprescindible de María Reigosa, a tránsfuga ex-socialista que chegou a concelleira por mor da morte dun compañeiro de candidatura.

García Díez, último alcalde de Lugo polo PP, con Cacharro meses despois de gañar as municipais de 1995 nunha recepción á infanta Elena como duquesa de Lugo © Arquivo Deputación de Lugo

Unha das últimas ocasións en que Reigosa secundou no voto ao grupo polo que concorreu ás urnas foi o pasado 26 de marzo, precisamente para dar o visto e prace definitivo aos orzamentos elaborados para 2026 polo gabinete que dirixe o alcalde socialista, Miguel Fernández, en coalición co BNG cun montante total de 132 millóns de euros. Isto é, arredor dun 45% máis en termos reais que aqueles últimos orzamentos do goberno do PP de García Díez, quen gobernara entre 1995 e 1999 con maioría absoluta unha cidade de algo menos de 87.000 habitantes, en torno a 13.000 mil menos que na actualidade, cando a urbe da Muralla vén de superar os 100.000, o que implicará máis recursos económicos e tamén que nas vindeiras municipais pase a ter unha corporación municipal de 27 membros, dous máis que agora 

A dimensión das finanzas municipais ou do número de habitantes ilustran o tempo transcorrido dende a época en que Lugo semellaba un monocultivo da dereita. Tras sete maiorías de esquerdas a cidade experimentou notables transformacións, unhas produto do paso do tempo e outras, de decisións políticas

A dimensión das finanzas municipais ou do número de habitantes son dous indicadores, mesmo o cambio de moeda ilustran o tempo transcorrido dende a época en que Lugo semellaba un monocultivo municipal da dereita. Un tempo de sucesivos gobernos apoiados en sete maiorías de esquerdas -sempre co PSdeG en primeiro lugar, gobernando en solitario ou coligado co BNG- nos que a cidade experimentou notabilísimas transformacións. Algunhas derivadas do propio paso dos anos e que posiblemente acontecerían con independencia da cor política do goberno municipal. Outras, estritamente ligadas a decisións políticas do Concello, caso por exemplo de mudanzas evidentes na fisionomía urbana, dende recuperación de espazos degradados a profundas peonalizacións ou crecemento de barrios.

Moitas desas transformacións, polo propio tempo transcorrido, están instaladas como cuestións de toda a vida nun imaxinario colectivo que, lamentan dende a contorna do aínda goberno municipal, xa apenas lembra como era aquel Lugo en pesetas. Un Lugo, a xuízo das forzas progresistas e do seu electorado, notablemente peor ca o actual, ese que os populares din querer "rescatar" da "parálise".

Concentración convocada pola plataforma 'Transfuguismo non, democracia si' contra a moción de censura que o PP impulsa en Lugo canda a ex-socialista Reigosa, o pasado día 24 © 'Transfuguismo non, democracia si'

A cidade mellorou cos gobernos progresistas, sosteñen, pola emenda de deficiencias urbanas, carencias de servizos ou omnipresencia do coche privado -que García Díez comezara a reverter tendo que esquivar tamén obstáculos das súas propias siglas-. Pero tamén, cren, daquela era peor polos modos e maneiras de facer dun PP condensado daquela na figura do finado Francisco Cacharro Pardo e agora, na de Candia. Diso tamén foi a manifestación que o pasado venres clamou contra a operación en marcha ao berro de "transfuguismo non, democracia si".

Ás pesetas, aos cartos, a unha compra política ou económica, aluden moitas das voces críticas coa operación do PP de Elena Candia para derrubar o goberno de PSdeG e BNG coa tránsfuga María Reigosa, quen Rueda non desbota que poida optar a outra praza na Xunta 

Ás pesetas, aos cartos, a unha compra política ou económica, aluden moitas das voces críticas coa operación do PP de Candia con Reigosa. Á tránsfuga, sosteñen socialistas e nacionalistas, móvena intereses distintos ao ben común. Pola contra, ao confirmar xunto a Candia que asinara a censura, Reigosa asegurou non ten "ningún interese persoal nin económico", sostivo para subliñar ademais que non ía concorrer á xefatura do Servizo do Litoral que, en comisión de servizo -figura excepcional para cubrir postos na administración-, convocara na véspera a Consellería de Medio Ambiente cun perfil profesional e funcionarial que PSdeG e BNG observaron como deseñado á súa medida. 

Sobre este asunto, precisamente, volvía este luns o BNG a través da súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acusa, "mentiu ao asegurar" que a praza fora convocada porque "estaba vacante". "Segue ocupada pola mesma persoa que a propia conselleira nomeou a dedo, nunca renunciou e, que saibamos, nunca foi cesado", asegura quen ve "evidente" que "esta praza era o pago pola sinatura da tránsfuga", unha "cacicada" que, cren múltiplas fontes na esquerda lucense, freou ao saír á luz pública mediante un comunicado conxunto de PSdeG e BNG. 

Candia e a concelleira tránsfuga, con edís do PP e o presidente local do partido, confirmando a moción de censura o pasado 22 de abril no hotel Méndez Núñez da capital lucense CC-BY-SA Praza Pública

O presidente Alfonso Rueda, pola súa banda, descualifica esas acusacións do BNG, se ben non desbota que Reigosa, enxeñeira funcionaria de Costas do Estado, acabe optando a algunha outra praza na Xunta. Para o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, se Rueda non o "frea" o que está a piques de acontecer en Lugo será "unha compravenda insá dos valores democráticos".

Así, entre alusións ás pesetas e advertencias da dirección galega do PP sobre potenciais episodios de "odio" e "violencia", van transcorrendo os días cara á data fixada para a votación da moción de censura, o 7 de maio, seguindo os prazos marcados na normativa para este procedemento. En Lugo, como di o ditado popular, non se fala doutra cousa e tanto Candia como Reigosa optan por manteren un perfil relativamente baixo -por exemplo respondendo unha entrevista ao xornal El Progreso a través dun cuestionario- mentres, non obstante, a ex-socialista se deixa ver como integrada na dinámica do grupo do PP no Concello acudindo coa líder conservadora a algún acto social, caso da reinauguración dun coñecido local hostaleiro onde cadraron co alcalde.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.