A tránsfuga que dá Lugo ao PP asegura non ter "ningún interese persoal nin económico"

A concelleira tránsfuga María Reigosa durante a comparecencia para informar sobre a moción de censura CC-BY-NC-SA Praza.gal

María Reigosa di que non se presentará á praza da Xunta que PSdeG e BNG vinculan co seu apoio á moción de censura

Logo do rexistro este mesmo mércores da moción de censura do PP e a concelleira tránsfuga María Reigosa contra o goberno local de PSdeG e BNG en Lugo, a edil compareceu en rolda de prensa acompañando a portavoz popular no concello e presidenta do partido a nivel provincial, Elena Candia, futura alcaldesa. Reigosa asegurou que o seu apoio á moción de censura "non responde a ningún interese persoal nin económico, senón unicamente á situación que vive Lugo".

Reigosa negou que se vaia presentar á praza que a Xunta vén de convocar e que PSdeG e BNG vinculan co seu apoio á censura. Segundo dixo, non lle suporía mellorar a súa actual situación profesional senón só igualala ou empeorala.

A edil que entrou na Corporación logo da morte dun compañeiro do PSdeG e que vén de deixar ese grupo municipal revelou que varios cargos socialistas a chamaron para tentar reconducir a situación pero negou que lle fixeran "propostas de outras cousas". Segundo dixo, a súa saída do PSdeG debeuse a discrepancias no xeito de traballar.

A futura alcaldesa, Elena Candia, adía a despois da súa elección revelar que papel xogará a edil tránsfuga no novo goberno local, condicionado pola lexislación

Pola súa banda, a portavoz popular e futura alcaldesa centrou a súa intervención en detallar o que ao seu xuízo non está a funcionar no Concello de Lugo e en avanzar as súas políticas concretos ao respecto. Nesa liña, anunciou entre outras cuestións a creación de máis prazas de aparcamento, a eliminación de treitos de carril bici, a construción dunha nova oficina da Policía Local no norte da cidade, a creación dunha "oficina económica para seguimento de proxectos que queren asentarse na cidade" ou "recuperar un San Froilán para todos, e non oculto que isto me fai ilusión", dixo

Edís do PP e concelleira tránsfuga que asinaron a moción de censura en Lugo durante a súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Candia foi preguntada polo papel que terá Reigosa no novo goberno municipal, ao que respondeu que iso será anunciado cando se conforme ese novo goberno. "Evidentemente María vai ter participación no noso proxecto, os únicos límites vainos marcar a súa entrega e a lei", dixo en referencia ás limitacións legais para que edís tránsfugas teñan "dereitos económicos e políticos" que sexan "superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia". 

Sobre as mobilizacións en contra da moción de censura, Candia expresou o seu "absoluto respecto" e fixo ver que, pola contra, ela está a recibir "numerosas" mostras de apoio. Tamén avanzou que segundo os seus cálculos a moción de censura votaríase "o día 7" de maio. "Despois anunciaremos o goberno", engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.