PSdeG e BNG instan á Xunta a aclarar se vén de crear unha praza 'á medida' da posible tránsfuga de Lugo

Candia nun acto oficial co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e casa consistorial lucense CC-BY-SA Xunta | Montaxe: Praza.gal

Nun comunicado conxunto as forzas que sustentan o goberno lucense cuestionan a convocatoria en comisión de servizo da Xefatura de Litoral na provincia requirindo un "perfil formativo e profesional requirido para o posto coincida de maneira significativa co currículo dunha edila tránsfuga"

A Consellería de Medio Ambiente, a competente en materia de Costas dende a transferencia destas competencias ao Goberno galego, vén de convocar unha comisión de servizo para cubrir a Xefatura de Servizo do Litoral na provincia de Lugo. Trátase dunha praza á que pode concorrer funcionariado da propia Xunta, do Estado, dun concello ou doutra autonomía do corpo especial de arquitectura ou de enxeñaría de camiños, canais e portos. O prazo está aberto dende este 21 de abril e ata o día 27.

As comisións de servizo son unha figura excepcional que, con altas doses de discrecionalidade, permiten situar o funcionariado nun posto diferente ao seu. E a convocatoria deste en concreto vén de facer saltar as alarmas no PSdeG e no BNG da cidade de Lugo que, nun comunicado conxunto, instan o Goberno galego a "aclarar" se esta se trata dunha praza 'á medida' para María Reigosa, a edil ex-socialista que actualmente negocia co PP local unha posible moción de censura no Concello da cidade contra o goberno que ambas formacións da esquerda xestionan.

[Inserir a ex-socialista como tránsfuga nun goberno do PP en Lugo contradí a lei local e unha recente sentenza]

Convocatoria da Xefatura de Litoral de Lugo en comisión de servizo, lanzada este 21 de abril e cuestionada por PSdeG e BNG CC-BY-SA Praza.gal

Reigosa, é enxeñeira de camiños, canais e portos e funcionaria da demarcación de Costas do Estado. "Chama a atención", din socialistas e nacionalistas nesta nota conxunta, que "o perfil formativo e profesional requirido para o posto coincida de maneira significativa co currículo dunha edila tránsfuga", polo que cómpre esclarecer se a convocatoria "garda algunha relación coa situación política actual do Concello".

Socialistas e nacionalistas reclaman a Reigosa dicir "publicamente" se "ten previsto optar a esta praza" e cren que sería de "extrema gravidade" que existise "calquera vinculación entre esta convocatoria e os movementos políticos" para unha posible moción de censura

Neste contexto, din resulta "lexítimo" que Reigosa sinale "publicamente" se "ten previsto optar a esta praza" para así "evitar calquera tipo de especulación" nun contexto de "especial sensibilidade política". "No caso de que se confirmase calquera tipo de vinculación entre esta convocatoria e movementos políticos no Concello de Lugo, estariamos ante unha situación de extrema gravidade que podería ser interpretada pola cidadanía como unha práctica allea aos principios éticos e democráticos", advirten.

Cómpre, salientan, apelar "á responsabilidade" da Xunta para "ofrecer explicacións claras e garantir que todas as actuacións se desenvolven con absoluto respecto aos principios de legalidade, transparencia e interese xeral". A súa intención, advirten, é "continuar vixiantes ante a evolución deste suceso" e mentres "sopesan iniciar accións legais fronte ao que podería constituír un delito de carácter penal e golpe á democracia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.