A Xunta, condenada a revelar por que mantivo 347 funcionarios en postos excepcionais sen concurso

O complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O Supremo dá a razón de vez á CIG no litixio para forzar a publicación dos informes que xustifiquen a prórroga por riba do límite xeral de dous anos en centos de comisións de servizo, fórmula excepcional da que, segundo o sindicato e tamén a xuízo do Consello de Contas, o Goberno galego abusa

Unha comisión de servizos é un procedemento contemplado pola lei polo cal o persoal funcionario pode ocupar temporalmente un posto que non é o seu e que está baleiro temporalmente por razóns diversas. A normativa galega en materia de emprego público -a lei e o regulamento que a desenvolve- deixa claro que se trata dunha fórmula "excepcional" e "temporal" e tamén que a súa duración é "con carácter xeral dun ano prorrogable por outro" en prazas que deben ter como destino a cobertura por concurso.

No entanto, esta excepcionalidade vira en norma para postos diversos. Os sindicatos da función pública así o veñen denunciando e tamén o Consello de Contas puxo o foco na cuestión en 2021 cun informe no que advertía non só dun relevante incremento no uso desta fórmula na Administración galega. Tamén censuraba que o Gobenro galego non realizaba "unha motivación adecuada do candidato seleccionado" e non publicaba o resultado das adxudicacións desas prazas que, en moitas ocasións, ían alén dos dous anos previstos pola norma.

Instalacións do Rexistro Xeral da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano CC-BY-SA Xunta

Con este pano de fondo, en 2019 a sección da CIG na Administración autonómica esixiu formalmente que a Xunta lle facilitase copias das motivacións das "347 comisións de servizo que daquelas tiñamos detectadas que estaban prorrogadas" por riba do "límite xeral" de dous anos. O Goberno galego negouse, o sindicato acudiu á Xustiza e gañou en 2022. A Xunta recorreu para tentar reter unha información que agora terá que revelar ao ser condenada definitivamente por unha sentenza firme do Tribunal Supremo ante a que xa non cabe recurso ningún.

A Xunta "tentou argumentar que pola protección de datos non nos tiña que facilitar a información", pero o Supremo sentencia que existen fórmulas legais para achegalos

Nunha sentenza ditada o pasado 3 de xullo e divulgada esta semana, o alto tribunal dá a razón á CIG fronte á Xunta, que polo camiño logrou impoñer o seu criterio no Tribunal Superior galego. Agora, subliña o sindicato, ten "dous meses para entregarnos unha copia das resolucións polas que se concederon as prórrogas de cada unha" desas comisións de servizo, "xunto cos informes dos centros directivos" cos que "se xustificou ou motivou a necesidade e urxencia das prórrogas acordadas".

O Goberno galego, resaltan, "tentou argumentar que pola protección de datos persoais das persoas traballadoras non nos tiña que facilitar a información que solicitabamos". Pero a sentenza do Supremo explica que a lexislación europea vixente permite aplicar a coñecida como pseudoanonimización, de maneira que "se respecta o dereito á protección de datos" sen lesionar o dereito da CIG "á vixilancia sindical das cuestións laborais que o requiran".

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, co secretario de Organización, Alexandre Prieto, e Manuel González Fernández de Tejada, delegado de persoal de Servizos Centrais da Xunta CC-BY-NC-SA CIG

Neste contexto, a central sindical tamén aplaude que o Supremo lembre na súa sentenza que as comisións de servizo "escapan ao criterio xurídico xeral consistente en que as Administracións Públicas provexan os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade" e a que "o concurso deba ser o procedemento normal de provisión de postos de traballo". "Por iso -agrega- resulta razoable que os delegados sindicais poidan solicitar información e vixíen a política de persoal nesta materia".

O sindicato ve reafirmada a súa denuncia de que a Xunta ten unha "bolsa de postos para comisións" que reparte de forma "subxectiva, sen criterios públicos e medibles". Dende 2021 "adxudicáronse 4.714 e renováronse 7.099, a maioría en situación irregular"

"Levamos tempo advertindo de que a Xunta abusa da cobertura de prazas" por esta fórmula "en vez de convocar os concursos de traslados cunha periodicidade axeitada", resalta a CIG. O ditame xudicial, coidan, non fai máis que reafirmar as súas denuncias de que a Xunta ten, na práctica, unha "bolsa de postos para comisións" que adxudica de maneira "totalmente subxectiva, sen criterios públicos e medibles". Tamén por iso "se nega a negociar un baremo para que non sexa unha cobertura a dedo" nun contexto no que, cren, tamén empregan esta vía para que o funcionariado "cumpra os obxectivos da Xunta do PP, moitas veces con intención partidista".

Segundo os datos manexados pola CIG-Autonómica, "dende o 1 de xaneiro de 2021 adxudicáronse 4.714 comisións de servizo" na Xunta e no mesmo período "renováronse 7.099 comisións, a maioría en situación irregular por superar os dous anos de antigüidade". "Para dimensionar o abuso desta fórmula de provisión, podemos ver que dende xaneiro de 2021 se produciron máis 10.000 actos administrativos polos que se deron comisións de servizos", entre as novas e as renovacións, e por iso "podemos dicir hai un abuso das comisións de servizo en situación irregular porque son prórrogas que non tiñan que terse concedido".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.