Tres meses despois de que o Consello de Contas criticase que o Goberno galego abusa das comisións de servizo sen motivalas suficientemente, agora un xulgado dá a razón á CIG e obriga a revelar as razóns que hai detrás de máis de 300 delas
O pasado novembro o Consello de Contas, ente fiscalizador das administracións públicas galegas, facía público un informe sobre a xestión que o Goberno galego fai do seu persoal no que, entre outras cuestións, alertaba sobre o mal uso das figuras “excepcionais” da libre designación e a comisión de servizos. No primeiro caso Contas criticou a discrecionalidade da Xunta e no segundo que non motivase suficientemente as razóns de urxencia ou interese público. Agora un xulgado vén de dar a razón á CIG e obriga á Xunta a revelar as razóns que argumentou para prorrogar 347 das preto de 2.000 prazas en comisión de servizos que hai na administración autonómica.
As comisións de servizo permiten á Xunta cubrir temporalmente e dun xeito rápido postos de todo tipo que non poden quedar baleiros. A administración dá ao funcionariado interesado en ocupalos un prazo de tan só cinco días para presentar a candidatura, o que vén provocando a sospeita en diversas fontes sindicais de que podería haber avisos previos a persoas concretas afíns aos cargos políticos para que estean preparadas e teñan máis opcións que o resto dos posibles candidatos. Non calquera funcionario pode decidir en tan pouco tempo se quere mudar ou non o seu posto de traballo.
Esa figura das comisións de servizo, segundo informe feito público en novembro por Contas, pasou de empregarse en 2014 en 981 postos a selo en 2019 en 1.884 postos, case o dobre. Contas lembrou no seu informe que “o carácter excepcional das comisións de servizos require de motivación xustificativa das razóns de urxencia e interese público para a cobertura do posto e da ausencia doutro procedemento para facelo”, algo que a Xunta non está a facer. O ente fiscalizador tamén criticou que o Goberno galego tampouco está a realizar “unha motivación adecuada do candidato seleccionado”, non publica “as adxudicacións das prazas convocadas” e mantén esas comisións de servizo durante longos períodos de tempo sen convocar novamente esas prazas a través de procedementos ordinarios que permitan ocupalas de xeito definitivo.
En novembro Contas salientou que as comisións de servizo pasaron de 891 en 2014 a 1.884 en 2019 e lembrou que o seu "carácter excepcional" require de "motivación xustificativa das razóns de urxencia e interese público" que a Xunta argumenta para empregalas
Neste contexto retratado polo Consello de Contas é no que a CIG formulou en 2019 unha solicitude oficial á Dirección Xeral da Función Pública para coñecer “a motivación administrativa que sustentou a decisión de prórroga” de 347 comisións de servizo. A resposta foi o silencio, e ese mesmo silencio seguiu recibindo o sindicato nun primeiro recurso administrativo ante a Consellería de Facenda. Tras acudir á vía xudicial, agora un xulgado do contencioso-administrativo vén de darlle a razón e obriga á Xunta a facilitar á CIG “copia das resolucións polas que se concederon as diversas prórrogas de cada unha das comisións de servizo e informes dos centros directivos competentes por medio dos que se xustificou ou motivou a necesidade e urxencia das prórrogas acordadas a respecto de cada unha das comisións de servizo identificadas na demanda”.
O xulgado, pola contra, rexeita a petición da CIG de considerar nulas todas aquelas comisións de servizo cuxa prórroga fose acordada sen motivación obxectiva. A sentenza di que iso deberá ser “obxecto doutro proceso” unha vez que a Xunta facilite a información ao sindicato, que daquela poderá impugnar as comisións de servizo que en concreto considere que non foron adecuadamente motivadas.
O xulgado tamén rexeita a forma en que a CIG quería coñecer toda a información relativa ás comisións de servizo e considera que non se lle deben facilitar datos persoais de quen ocupa esas comisións de servizo, pero si que considera encadrado “dentro das funcións propias do sindicato” o seu dereito a coñecer a motivación da Administración para xustificar as comisións de servizo.
A CIG critica que a "concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección" das comisións de servizo "asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos”
Tras divulgar a sentenza, a CIG considera que supón un “pau xudicial á Xunta” e asegura que algunha das comisións de servizo polas que se interesou vén sendo prorrogada “dende o ano 2010”. “A súa concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos”, di o sindicato, que lamenta que as comisións de servizo se convertesen para moitas persoas na “única opción de mobilidade ou, incluso, de ter algo de carreira administrativa” ante a “mala xestión” da Xunta cos concursos de traslados ordinarios.
Por outra banda, o pasado novembro, só seis días despois de que Contas fixese público o seu informe crítico coas comisións de servizo e os postos por libre designación, o PP incluía nas súas emendas á lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2022 varias disposicións para facilitar aínda máis os nomeamentos a dedo en máis postos e facer máis flexibles os requisitos para acceder a eles.