O Goberno galego di que as organizacións sindicais esixen tempo entre a convocatoria dun proceso selectivo e o primeiro exame, pero o Consello de Contas desbota ese argumento e lembra que hai casos de máis de catro anos de duración desde a oferta pública de emprego
O informe que vén de facer público o Consello de Contas sobre as eivas na xestión por parte da Xunta do seu persoal censura, entre outras cuestións, a “excesiva prolongación” dos procesos selectivos de acceso ao emprego público, poñendo como exemplo que a finais de 2019 había aínda abertos procesos derivados da oferta pública de emprego (OPE) de 2015.
O Goberno galego alegou a ese informe, entre outras cuestións, que a duración dos procesos está “condicionada” polas esixencias dos sindicatos dun mínimo de tempo entre a convocatoria e o primeiro exame, pero o Consello de Contas desbota ese e outros argumentos e di que se a propia Xunta asegura que está a traballar para rebaixar os prazos das oposicións é porque “esa necesidade é sentida tamén pola propia Administración”.
Como todos os informes do Consello de Contas, as súas conclusións sobre as actuacións da administración que fiscaliza emítense tras escoitar as alegacións da Xunta a un borrador previo sometido ás súas consideracións. Isto é, Contas conclúe o que conclúe tras escoitar e incluír ou matizar as alegacións que considera pertinentes e desbotar o resto.
Neste caso, ante a conclusión de Contas de que os procesos de selección de persoal duran en exceso, a Xunta alegou que en parte se debe a “motivos de seguridade xurídica para as persoas aspirantes, que esixe que cada acto estea suxeito a posibilidades de revisión”, así como que en cada caso poden influír cuestións como o número de aspirantes, a complexidade das probas ou o número de exercicios a realizar. Pero o Goberno galego tamén sinala que a duración dos procesos selectivos “tamén atópase condicionada polas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública que esixen un determinado período de tempo entre a publicación da convocatoria e a realización do primeiro exercicio”.
Fontes sindicais sinalan que é habitual que as distintas organizacións reclamen, nas negociacións coa Xunta previas a cada proceso selectivo, un mínimo de tempo de arredor de seis meses entre a aprobación das bases de cada convocatoria e a primeira proba, xa que é habitual, como constata Contas, que entre a aprobación inicial da oferta de emprego e as bases de cada proba poidan pasar ata dous anos, o que non permite ás persoas interesadas ter unha expectativa clara de cando poden ser os exames e planificarse adecuadamente.
Contas salientou que as propias medidas alegadas pola Xunta para axilizar os procesos "indican que esa necesidade é sentida tamén pola propia Administración"
Ante as alegacións da Xunta o Consello de Contas replicou que o seu informe atopou que o tempo medio transcorrido desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de emprego de 2015 ata a data da convocatoria foi “de máis de 22 meses” e que a media entre a convocatoria e o terceiro exercicio de cada proceso superaba “os 28 meses”. Contas xa non entraba na súa análise na demora entre a superación de todas as probas e a data de nomeamento, ao que fontes sindicais engaden o atraso que se vén rexistrando entre a obtención da praza e a toma de posesión efectiva da mesma.
Contas conclúe que eses tempos poñen “de manifesto a necesidade de facer esforzos na simplificación e axilización destes procesos”. E engade que “as medidas adoptadas nesa dirección a que se alude nas alegacións indican que esa necesidade é sentida tamén pola propia Administración”. “En consecuencia, a alegación formulada non supón a modificación do informe de fiscalización”, concluíu Contas, que mantivo a súa crítica á “excesiva prolongación” das oposicións.