Os sindicatos denuncian que o Goberno galego salta a súa obriga de negociar con eles tramitando as modificacións a través do PP, en varias ocasións emendándose a si mesmo, o que reduce aínda máis o debate público
Nas últimas semanas o PP vén impulsando sucesivos cambios legais que están a supoñer profundas reformas na organización do emprego público en Galicia. Son mudanzas que en ocasións non só nin se negociaron cos sindicatos senón que nin sequera se lles comunicaron. Uns cambios que en varios casos supoñen a modificación da lei de emprego público a través doutras normas que nada teñen que ver con ela, aprobada en abril de 2015 e que neste tempo xa fora reformada outras cinco veces antes.
Os sindicatos denuncian que a Xunta salta a súa obriga de negociar con eles os cambios en materia de emprego público ao só comunicarlles como feitos consumados as súas intencións ou tramitar as modificacións a través do PP, en varias ocasións emendándose a si mesmo, o que reduce aínda máis o debate público das medidas. Unhas mudanzas “pola porta de atrás”, como coinciden en denominalas varios dos líderes sindicais consultados, que xa se converteron en algo “normalizado”, en palabras da CIG, ou “unha constante”, para CCOO. Unhas reformas en diversos eidos das que os catro sindicatos, CIG, CCOO, CSIF e UGT, coinciden en salientar como a máis prexudicial, máis alá de outras conxunturais, a ameaza de baleirado de funcións do empregado público en beneficio de empresas privadas alleas á administración.
Lei de acompañamento dos orzamentos
Os primeiros cambios xa están en vigor desde o pasado sábado 30 de xaneiro, cando cobrou validez a lei de acompañamento dos orzamentos coa que a Xunta e a maioría absoluta do PP adoitan mudar moitas outras leis previas con menos debate do que requiriría facelo individualmente. Desta volta foi para que, entre outras cuestións, o Goberno galego poida modificar as oposicións de acceso ao emprego público con “calquera” medida que considere necesaria “a proposta da autoridade sanitaria”, que é el mesmo. Entre esas medidas a propia norma cita a de que se poidan facer exames distintos as aspirantes a unha mesma praza nunha mesma oposición, medida avanzada en exclusiva por Praza.gal o pasado 19 de novembro e agora xa en vigor.
Esa mesma lei de acompañamento xa en vigor tamén vén de permitir que cando o persoal de entes paralelos que se suprimen -os que o propio Feijóo denominaba desde a oposición como “chiringuitos”- sexa integrado na propia Administración xeral da Xunta, poidan seguir cobrando para sempre os seus trienios por antigüidade máis elevados que os do resto do funcionariado. A medida beneficiaría a varios altos cargos do Goberno galego -entre eles a conselleira de Infraestruturas- que no seu momento foron contratados pola Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e que a reforma legal permite que sexan convertidos en funcionarios mantendo os seus trienios moito máis altos.
Ademais desas medidas previstas xa no proxecto de lei de acompañamento remitido ao Parlamento pola Xunta, durante a súa tramitación o PP introduciu unha emenda para que cargos do Goberno galego que sexan funcionarios de carreira reciban como premio cando deixen o posto a dedo e volvan á súa praza unha consolidación máis rápida do seu nivel profesional, o que implica unha suba salarial.
Igualmente a través de emendas do PP a lei de acompañamento acabou incorporando unha disposición pola que se endurecen as condicións para que os bombeiros forestais de máis de 60 anos poidan deixar de estar en primeira liña do lume, unha medida que chega despois de que o Tribunal Supremo ratificase que a Xunta discriminou durante anos ao persoal temporal dese servizo fronte aos indefinidos ao impedirlles esa opción.
Lei de reactivación económica
Por outra banda, o PP tamén impulsou de xeito paralelo a denominada Lei de Reactivación Económica, coa que quere axilizar a instalación de empresas en Galicia e o reparto de fondos europeos tras a pandemia da COVID-19. A norma deixa en mans privadas trámites que ata agora facía o funcionariado e mesmo habilita á Xunta a contratar empresas para que axuden a outras empresas a obter as autorizacións que debe supervisar o persoal público.
Pero ao igual que coa norma de acompañamento dos orzamentos, o primeiro texto da Lei de Reactivacion presentado a comezos de decembro para o seu debate no Parlamento vén de ser corrixido polo propio PP que o impulsou e aos 64 artigos orixinais sumou outros 13. Co argumento de axilizar a tramitación das axudas que se entreguen ás empresas ao amparo da lei, engadiulle todo un capítulo no que permite que o Goberno galego desprace funcionariado de consellerías, mude as súas funcións, lle dea “gratificacións extraordinarias”, contrate novo persoal temporal ou cree unidades administrativas temporais. E se algunha norma previa se opuña, mesmo a Lei do Emprego Público, quedará automaticamente derrogada pola nova. Ademais, o PP tamén introduce emendas para esixir menos requisitos á hora de xustificar subvencións que nalgún caso supoñen mudar a supervisión previa por parte do funcionariado por declaracións responsables por parte dos beneficiarios.
As críticas dos sindicatos
CIG, CCOO, CSIF e UGT coinciden en que a medida máis prexudicial, máis alá de outras conxunturais, é a ameaza de baleirado de funcións do empregado público contemplada na Lei de Reactivación Económica
Os sindicatos coinciden en criticar o xeito en que a Xunta e o PP tramitaron ou están a tramitar todas estas mudanzas, sen negociar con eles e en moitos casos sen sequera comunicarllas previamente. A Administración ten a obriga de facelo, pero non así o PP, polo que ven nas emendas dos populares, que sairán adiante grazas á súa maioría absoluta, un xeito de evitar a negociación.
De todas as anteditas medidas, os catro sindicatos, CIG, CCOO, CSIF e UGT coinciden en apuntar como máis prexudiciais as que deitan en mans privadas trámites que ao seu ver deberían seguir facendo empregados públicos, porque sería o cambio máis estrutural fronte a outras medidas máis acoutadas no tempo ou que afectarían a colectivos máis reducidos. Entre esas medidas máis xustificables, coinciden tamén os sindicatos, estarían as que permitirán reorganizar as oposicións pola pandemia, aínda que todos amosan as súas dúbidas sobre a inseguridade xurídica que se podería producir no caso dos exames distintos para unha mesma praza.
“É unha privatización sen precedentes pero silenciosa, a cachiños e pola calada”, di Zeltia Burgos (CIG) sobre a Lei de Reactivación Económica
Desde a CIG, a súa responsable de Administración Autonómica, Zeltia Burgos, lamenta que coa Dirección Xeral de Función Pública “hai moito tempo que non hai unha negociación colectiva real”. Algunhas medidas, como as que mudan as condicións das oposicións, “agora pola pandemia podemos entendelas necesarias, pero a pouca definición coa que se adoptan pode facer que a Xunta as aplique noutros momentos non xustificados”. Pero é nos mecanismos de xestión da Lei de Reactivación onde pon o foco Burgos, que considera que a norma “traslada trámites que deben facer empregados públicos ás empresas”. “É unha privatización sen precedentes pero silenciosa, a cachiños e pola calada”, resume. E canto á reorganización do persoal público para atender a xestión das axudas de recuperación, advierte: “En canto haxa movementos de persoal, vai haber conflitos, así que vailles ser mellor negocialo e non impoñelo por lei”.
"A Lei de Reactivación supón un grave risco xa que aposta por unha externalización das funcións públicas relegando á Administración e aos seus empregados a un papel secundario", di Emilio Doforno (CCOO)
O coordinador de Administración Autonómica de CCOO-Galicia, Emilio Doforno, coincide en que a Lei de Reactivación supón “un grave risco xa que aposta por unha externalización das funcións públicas relegando á Administración e aos seus empregados a un papel secundario”. Doforno insiste en que “a tramitación e xestión dos fondos de recuperación sexan realizadas por empregados públicos como garantía de imparcialidade e obxectividade” e lembra que a Lei de Emprego Público “dispón de fórmulas (mobilidade e sistemas de provisión) que se deben implementar prioritariamente” pero de xeito negociado cos sindicatos. “O que CCOO non vai permitir é que a utilización desas fórmulas sexa imposta”.
Doforno vai máis alá das mudanzas introducidas agora e apunta tamén ao que non muda. “A medida máis prexudicial para o emprego público é o mantemento das taxas de reposición vixentes”, di, unha medida condicionada polo Goberno central que impide a recuperación do emprego perdido nos últimos anos.
"Chama a atención que un goberno composto maioritariamente por funcionarios da Xunta se caracterice por desvalorizar intencionadamente a figura do funcionario", lamenta José Francisco Sánchez-Brunete (CSIF)
En CSIF o seu secretario de Organización en Galicia, José Francisco Sánchez-Brunete, considera que “este goberno caracterízase por desvalorizar intencionadamente a figura do funcionario de carreira, e chama a atención que sexa un goberno composto maioritariamente por funcionarios desta administración”. Sobre o procedemento elixido para tramitar parte das modificacións, a través de emendas presentadas polo PP, di que “é un problema das maiorías absolutas consolidadas, nas que o executivo manda sobre o lexislativo e permite a fraude de lei”.
Máis alá do cambio estrutural que se pode dar coa Lei de Reactivación Económica e a súa aposta por externalizar trámites, Sánchez-Brunete tamén critica como especialmente grave a decisión de perpetuar trienios máis altos ao persoal que se integre na Xunta procedente de entes paralelos, entres os que hai altos cargos do Goberno galego. “Este goberno vén caracterizándose por modificar a lei de emprego público cada ano para beneficiar a alguén, pero nunca se atrevera a tanto”, di, para asegurar que esa medida “é unha corrupción administrativa, porque estanse modificando leis para beneficio persoal de membros do goberno e afíns ao PP, e iso coñécese como nepotismo”.
"Baleira o traballo do funcionariado, debe haber un control administrativo dos procedementos", censura Lino Díaz (UGT)
Desde UGT-Galicia o seu secretario de Administración Autonómica, Lino Díaz, considera que a Lei de Reactivación “baleira o traballo do funcionariado” e que “debe haber un control administrativo” dos procedementos que agora se queren simplificar. Para axilizar eses trámites, Díaz considera que a mobilidade temporal xa prevista na Lei de Emprego Público debera bastar e reclama que a Xunta negocie cos sindicatos as súas decisións ao respecto e non as impoña a través do PP co debate parlamentario xa avanzado. “Creo que hai posibilidade de transaccionar, pero Función Pública ten a obriga cando menos de pasarlle eses artigos a todas as organizacións”, censura sobre o procedemento polo que o PP se emendou a si mesmo a última hora.
Fronte á belixerancia de Sánchez-Brunete coa medida que consolida os trienios elevados do persoal que se integra na Xunta procedente de entes paralelos, Díaz e Doforno coinciden en que así o permitiría a garantía de indemnidade introducida nos procesos de integración para que as persoas afectadas non perdesen salario, con maior motivo din no caso da antigüidade que “ten carácter persoal” e é un complemento diferente para cada traballador que non vai ligado ao seu posto. “O problema non é que o persoal dos entes veña para a Xunta coa súa antigüidade, o problema é que responsabilidades se lle esixen a quen consentiu que esa antigüidade fose superior á establecida para o persoal da Xunta, ou por que se permitiu que proliferasen os ‘chiringuitos’ sen ningún tipo de control”, sentenza Doforno.
Os sindicatos xa alertan de que a falta non xa de diálogo por parte da Xunta para impulsar estas medidas senón en varios casos sequera de comunicación previa antes da súa aprobación só adía a conflitividade ao momento en que se comecen a aplicar as súas previsións máis gravosas para o persoal público. “Terán que negociar, pero negociar é ceder as dúas partes, non só nós”, advirte Burgos.