‘Entidades de colaboración’ alleas á administración, declaracións responsables ou autoliquidacións son algunhas das estratexias polas que aposta o PP na nova lei de reactivación económica
As empresas que queiran que a Xunta tarde menos en tramitar os seus permisos ambientais poderán contratar unha ‘entidade de colaboración’ que os axilice, ao igual que para certas autorizacións non terán que agardar resposta da administración senón só presentar unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos esixidos. Do mesmo xeito será o comprador a través dunha autoliquidación o que se atribúa o dereito a non pagar impostos por mercar un inmoble no rural para unha actividade económica e novamente será el mesmo quen ata catro anos máis tarde diga se non cumpriu cos requisitos que se lle esixiron. Son algunhas das medidas contempladas polo PP na nova lei de reactivación económica, a terceira en oito anos con similares obxectivos, que simplifica trámites ás empresas deitándoos en mans privadas:
‘Entidades de colaboración’ acelerarán trámites ámbientais
A nova lei di que a actuación das entidades externas “rexerase polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia” aínda que sexan contratadas por empresas interesadas en que os seus proxectos saian adiante
Unha das principais novidades da nova lei é que as iniciativas empresariais que requiran de avaliación ambiental poderán contratar ás novas e denominadas entidades de colaboración ambiental para que certifiquen ante a Xunta que os proxectos cumpren cos requisitos da administración.
A lei matiza que esas entidades externas non substituirán “as potestades públicas” de aprobación ou denegación final dos proxectos, pero os prazos para que a Xunta resolva sobre os mesmos reduciranse de tres meses a un mes cando interveñan ese tipo de entidades, cuxo funcionamento, asegura a norma, “rexerase polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia” aínda que sexan contratadas polas empresas interesadas en que os seus proxectos saian adiante.
‘Xestores de proxecto’ alleos á administración axudarán a empresas a obter permisos
A Xunta acelerará trámites non só ambientais ás empresas que o propio Goberno galego declare como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias, que a grandes liñas deben prometer un investimento mínimo de 20 millóns e a creación de 100 postos de emprego no primeiro caso e un millón e 25 postos no segundo, cifras que a nova lei reduce a respecto das anteriormente vixentes. Pero ademais a nova lei contempla que a propia Xunta contrate xestores de proxecto, entidades “alleas á administración” que axuden ás empresas cualificadas como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias “na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites”. Ademais, a norma obriga á Xunta a outorgar financiamento público aos proxectos estratéxicos ou prioritarios.
Declaracións responsables e entidades de certificación para non agardar por permisos da administración
Ademais das entidades que axilizarán a tramitación ambiental e das que axudarán con todos os seus trámites aos proxectos estratéxicos ou prioritarios, a nova lei tamén amplía o ámbito de actuación das denominadas entidades de certificación creadas na lei de 2013 para actuar como intermediarias entre as empresas de todo tipo e os concellos á hora de obter as licenzas municipais necesarias para cada proxecto. Elas “serán as únicas responsables fronte ao concello do contido das certificacións emitidas, substituíndo a súa actuación a responsabilidade das demais persoas interesadas”.
Ademais desas entidades que certifican que as empresas cumpren cos requisitos esixidos e non precisan agardar polo permiso expreso do concello, a norma tamén contempla a figura da declaración responsable para diversos trámites como o garantir en determinados supostos que un proxecto de execución cumpre a normativa de aplicación ou que unha iniciativa conta con acordos dos titulares de bens ou dereitos que se vexan afectados por ela.
Autoliquidacións para non pagar impostos por mercar inmobles no rural
A nova lei suprime impostos por comprar inmobles para actividades económicas en "zonas pouco poboadas ou áreas rurais" entre as que a Xunta inclúe parroquias do Grove, Oleiros ou Baiona e deixa en mans do comprador pagalos posteriormente se non cumpriu cos requisitos
A nova lei tamén amplía o ámbito de redución de impostos á compra e venta de inmobles no rural. Tras reducilos hai un ano para as segundas vivendas en “zonas pouco poboadas ou áreas rurais” de toda Galicia -entre as que a Xunta inclúe parroquias de concellos como O Grove, Oleiros ou Baiona-, a nova norma suprime de feito cunha dedución do 100% o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na compra de inmobles para actividades económicas nesas mesmas parroquias baixo certas condicións. O inmoble terá que afectarse a unha actividade económica distinta do alugueiro no prazo dun ano desde a súa adquisición, a empresa terá que ser de reducida dimensión e durante os dous anos seguintes á compra deberá crear nese lugar cando menos un novo posto de traballo que deberá manter cando menos durante dous anos.
Para obter esa supresión do imposto (do 100% nas parroquias cualificadas como rurais ou pouco poboadas e do 50% no resto para as empresas que cumpran cos anteditos requisitos), será o propio interesado o que deba sinalar no documento público de adquisición do inmoble que o destinará a actividade económica e aplicarase a dedución fiscal nunha autoliquidación do imposto. Se finalmente a empresa non cumpre co prometido “deberá practicar a correspondente autoliquidación e presentala no prazo dun mes, contado desde o momento en que se incumpran os requisitos”, que pode ser ata catro anos despois da compra do inmoble no caso dos compromisos de creación e mantemento do posto de emprego.
Novos parques eólicos á marxe da planificación pública
A proposición de lei do PP tamén prevé obviar a planificación pública do sector eólico e permitir que calquera empresa poida solicitar instalar novos muíños en calquera lugar de Galicia que manteña as distancias mínimas con núcleos habitados e a cualificación do seu solo permita ese tipo de instalacións. O Consello da Xunta poderá autorizar esas iniciativas privadas á marxe do Plan Sectorial Eólico de Galicia se considera que son proxectos con “clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social” e con “función vertebradora e estruturante do territorio”. Neses casos que decidirá o propio Goberno galego evitarase o máis complexo procedemento de ter que modificar o plan eólico.