O Goberno galego tamén permitirá que as ‘entidades de colaboración ambiental’ ás que desviará parte do traballo do funcionariado realicen inspeccións como se fosen a administración, que despois pode asumilas como propias
A finais do pasado ano Praza.gal avanzou que a Lei de Reactivación que o PP estaba a impulsar no Parlamento de Galicia prevía deixar en mans de ‘entidades de colaboración ambiental’ parte da tramitación ambiental de todo tipo de proxectos con impacto sobre o territorio, en particular iniciativas empresariais que o Goberno galego quere axilizar. A lei, que desregula permisos ambientais, subvencións a empresas e emprego público, está en vigor desde mediados de marzo e agora a Xunta vén de expoñer ao público un decreto para desenvolver as ‘entidades de colaboración ambiental’ no que prevé poder deixar nesas mans privadas tanto a análise das alegacións que a cidadanía realice a todo tipo de proxectos como tarefas de inspección ambiental da administración, que despois pode asumir como propio ese traballo.
Tanto a lei xa aprobada como o proxecto de decreto agora a exposición pública insisten en que o que a administración poida encargar ás entidades externas non substituirá “as potestades públicas” nin as “competencias” finais de aprobación e supervisión que seguirán en mans da Xunta. Pero contémplanse reducións nos prazos de tramitación de expedientes ambientais cando neles interveñan esas entidades de colaboración, que poderán ser contratadas polas empresas que queiran impulsar proxectos con impacto sobre o territorio ou ás que poderá recorrer a propia administración para axudala a ela nas súas tarefas cando así o considere, desviando así parte do traballo do funcionariado.
O proxecto de decreto agora a exposición pública sinala que as entidades privadas poderán colaborar coa administración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental de todo tipo de proxectos, o que “consistirá na asistencia técnica ao órgano administrativo competente na realización material de calquera dos trámites daqueles, en particular os de información pública e consultas, e na análise técnica dos expedientes”. E engade que esa colaboración “poderá incluír a valoración das alegacións e informes recibidos mediante o oportuno informe, que poderá ser asumido polo órgano administrativo competente no exercicio das súas competencias”.
O proxecto de decreto agora a exposición pública considera "a falta de colaboración" coas entidades privadas cando realicen inspeccións encargadas pola Xunta como "obstrución" da propia administración
O proxecto de decreto tamén permite que a administración encargue ás entidades de colaboración a realización de inspeccións ambientais con “toma de mostras, análises, verificacións e controis técnicos de todo tipo”. Cando estean exercendo ese traballo, di o decreto, “a falta de colaboración” con esas entidades “considerarase para os efectos do réxime sancionador aplicable como obstrución do labor inspector da administración”, que posteriormente poderá asumir como propios os resultados desas inspeccións.
O texto tamén regula as incompatibilidades e requisitos que deben cumprir as entidades de colaboración, que deberán contar cun seguro de responsabilidade civil que responda polas súas actuacións ata un cun millón de euros. Unhas entidades que o decreto agora en elaboración, como a lei xa aprobada, establecen que deben rexerse “polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia”.