O alto tribunal atende un recurso da CIG e anula os preceptos dun decreto derivado da 'lei de reactivación' que supuxeron "unha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental"
A finais de 2020 o PP impulsou no Parlamento a denominada Lei de Reactivación, presentada como un mecanismo para impulsar a recuperación económica en plena pandemia da COVID. Como avanzou daquela Praza.gal, entre as novidades do proxecto estaba deixar nas mans das denominadas "entidades de colaboración ambiental", organizacións privadas, bo aparte dos trámites que avalían se un determinado proxecto, sobre todo os lanzados por empresas, cumpren ou non coas normas en materia de medio ambiente.
A mediados de 2021 o Goberno de Alberto Núñez Feijóo comezou a aplicar a lei, xa en vigor, lanzando o decreto para desenvolver as funcións desas entidades privadas. A norma acabaría por non ver a luz ata 2023, xa con Alfonso Rueda na presidencia, entre o que diversas voces consideraban unha privatización das avaliacións ambientais. Con esa interpretación vén de concordar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que nunha sentenza feita pública este 12 de marzo dá a razón a un recurso formulado pola CIG e anula parte daquel decreto por supoñer "unha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental".

A Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego considera contrarios á legalidade dous artigos do decreto e parte doutro por implicar a "completa externalización de toda a tramitación da avaliación ambiental" e facelo "con carácter estrutural". A Xunta artellou ademais a norma, subliña, "sen que consten mecanismos de control realizados por funcionarios públicos sobre a actuación destas empresas", o cal "aboca a que a decisión que han de adoptar as autoridades públicas" sobre se un proxecto é ambientalmente viable ou non "sexan simples ratificacións, sen posibilidade de contraste".
O Goberno galego deixou nas mans das empresas consideradas "entidades de colaboración ambiental" toda "a tramitación da avaliación ambiental", con "carácter estrutural" e sen "mecanismos de control por funcionarios públicos"
O que fixo o Goberno galego, abonda o tribunal, foi encomendar a empresas privadas "calquera dos trámites" da avaliación ambiental "coa única reserva do ditado formal das resolucións correspondentes". "Externaliza toda a tramitación (...) e pona nas mans da empresa privada, incluíndo nisto varios fitos na tramitación do procedemento ambiental que implican materialmente o exercicio de potestades administrativas" porque, por exemplo, estas empresas analizan se os informes administrativos sobre o proxecto avaliado son dabondo ou, por exemplo, se cómpre ou non unha segunda exposición pública se o promotor do proxecto introduce modificacións nel.
"En realidade, o exercicio material da competencia" queda "residenciado" na empresa privada. E iso é tanto como "trasladar a unha empresa privada funcións que están reservadas a funcionarios públicos, porque reciben incluso de xeito explícito o mandato de valorar alegacións e informes" e "facer análises técnicas e xurídicas". Polo tanto, os gobernos de Feijóo e Rueda pasaron da "colaboración" con entidades privadas si permitida pola lei "á substitución". "En realidade", estas entidades "non colaboran coa administración, senón que suplantan á administración durante nada menos que toda a tramitación da avaliación ambiental".

"Atopámonos diante dunha abdicación da tramitación administrativa e, polo tanto, do exercicio da competencia, que é irrenunciable para a administración", enfatiza a Sala, composta por tres maxistrados e dúas maxistradas. Existe abondosa xurisprudencia, sinala a sentenza, que veta tanto esta práctica como o feito de converter en estrutural o recurso a empresas privadas para "atender funcións de tramitación administrativa que lle son propias".
"Atopámonos diante dunha abdicación da tramitación administrativa e, polo tanto, do exercicio da competencia, que é irrenunciable para a administración"
Pola contra, o TSXG si considera conforme coa legalidade outro dos artigos recorridos, o 29, que contempla a "colaboración" destas empresas privadas "no exercicio da función de inspección ambiental" con funcións como "tomas de mostras, análises, verificacións e controis técnicos de todo tipo que a Administración ambiental lle poida encomendar". Que asuman estas funcións é legal sempre e cando se limiten a "actuacións materiais de inspección que non estean reservadas a funcionarios públicos"
Por todos estes motivos, o TSXG declara a "desconformidade a dereito" dos devanditos artigos e impoñer á Xunta as custas procesuais do procedemento. A sentenza non é firme, porque contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.