O Goberno galego creará a Oficina Facendo Negocios e obrigarase a dar financiamento público aos proxectos que considere estratéxicos ou prioritarios
A Lei de fomento empresarial de 2017, que a oposición e colectivos de defensa da natureza e o patrimonio cualificaron como lei de depredación de Galicia, quedouse curta e as tres reformas que sufriu desde a súa aprobación non bastaron, segundo a Xunta, para impulsar o suficiente a implantación de empresas no país. Para ir un paso máis alá o PP vén de presentar a denominada Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica que ademais de facilitar a tramitación ambiental de todo tipo de proxectos e abrir a porta a máis parques eólicos dos xa planificados tamén amplía as axudas que as empresas poderán recibir por parte da administración galega.
A nova norma regula o funcionamento e competencias da denominada Oficina Facendo Negocios (Doing Business segundo a nomea en inglés a proposición de lei do PP), departamento con rango de subdirección xeral que será “o órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias”.
A lei tamén modifica as condicións para que o Goberno galego declare un proxecto industrial como estratéxico, que ata agora debía requirir dun investimento mínimo de 50 millóns de euros e a creación de máis de 250 postos de traballo. A nova norma prevé que poidan recibir esa consideración se cumpren dous dos tres seguintes requisitos: un investimento mínimo de 20 millóns, a creación dun mínimo de cen postos de traballo ou “que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da UE” e as súas liñas de financiamento.
As iniciativas empresariais que a Xunta cualifique como prioritarias para facilitarlles trámites xa non terán que comprometerse a manter a súa actividade un mínimo de cinco anos
Igualmente, a lei tamén modifica as condicións para declarar un proxecto como iniciativa empresarial prioritaria. Esas iniciativas xa non terán que comprometerse a manter a súa actividade durante un mínimo de cinco anos, como recollía o texto da lei de fomento empresarial. Aquela lei establecía que podía ser declarada como prioritaria unha iniciativa empresarial que cumprise dous dos seguintes tres requisitos: que crease un mínimo de 25 postos de traballo, que supuxese un investimento mínimo dun millón de euros ou que fosen “proxectos tractores ou que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos”. A nova norma inclúe tamén a posibilidade de que sexan “instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sostible de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural”.
A nova lei non fixa límites para o financiamento público das empresas que a Xunta considere estratéxicas ou prioritarias e só sinala que ademais "en todo caso, deberá contar con financiamento privado"
Entre eses instrumentos para facilitar a implantación en Galicia de iniciativas empresariais que a Xunta poida considerar estratéxicas ou prioritarias a nova lei contempla que o Goberno galego “poderá designar ou contratar xestores de proxecto para prestarlle ao suxeito promotor asistencia na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites”. Esa axuda ás empresas para que cumpran cos requisitos que a propia Xunta establece para darlles permisos poderá concretarse “mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración ou dos contratos con entidades alleas á administración”, engade a lei.
A nova lei tamén obriga á Xunta a dar financiamento público ás empresas que o Goberno galego defina como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias, figuras ás que ademais deberá facilitar e acelerar a tramitación dos seus permisos. A Xunta, di o texto, “porá a disposición dos suxeitos promotores” dese tipo de proxectos “os instrumentos de financiamento público que contribúan a complementar a estrutura financeira do proxecto ou da iniciativa que, en todo caso, deberá contar con financiamento privado”. O texto non fixa límites máximos ou mínimos para eses financiamentos público e privado.