O líder popular di que a nova norma quere facer da Xunta “a administración máis áxil dos últimos 40 anos”, gobernados todos eles polo PP salvo sete
Hai agora sete anos o PP aprobaba coa súa maioría no Parlamento de Galicia a Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica, que dicía apostar por facilitar a implantación no país de calquera actividade con “seguridade xurídica”. Catro anos máis tarde saía adiante a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que tamén apelaba á mesma “seguridade xurídica” e a crear un “marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza” para apoiar ás empresas.
Tras modificar catro veces a primeira desas leis e tres veces a segunda, e despois de aprobar polo medio a Lei 1/2015 de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que dicía axilizar os procedementos administrativos, agora Feijóo di estar a traballar nunha nova Lei de reactivación económica “porque a tramitación administrativa non pode ser un problema, senón que ten que ser un acompañamento legal ás empresas, para que con seguridade xurídica se poidan instalar no ámbito territorial”.
A nova lei que o presidente espera que a Xunta aprobe este mesmo mes de novembro, e que despois aínda debe ser tramitada polo Parlamento quere ser “a maior resposta dada pola Xunta á diminución da xestión burocrática da Administración pública autonómica” facendo que se converta “na administración máis áxil dos últimos 40 anos, que se eliminen solapamentos innecesarios, disfuncións e duplicidades entre departamentos, e que se facilite a captación e execución de proxectos”. Unha afirmación que bota a vista atrás non só sobre os máis de once anos que leva presidindo el a Xunta senón sobre toda a historia da autonomía, gobernada polo PP na súa maior parte agás sete anos.
A aspiración dunha simplificación administrativa en Galicia hai que remontala no pasado recente á idea de Manuel Fraga durante o seu primeiro mandato da denominada administración única. O seu sobriño e portavoz parlamentario do PP desde hai unha década, Pedro Puy Fraga, insistía en 2009 en que “non pode ser que non haxa un portelo único para o fomento da empresa e dos emprendedores”.
Só na pasada lexislatura a Xunta mudou a través das leis de acompañamento ata 33 normas impulsadas previamente por gobernos do propio Feijóo, entre elas as do solo e comercio interior ata en catro ocasións cada unha
Para simplificar esa situación e facilitar a actividade económica, en 2013 aprobouse a Lei do emprendemento e da competitividade económica, que dicía ter “a finalidade de fomentar o emprendemento e apoiar as persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía” dándolles “seguridade xurídica”. Apenas un ano despois era modificada a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2015, a norma á que os gobernos de Feijóo veñen recorrendo de xeito sistemático para modificar con menos debate e cunha tramitación acelerada todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación cos orzamentos. Só na pasada lexislatura a Xunta mudou ata 59 leis distintas a través das leis de acompañamento dos seus orzamentos de cada ano, 33 delas impulsadas por gobernos do propio Feijóo, entre elas as do solo ou a de comercio interior ata en catro ocasións cada unha.
Aquela lei de 2013 aínda sería modificada outras tres veces máis, nas leis de acompañamento das contas de 2017 e de 2018 e coa lei de 2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas. Ademais, non foi ata tres anos despois da entrada en vigor da lei que a Xunta aprobou o seu desenvolvemento a través do Decreto de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos.
En 2017 novamente a Xunta volveu insistir no mesmo obxectivo coa Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que dicía “ocuparse de que as iniciativas empresariais do sector industrial, de servizos relacionados co anterior e do comercial por xunto dispoñan, en primeiro lugar, do solo que precisan para a súa implantación en condicións vantaxosas; en segundo lugar, dun marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, tal como exixen os principios da boa regulación; e, en terceiro lugar, de incentivos que fomenten a súa radicación en Galicia”. Novamente, coa “seguridade xurídica” como idea transversal, a norma foi alcumada como “lei de depredación de Galicia” pola oposición e diversos colectivos ecoloxistas e de defensa do patrimonio que viron nela a desregulación de todo tipo de actividades aínda que puideran ter efectos negativos sobre o territorio.
Aquela lei de 2017 xa foi modificada tres veces, dúas delas novamente a través de leis de acompañamento. Aprobada en outubro, apenas dous meses despois chegaba o seu primeiro cambio, a través da norma de acompañamento das contas do seguinte ano, para ampliar os prazos de caducidade do permiso urbanístico autonómico para grandes proxectos que non fosen quen de rematar as súas actuacións no tempo previsto ou as obras fosen interrompidas por tempo superior ao autorizado.
A segunda modificación chegou un ano máis tarde, en decembro de 2018 e novamente a través da tramitación das contas para o ano seguinte, cando se estableceu que a Xunta podería designar iniciativas empresariais prioritarias ás que reduciría “á metade” os prazos de tramitación. E aínda habería unha terceira modificación da lei de 2017, en agosto de 2019 a través da Lei do patrimonio natural.
A xustiza vén emitindo condenas por todo tipo de incumprimentos da legalidade por parte da Xunta e censurando os atrasos da administración coa cidadanía
Xunto con esas dúas leis de 2013 e 2017 publicitadas como facilitadoras da actividade empresarial e con ela do emprego, e da de 2015 para axilizar a administración, na última década o Goberno galego asegurou que similares obxectivos se cumprirían con outras moitas normas sectoriais para todo tipo de actividades económicas concretas. Como a que en 2009 regulou o aproveitamento eólico tras anular o Goberno de Feijóo o anterior concurso do bipartito argumentando a súa suposta “falta de seguridade xurídica”. Porén, posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo establecerían que aquela anulación foi “ilegal”, feita con “desviación de poder” e provocou “inseguridade xurídica”.
Por outra banda, ao tempo que o Goberno galego foi impulsando todas esas leis xerais ou sectoriais argumentando que permitirían unha maior axilidade e seguridade xurídica, o mesmo que agora di que fará a nova lei, os tribunais veñen emitindo condenas por todo tipo de incumprimentos da legalidade por parte da Xunta, desde tráfico de influencias e suborno ata abuso de dereito ou negociacións prohibidas a funcionarios, ao tempo que censura a demora da administración coa cidadanía, á que en ocasións “non se digna” responder, criticando a súa “lentitude”, “falta de reflexos” ou “ineficacia temeraria”.