O tribunal censura como “reprobable” que o Goberno galego “non se dignou” responder á muller, cuxo pai morreu en 2012 mentres agardaba desde 2009 a que se lle recoñecese o dereito
En 2009 un ancián que convivía coa súa filla recibiu a visita dos técnicos para valorar o seu grao e nivel de dependencia, recoñecemento que non obtería aínda cando faleceu en setembro de 2012, como segue a ocorrer na actualidade, con varios centos de persoas mortas no que vai de ano mentres agardaban na lista de espera da Lei de Dependencia. A filla do falecido pediu á Xunta que lle pagase as prestacións a que tiña dereito o seu pai mentres estivo vivo, pero a Consellería de Política Social rexeitou a súa solicitude e, cando en 2014 a afectada lle presentou un recurso de alzada administrativo contra esa negativa, “non se dignou” contestarlle e nese silencio administrativo permaneceu seis anos. Así o constata agora unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condena á Xunta a pagar á filla as prestacións atrasadas a que ten dereito e reproba o mutismo da Administración.
Antes desta sentenza do TSXG a afectada obtivera o pasado ano en primeira instancia outra resolución contraria, que agora se revoca, por considerarse que presentara o seu recurso xudicial de forma extemporánea, demasiado tarde. Porén, o Tribunal Superior no o considera así e argumenta que “resultaría paradóxico que a censurable inactividade da Administración, traducida no silencio ou falta de resposta ao recurso de alzada plantexado [pola muller], e mantida indefinidamente no tempo, puidese xogar ao seu favor en detrimento dos intereses da recorrente”.
O Tribunal Superior critica á Xunta que "a día de hoxe, superado aquel tempo, non se dignou, aínda, a dar resposta adecuada aos plantexamentos do recurso" da afectada
“Certo é que [a muller] foi realmente paciente, pois agardou arredor de tres anos e medio para acudir á Xurisdición. Pero esa actitude paciente, aínda cando poida resultar sorprendente, non pode prexudicar os seus intereses e favorecer en cambio a reprobable postura da Administración que, a día de hoxe, superado aquel tempo, non se dignou, aínda, a dar resposta adecuada aos plantexamentos do recurso de alzada, eludindo a súa inescusable obriga de facelo expresamente”, di a sentenza.
Pero o Superior vai máis alá ao censurar o silencio da Xunta: “É que non podemos facer recaer sobre o administrado a obriga de recorrer sempre, e en todo caso, contra o silencio da Administración so pretexto de transformar a súa inactividade en aquietamento fronte ao acto presunto desta [a negativa por silencio administrativo]. Sería tanto como impoñerlle un deber de dilixencia e coidado [ao cidadán] que non se lle esixe, en cambio, á Administración”.
O TSXG tamén rexeita o argumento esgrimido pola Xunta para denegar orixinalmente á muller as prestacións a que tiña dereito o seu pai, o de que non convivían xuntos. O tribunal considera que na causa hai probas “máis que suficientes que avalan a convivencia e os coidados que se negan”, como un informe dunha asistenta social, a visita domiciliaria para valorar a discapacidade do pai, a acta de falecemento que indica que o home se atopaba no mesmo domicilio que o da filla, un certificado de que todas as visitas médicas que se lle fixeron ao dependente tiveron lugar nese mesmo domicilio da filla, un informe da instalación dunha máquina de osíxeno nese lugar e dúas testemuñas de veciños.
A Xunta non considerou que todas esas probas fosen suficientes para acreditar que a filla estaba a coidar do pai pero o TSXG censura que se así fose a Administración puido “pedir aclaración ao respecto ou outra proba máis sólida” en vez de rexeitar a petición e despois “gardar mutismo absoluto” ante o recurso. Tras enumeras as probas de que filla e pai convivían, o Tribunal Superior conclúe: “Fronte a todo iso, non temos máis que o absoluto e censurable silencio da administración”.
Unhas 400 persoas morreron na primeira metade deste ano na lista de espera da dependencia
Só nos primeiros meses deste ano, ata comezos de xuño, 388 persoas morreron en Galicia mentres agardaban en lista de espera a obter a prestación que xa tiñan recoñecida e outras 7 faleceron á espera que se lles realizase a valoración. Eran parte dunha lista de espera dunhas 6.400 persoas en Galicia, cifra que chegou a superar as 30.000 persoas.