Máis de 60.000 persoas reciben en Galicia prestacións e servizos ligados á Lei de Dependencia. A cifra foi ascendendo nos últimos anos, sobre todo dende que no ano 2015 finalizou a "moratoria" introducida polo Goberno de Mariano Rajoy para limitar a incorporación ao sistema da poboación con dependencia moderada. Aínda así, son moitas máis as persoas que teñen solicitado estas prestacións e que, ou ben están á espera de que a súa solicitude sexa valorada, ou ben xa lles foi concedida a axuda pero aínda non a reciben.
6.400 persoas agardan en Galicia polas prestacións por dependencia que solicitaron
Forman unha lista de espera que en Galicia compoñen unha 6.400 persoas. A cifra é moi inferior á que se rexistraba nos últimos anos, pois en Galicia chegou a superar as 30.000 persoas. Porén, aínda hai milleiros de persoas dependen na lista de espera, e algunha delas morre mentres agarda porque a súa solicitude sexa valorada ou poidan recibir a prestación xa concedida.
388 persoas faleceron en Galicia mentres agardaban a recibir a prestación ou servizo que xa lles fora concedido. Outras sete persoas morreron á espera da súa valoración
Dende o inicio deste ano un total de 388 persoas faleceron en Galicia mentres agardaban a recibir a prestación ou servizo ao que tiñan dereito e que xa lles fora concedido. A estas hai que sumar outros 7 pasamentos de persoas que realizaran a solicitude e estaban á espera da súa valoración, segundo os datos que fixo públicos esta semana a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais. Hai uns anos o PSdeG-PSOE xa denunciaba publicamente que "milleiros de galegos morrerán agardando pola Lei de Dependencia", nun momento no que a lista de espera roldaba as 25 mil persoas.
O dato galego, no entanto, é moi inferior ao rexistrado noutras comunidades autónomas; no conxunto do Estado case 25.000 morreron na lista de espera da dependencia (7.415 pendentes aínda da súa valoración), nunha lista encabezada por Cataluña, con máis de 6.000, Andalucía con máis de 5.000 e Madrid con case 3.000, mentres que a Comunidade Valenciana, Canarias e Euskadi superan as mil persoas.
As estatísticas do IMSERSO amosan os efectos que a pandemia de coronavirus tivo sobre os datos do sistema de dependencia en Galicia
As estatísticas que todos os meses publica o IMSERSO amosan tamén os efectos que a pandemia de coronavirus tivo sobre os datos do sistema de dependencia en Galicia, cun descenso xeneralizado das cifras de solicitudes, valoracións, número de persoas beneficiarias e número de persoas que efectivamente reciben a súa prestación.
Dende a última publicación realizada antes do estado de alarma (con datos de finais de febreiro), o número de solicitudes reduciuse en Galicia en máis de 1.700 (pasou e 79.832 a 78.129) e tamén o fixeron as resolucións, que pasaron de 79.476 a 77.771. O número de persoas beneficiarias descendeu en máis de 1.400 (de 69.448 a 68.020), das que 61.661 contan efectivamente coa prestación á que teñen dereito e lles foi concedida, 800 menos que en febreiro (62.438).
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais pide "medidas urxentes para evitar o sufrimento e abandono das persoas máis vulnerables do noso país"
Para a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, "estes datos poñen de manifesto de forma incontestable os efectos dos recortes salvaxes (5.864 millóns de euros de recorte acumulado desde 2012) operados sobre o sistema de atención á dependencia e impelen a que se tomen medidas urxentes para evitar o sufrimento e abandono das persoas máis vulnerables do noso país". A entidade reclama "cumprir co acordado no pacto de Estado pola Dependencia e a reunión de Presidentes Autonómicos de 2017" e incrementar "de maneira urxente e sen agardar aos Orzamentos Xerais o financiamento da Dependencia en 1.500 millóns de euros", o que permitiría -engaden- atender a lista de espera e crear 70.000 novos postos de traballo en todo o Estado.
Os servizos sociais "necesitan o apoio financeiro do Estado porque as Comunidades Autónomas non poden máis", di a entidade
Así mesmo, a Asociación reclama a inclusión de mil millóns de euros para servizos sociais no fondo social achegado polo Estado central ás comunidades autónomas, dos que a Galicia corresponderían 56,7 millóns, segundo a entidade. "Os servizos sociais son un investimento imprescindible para garantir a atención digna ás persoas máis vulnerables do noso país e necesitan, máis aínda nestes momentos, o apoio financeiro do Estado porque as Comunidades Autónomas non poden máis e os Concellos excederon con fartura as súas obrigas co Sistema aínda sendo cualificada nalgunhas ocasións, a súa competencia en Servizos Sociais como impropia", denuncia a organización.
Os centros de día seguen pechados, pero reinician a súa actividade
A Xunta autorizará os centros de día a prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios
Ao redor de 14.400 persoas son usuarias en Galicia dos Centros de Día e ocupacionais, establecementos que mantiveron pechadas as súas portas durante os últimos tres meses, por mor da pandemia de coronavirus e as medidas de control e contención postas en marcha polas autoridades sanitarias. Nas últimas semanas, no marco do proceso de desconfinamento e unha vez que se foi recuperando a actividade en moitos ámbitos, numerosas voces viñeron reclamando á Xunta a reapertura dos centros, advertindo da "importante deterioración física e mental" das persoas usuarias pero tamén dos problemas de conciliación e de saúde entre os seus coidadores.
O Goberno galego afirma que "permitirá retomar o resto de actividades" unha vez finalice a formación específica do persoal e conte co material de protección axeitado e protocolos adaptados a cada centro
De feito, o Goberno galego ante as críticas recibidas comezou hai uns días a abrir a man e a non descarta reabrir os centros de día antes de setembro. Este mércores, despois de manter unha xuntanza cos representantes das principais federacións de entidades de discapacidade, o Cermi-Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, comunicaron que o Goberno galego autorizará aos centros de día a prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios.
Este servizo prestarase "con todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias", indica a Xunta, que afirma que "permitirá retomar o resto de actividades unha vez finalice a formación específica do persoal, conte co material de protección axeitado e protocolos adaptados a cada centro e dea luz verde a autoridade sanitaria".