O clamor contra a decisión da Xunta de non reabrir os centros de día ata o vindeiro mes de setembro é cada vez máis grande. Á indignación de familiares, persoas usuarias e profesionais únese á de colectivos do sector social que acusan o Goberno galego de "descoñecemento" da situación e que advirten do "drama" e da "situación irreversible" que o peche durante medio ano destes espazos --máis aínda despois de semanas de estrito confinamento-- está a provocar en moitas casas.
A Sociedade Galega de Xerontoloxía únese aos familiares de persoas con dano cerebral, autismo ou Alzheimer e aos educadores sociais nas críticas ao peche dos centros de día
A confirmación o pasado martes por parte da Consellería de Política Social do inesperado anuncio de Feijóo de que os centros de día para maiores e dependentes non abrirían ata outono "por prudencia" aumentou o enfado. Mentres territorios como Euskadi, Cantabria, Navarra, Catalunya, Asturias ou Comunitat Valenciana abriron xa estes servizos ou ultiman os protocolos para a súa reapertura gradual, a Xunta insiste en manter pechados ata setembro os máis de 260 centros que atenden unhas 14.000 persoas en Galicia, unha das autonomías coa poboacion máis envellecida e con provincias, como Ourense, no podio das rexións máis avellentadas da UE.
"Houbo xente que se botou a chorar, desesperada, asegurando que non aguantaba máis que tiraba a toalla", relata a Praza.gal un profesional da psicoxeratría sobre as reaccións de familiares de persoas dependentes tras seren informadas da decisión ratificada da Xunta.
"Hai quen aínda andaba e xa non o fai, familias que non soportan a situación e sofren ansiedade e depresión, ademais de crise e conflitos sociais, e hainas que aguantan o que lles boten e chegan á consulta do médico con sinais de agresións ou problemas derivados de non durmir", explica Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). O que el preside é outro dos colectivos do sector que manifesta abertamente o seu rexeitamento ao mantemento do peche dos centros de día e que advirte dos "graves problemas" que xa está a causar e que seguirá causando a decisión da Xunta.
"Hai familias que sofren ansiedade, depresión e conflitos sociais; outras, agresións e problemas derivados de non durmir"
A esta voz sumáronse nos últimos días entidades como as que agrupan as persoas con parálise cerebral ou colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (Fegadace) e mais o Colexio de Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg). O primeiro deles remitiu un escrito a Política Social para reclamar que o Goberno galego "reconsidere ou rectifique" ante unha situación, no caso do seu ámbito, que xa é de "emerxencia terapéutica e social". A segunda, advirte dunha medida que "agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras doenzas dexenerativas".
A Plataforma de Centros de Día de Galicia, a primeira en dar a voz de alarma, asegura que "agardar ata setembro é inadmisible e atenta contra os dereitos máis elementais das persoas". Ademais, desde Autismo Galicia ínstanse a rectificar ante unha situación "insostible" e a Federación Alzhéimer Galicia reclama que se "poida atender as persoas con demencia e ás súas familias de forma inmediata".
Desde os concellos tamén se empezan a impulsar medidas para demandar a Xunta unha marcha atrás, sabedores de que mentres Política Social intenta canalizar as súas demandas, son outros ámbitos do Goberno galego os que teiman en manter o peche. Todo despois de que aos centros de día lles fose enviado un Plan de Reactivacion elaborado por Sanidade, do que agora desapareceu a mención a estes espazos, e no que se basearan para ir preparando unha reapertura que consideraban inminente.
Familiares de persoas usuarias do centro de día de Verín demandan a súa "inmediata reapertura", petición que o Concello fixo por carta á Xunta
Neste xoves, a directora do centro de día municipal Raiola de Verín, Chelo Ferreiro, reuniuse con vinte familiares para reclamar unanimemente "a inmediata reapertura dun servizo esencial para os usuarios, que están a vivir unha deterioración inaudita dende que foron confinados nas casas”. Diego Lourenzo, tenente da alcalde da vila e presente tamén na xuntanza, anunciou que o Concello pedirá por carta á Consellería de Política Social que reabran os centros.
Foi tras unha reunión na que familiares de persoas usuarias do centro de día amosaron a súa desesperación entre bágoas. Unha delas, María, contou que xa só pode atender o seu negocio dúas horas e media pola mañá, Así que esperta seu home, marcha para a casa porque ninguén pode atendelo. "Dende que deixou de ir ao centro de día, non fala, non quere comer e está moito máis triste. El está mal pero eu estou aínda peor”, dixo emocionada. “Miña nai estráñao moito, bota todo o día chorando, nin quere comer nin tomar a medicación”, engadía Mari Carmen, outra familiar.
"Quero pensar que non hai mala intención na decisión da Xunta, pero debería recapacitar", explica Miguel Ángel Vázquez, da SGXX, que cre que a medida tomada polo Goberno galego "está fundamentada no medo, pero sobre todo na falta de coñecemento e no desprezo do traballo de moitos profesionais". "Pensar que todas as terapias, a intervención psicofísica e social, os traballos de recuperación e rehabilitación física e cognitiva poden ser substituídos por unha persoa de atención domiciliaria é desprezar o labor do persoal dos centros de día", insiste quen aclara que alí traballan educadores, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais, psicólogos, enfermeiras...
O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía cre que a Xunta actuou de maneira "covarde" e con "descoñecemento e desprezo" sobre o traballo dos centros
Para Vázquez, a clave da decisión da Xunta está en que entre os expertos nos que se apoia "non hai un só profesional ou experto do sector social, dos centros de día". "Non parece que haxa moito coñecemento de como funcionan eses espazos", insiste quen cre que optar por non reabrilos ata setembro supón unha decisión "esaxerada", máis cando "se están abrir as portas destes servizos no resto de comunidades autónomas e noutros moitos lugares de Europa".
"As decisións covardes nunca son boas conselleiras", insiste o presidente da SGXX, que aclara que unha reapertura "implica riscos porque convivir coa covid implica riscos". "O que hai que facer é minimizalos, traballar con procedementos ben feitos, corresponsabilizar as familias e reabrir os centros de maneira progresiva, primeiro cun terzo da súa capacidade para ir avanzando", explica. Ademais, engade, opta por priorizar aquelas persoas con máis necesidades realizar probas PCR previas aos usuarios "en lugar de tirar probas que se están a facer por aí e que é normal que se poñan en dúbida".
Alén disto, Miguel Ángel Vázquez cre que a decisión da Xunta "leva implícita tamén unha sobreprotección dos maiores". "É un atentado aos seus dereitos", explica quen alerta tamén do "prexuízo" a moitas familias. "Hai situacións xa irreversibles e moi graves nas casas, tanto nas persoas dependentes como nos seus coidadores e tanto no seu benestar físico como no psicolóxico e no social", explica quen advirte de "traxedias humanas" e dun "drama" que irá a máis.
Desde a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría piden á Xunta que "teña en consideración os profesionais do sector" e que o seu obxectivo "sexa que as persoas maiores non sigan sufrindo a situación actual de falta de terapias físicas, cognitivas e sociais e que todos os coidadores conten por fin con ese apoio e reforzo fundamental". De feito, Vázquez cre que a Administración debería analizar con detalle o impacto que o confinamento tivo na poboación máis envellecida e contar coas asociacións de familiares de usuarios e de profesionais do sector.
"Todos sabemos que abrir os centros de día supón un risco, pero non abrilos supón ter un enorme problema", insiste Vázquez, que asume que o estoupido da pandemia do coronavirus "puido coller despistadas ás administracións". "Pero agora estamos noutro momento e a decisión parece máis unha falta de consideración e descoñecementImaxe close delete_forever swap_vert o do traballo que se fai nos centros de día.
Mentres, as familia familia familias seguen tomando a iniciativa. A recollida de sinaturas aberta en Internet suma xa máis de 3.200. Foi Lochi Álvarez, a filla e coidadora dun home de 76 anos con Alzheimer, quen impulsou esta demanda para a reapertura dos servizos. "Podo levar a meu pai a un bar, á praia ou ao supermercado pero non ao centro de día", explica.